Santiago apostará en Fitur pola "transformación do modelo turístico" da cidade

Goretti Sanmartín destaca que se procura un turismo "sostible" e na busca dun visitante "que achegue valor engadido"

A alcaldesa reafírmase, pese ao momento "volátil" que implican as eleccións do 18F, en que 2024 Compostela poderá implantar a taxa turística

Feira Internacional de Turismo Fitur do pasado ano

Feira Internacional de Turismo Fitur do pasado ano / Fitur

A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, presentou na mañá deste luns a estratexia da cidade para a súa participación na Feira Internacional de Turismo Fitur que se celebra en Madrid entre o 24 e o 28 de xaneiro. A rexedora, que viaxará a esta mostra acompañada pola concelleira de Turismo, Míriam Louzao, reafirmou que o proxecto da cidade segue a ser a "aposta pola transformación do modelo turístico".

"Santiago é un destino moi maduro, moi consolidado, onde temos datos moi relevantes que así o demostran con máximos históricos", explicaba a alcaldesa en relación aos últimos informes relativos ao récord de visitas no ano seguinte ao Ano Santo ou a que Compostela é a cuarta cidade na que máis aumentaron os ingresos por habitación logo da pandemia.

"A xente quere trasladarse, ver e gozar dun lugar que é especial", recalcou Sanmartín, "unha cidade que se diferencie e vivir experiencias que máis próximas á realidades, á forma de vida da poboación local e non facer unha visita superficial". Por iso, o executivo local levará a Fitur propostas que animen os visitantes a coñecer "Santiago en toda a súa extensión", achegándose non só á Catedral ou ás rúas adxacentes senón tamén "coñecer a nosa riqueza arqueolóxica, a Colexiata do Sar, ter experiencias gastronómicas ou culturais de relevancia".

En Fitur, Compostela achegará ofertas de turismo patrimonial e culinario que poñerá o foco "de maneira especial na preservación e conservación do patrimonio histórico de tal maneira que sexa un patrimonio vivo". "Queremos promover importantes eventos culturais para que as persoas que nos visitan decidan pernoctar unha noite máis e facer coincidir iso cunha obra de teatro, unha actuación da Filharmonía", explicaba a alcaldesa.

Goretti Sanmartín insistiu na idea de que os fluxos turísticos sexan "diferentes" e que quen se achegue á cidade sexa "un visitante consciente". Por iso o executivo local "aposta pola convivencia harmónica entre persoas residentes, turistas, visitantes, peregrinos". Así, o vindeiro día 24, no stand da Xunta de Galicia, Santiago presentará un vídeo, elaborado por Turismo de Santiago que se inclúe dentro da campaña 'Santiago fráxil', presentada o pasado verán.

"A idea principal deste vídeo é a de fomentar ese turismo consciente, desenvolvendo o código de boas prácticas dirixido ás persoas que nos visitan", explicou Sanmartín, "debullando de modo gráfico os diferentes puntos do código", uns puntos que abordan cuestións como "responsabilidade, diversidade, autenticidade, singularidade, calidade ambiental, calidade acústica, calidade visual, preferencia familiar, seguridade, dereito ao descanso, tranquilidade e hospitalidade" e que se divulgarán tamén a través das redes sociais. 

"Santiago ocupa un lugar de vital importancia, queremos que capital de turismo cun modelo transformador que sabemos que non é unha tarefa nin rápida nin sinxela, pero é un reto que asumimos con responsabilidade", sentenciou.

Encontros profesionais e taxa turística

Entre as xuntanzas profesionais que levarán a cabo a alcaldesa e a concelleira de Turismo en Fitur son de destacar as vencelladas ás cidades patrimonio, que os días 24 e 25 desenvolverán na feira a súa comisión executiva e asemblea. "Queremos captar turismo de alto valor engadido, apostando por eses valores que temos como cidade patrimonio", afirmou Sanmartín.

Sobre xuntanzas con operadoras de voos, das que se falou recentemente e que o Concello asegura que ten especial interese noutras capitais europeas, a alcaldesa non quixo desvelar de que outras cidades se trata ou cales son as preferencias do executivo local á hora de establecer novas conexións aéreas.

Ao que si fixo referencia Goretti Sanmartín, preguntada pola proximidade das eleccións autonómicas o 18 de febreiro, "a pesar de estarmos nun momento volátil", polos cambios que se poidan producir logo de que os galegos acudan ás urnas, "en calquera dos escenarios posibles agardamos que Santiago conte con taxa turística neste 2024".