O PSOE de Santiago insta a negociar novas rutas desde o aeroporto Rosalía de Castro

Con este obxectivo presentarán no Pleno do 29 de febreiro unha moción para que se traballe coordinadamente con Incolsa, Aena e co Comité de coordinación aeroportuaria

Sindo Guinarte: "Non entenderiamos que algún grupo se poña de perfil ou quede á marxe á hora de apoiar esta proposta"

Unha aeronave aproximandose o aeroporto de Lavacolla

Unha aeronave aproximandose o aeroporto de Lavacolla / Antonio Hernández

O edil Sindo Guinarte presentou na mañá do mércores no Pazo de Raxoi unha nova proposta que o Grupo socialista levará a debate no Pleno municipal do 29 de febreiro. Trátase de impulsar a internacionalización do aeroporto de Lavacolla-Rosalía de Castro unha vez coñecido que a operadora de maior actividade na terminal "reducirá o número de pasaxes na tempada de verán en 400.000, pasando de 25 a 20 conexións", aclaraba Guinarte.

"O aeroporto vén dun crecemento continuo, parecía inacadable a cifra dos 3 millóns de pasaxeiros e hai que dicir que foi o aeródromo de primeiro nivel na rede de Aena (Aeroportos Españois e Navegación Aérea) que máis rapidamente se recuperou dos efectos da pandemia", destacou en rolda de prensa Sindo Guinarte.

O edil socialista Sindo Guinarte durante a súa comparecencia no Pazo de Raxoi

O edil socialista Sindo Guinarte durante a súa comparecencia no Pazo de Raxoi / ECG

O edil insistiu en que dende a bancada do PSdeG local "pensamos que a noticia de que a compañía aérea con máis presenza no aeroporto teña previsto reducir o número de prazas ofertadas na tempada de verán, entre abril e outubro, en 40.000 billetes, pasando de ter 25 conexións a 20, e que afectará singularmente aos voos internacionais, non é unha boa nova". Malas noticias que levan aos socialistas composteláns a crear que "Santiago pode quebrar unha liña constante de mellora na capacidade de mover pasaxeiros e, consecuentemente, tamén na capacidade de crear postos de traballo".

Por todo isto, no Pleno do vindeiro día 29, o Partido Socialista presentará a debate unha moción substentada en tres puntos clave. En primeiro lugar, instar o Goberno local a que a través de Incolsa (Información e Comunicación Local) leve a cabo accións específicas para que novas compañías aéreas se interesen "nas vantaxes comparativas" do aeroporto compostelán.

En segundo lugar, Guinarte fixo mención á necesidade de que o biparte inste tamén a Aena a "levar cabo un plan de márketing para potenciar o aeroporto de Santiago como referencia aeroportuaria de Galicia", e por último, a que se establecer "canto antes" unha reunión co Comité de coordinación aeroportuaria de Galicia, que ten entre as súas funcións canalizar as actuacións relacionadas coa promoción do transporte aéreo".

Aeroporto Sá Carneiro

Pese a Guinarte tentou non comparar o aeroporto de Santiago-Rosalía de Castro con ningún outro, o certo que un dos primeiros datos que achegou opoñíao precisamente ao Sá Carneiro do Porto (Portugal). "O certo é que a comezos do século XXI o reparto entre os pasaxeiros do Porto e os pasaxeiros que suman os tres aeroportos galegos estaba ao 50-50 e agora mesmo está Porto moi preto do 70%", apuntaba o edil socialista.

"Evidentemente, aínda que o noso aeroporto mellorou as súas cifras de pasaxeiros, a terminal protuguesa parece que non acusou o risco de perda de viaxeiros galegos", insistiu Guinarte. Por iso dende o PSdeG coidan que "é preciso que dende Compotela defendamos con covicción a capacidade e as posibilidades do noso aeroporto".

Fitur e os destinos europeos

Preguntando pola palabras da concelleira de Capital Cultural, Míriam Louzao, durante a Feira Internacional de Turismo Fitur, arredor do interese do Goberno local en potenciar as conexións aéreas con determinadas capitais europeas. Sindo Guinarte expuxo que dende o Grupo socialista "obviamente, saudamos con agrado os contactos europeos para conseguir que se incorporen a operar no aeroporto novas compañías, pero todo isto é máis necesario e máis acuciante canto temos unha compañía, a de maior presenza no aeroporto, que vai reducir o seu operativo".

Dende o PSdeG consideran necesario "buscar con urxencia outras compañías que substitúan esa menor oferta de voos e aproveitar esa oportunidade para ir máis alá, chegar a máis compañías aéreas que ofrezan outros destinos distintos que permitan continuar o avance do aeroporto",

Uns destinos que dende o PSOE amplía incluso aos transoceánicos, non só pensando no turismo senón tamén "en negocias e empresas", vencelladas á pesca, ás conserverias ou á automoción.