Santiago difunde o Código de Boas Prácticas en Fitur como aposta por un modelo turístico máis consciente
Sanmartín e Louzao mostraron un vídeo cos doce consellos que tamén se poideron coñecer en pezas de animación independentes

Goretti Sanmartín e Míriam Louzao, con outros asistentes en Fitur, a feria internacional de turismo que Madrid celebra ata o domingo / Concello de Santiago
ECG
O Concello de Santiago presentou este mércores en Fitur, unha das principais feiras de turismo de Europa, un vídeo que recolle os doce puntos do Código de Boas Prácticas en materia turística, dados a coñecer na capital galega no pasado mes de xullo. Na presentación, a alcaldesa, Goretti Sanmartín, e a concelleira de Turismo, Míriam Louzao, puxeron o foco na sensibilización e na concienciación sobre a necesidade de apostar por un novo modelo que promova o turismo consciente, de calidade, e que permita unha convivencia harmónica entre persoas visitantes e residentes.
Sanmartín recordou que Compostela é un destino turístico consolidado, que en 2023 superou cifras de visitantes de anos anteriores, e asegurou que “este é xusto o momento de levar a cabo unha transformación importante para que o noso destino turístico non se desvirtúe, como xa sucedeu con outros destinos que se acomodaron e non foron capaces de adiantarse a situacións de turistificación e masificación”.
Deste xeito, o vídeo mostrado en Fitur pon en movemento, a través de animacións, cada un dos doce puntos que conforman o Código de Boas Prácticas e que forma parte da campaña “Fráxil. Santiago de Compostela. Patrimonio da Humanidade. Tes dereito a gozar del e a obriga de coidalo” iniciada o pasado verán, co obxecto de sensibilizar sobre a necesidade de mudar comportamentos para acadar experiencias turísticas de máis calidade. Ademais do vídeo, cada un dos puntos tamén foi distribuído en pezas de animación independentes, para ser difundidas a través de canles dixitais como as redes sociais e webs de grupos de interese en orixe e mercados internacionais, comezando polo público profesional de Fitur.

Raxoi
Cambio de paradigma turístico
A alcaldesa explicou que “o cambio de modelo en que estamos traballando, que en realidade é un cambio de paradigma, só terá éxito se asenta as súas bases na propia comunidade local”. Neste sentido, indicou que o obxectivo último é “dirixirnos a un tipo de turista que cando elixa visitarnos valore na súa xusta medida que Santiago non só debe o seu atractivo a unha conservación patrimonial de excelencia, senón tamén ás persoas que a manteñen viva, á veciñanza que a habita, que a sostén e que a mantén activa e atractiva”.
Pola súa banda, a concelleira Míriam Louzao asegurou que “agora toca superar o ‘máis’ e centrarnos no ‘mellor’, e ante o turismo do ‘selfie’ e da visita rápida, apostamos polo turismo da curiosidade e da exploración”. A concelleira de Turismo cualificou o Código de Boas Prácticas como “unha ferramenta moi interesante para a promoción de Santiago como destino de turismo consciente e responsable que promove unha visita moito máis tranquila e completa e, polo tanto, máis satisfactoria para as miles de persoas que esperamos seguir recibindo, cada día, en Compostela”.

Goretti Sanmartín e Míriam Louzao presentando en Fitur a campaña 'Fráxil' / Concello de Santiago
Marca de visitantes
A alcaldesa aproveitou a súa intervención para mencionar que Santiago ocupa na actualidade un lugar importante na proxección internacional de Galicia. “É o principal tractor turístico do noso país, polo que o noso modelo de turismo afecta e condiciona tamén a imaxe do conxunto do territorio galego”, manifestou.
Goretti Sanmartín expuxo os datos de visitantes do exercicio 2023: máis de 1,5 millóns de pernoctas, 3,5 millóns de pasaxeiras e pasaxeiros no Aeroporto Rosalía de Castro, e preto de 450.000 Compostelas entregadas na Oficina de Acollida a persoas peregrinas. Lembrou que se trata de datos históricos, xa que por primeira vez as cifras de visitantes do ano posterior ao Ano Santo son superiores ás do propio Ano Santo, e que certifican a posición de Santiago de Compostela como un destino turístico maduro e consolidado.
- Así será el nuevo barrio del norte de Santiago: 6.000 vecinos y bloques de hasta 13 plantas
- El dieciocho: el nuevo espacio gastronómico de Área Central que ostentará la pizzería más premiada de Galicia
- ¿Cuánto costarán los pisos protegidos del nuevo barrio del norte de Santiago?
- Luto en Santiago por la muerte de Teté Otero Davila, referente del patinaje artístico en la ciudad
- Así afectará al transporte urbano de Santiago la huelga de autobuses convocada para este viernes
- Sábado trágico en Santiago: una mujer pierde la vida tras caerle encima una nevera
- Sanmartín, sobre el cierre del túnel del Hórreo: 'É lamentable utilizar como medida de presión unha molestia á veciñanza
- ¿Qué supermercados abren este puente de la Constitución en Santiago?
