Memoria histórica: o traballo que hai detrás da apertura dunha fosa común adéntrase nas aulas de Compostela

Alumnado de bacharelato do IES Rosalía de Castro coñeceu o proceso de recuperación de vítimas da Guerra Civil e da represión política posterior da man do grupo Histagra da USC

Presentación do traballo realizado polo grupo Histagra da USC no IES Rosalía de Castro

Presentación do traballo realizado polo grupo Histagra da USC no IES Rosalía de Castro / Antonio Hernández

O IES Rosalía de Castro acolleu este martes unha presentación do traballo realizado polo grupo Histagra sobre o pasado de violencia en Galicia, mediante o estudo e a exhumación das fosas de asasinados/as pola violencia franquista. Dan man dos historiadores e membros do grupo de investigación da USC, Lourenzo Fernández Prieto, Antonio Míguez Cacho e Conchi López Sánchez explicouse a alumnado de primeiro de bacharelato do instituto compostelá o proceso de recuperación de vítimas co fin de poñer en valor a memoria esquecida dun pasado violento.

“Desde fóra vese como recuperación de memoria soterrada ou agochada. Nós somos historiadores que intentamos rescatar e explorar uns pasados que xa non existen e iso permite reconstruír ese pasado dunha forma aproximada”, comentou Lorenzo Fernández a modo de introdución.

Pola súa banda, Míguez Macho fixo unha breve explicación de como se constrúe o coñecemento que hai deste pasado. O proxecto leva o nome de “Plan cuadrienal de memoria democrática de Galicia (2021-2024)”. Nel analízase o Golpe de Estado de 1936 e acontecementos de violencia que se produciron a raíz do mesmo ao longo dos anos seguintes e na dictadura franquista. “As consecuencias desa violencia causaron a morte por asasinato de miles de persoas. E outras moitas sufriron outro tipo de castigos. Indirectamente a violencia afectou a toda a sociedade”, comenta Míguez, quen explica o concepto de memoria como algo compartido e colectivo. Míguez asegura que “da violencia do 36 hai memoria experiencial de xente que o viviu como vítima ou ben nas súas familias e en ocasións tamén chegou a estar agochada”. A partir diso foi como comezou a investigar o grupo Histagra.

Aínda que houbo investigacións previas cando realmente se fixo un esforzo por ver o que pasou coas vítimas, os seus nomes, e coa violencia que sufriron foi a partir do 2005 co proxecto Nomes e Voces, dirixido por Lourenzo Fernández. Nel buscaban identificar ás vítimas de violencia cunha base de datos dispoñible na rede cun pequeno perfil bibliográfico, tendo que visitar os rexistros civís de defunción e os procedementos xudiciais para elaborar o mesmo. A maiores os historiadores realizaron entrevistas, tanto a vítimas como familiares, para coñecer as experiencias vividas nesa época. 

Este procedemento é o que levan a cabo agora no proceso de exhumación de fosas co obxectivo de dar unha identidade, ver o tipo de violencia que sufriu cada persoa e coñecer o que se fixo cos seus restos. 

Conchi López Sánchez foi a encargada de explicar ao alumnado que na apertura de fosas entran en cuestión a historia, a arqueoloxía, a antropoloxía forense e a xenética.

En canto á tipoloxía de vítimas, segundo a base de datos de Nomes e Voces, a gran maioría foron paseadas (39 %), executadas (29%) e outras categorías (32%). Entre as dúas primeiras causas López Sánchez explica que a principal diferenza é que no caso da execución “o asasinato ten lugar despois de que un xulgado militar lles encantaura un xuízo con sentenza de morte por certos delitos como o de rebeldía”. Así fala de asasinatos máis planificados e ordenados. En función diso a xestión por parte dos verdugos dos cadáveres era distinta. En concreto, “as execucións estaban recollidas na causa militar e aí mostrábase como e onde se mataban, e onde os enterraban”. Isto fai que sexa máis doado para os actuais historiados acceder ao pasado. “Os paseos non deixan pegada documental, eran corpos abandonados nos montes e camiños que ao día seguinte eran atopados pola veciñanza e trasladábanse ao cemiterio máis cercano para darlle enterramento nunha fosa”, relata Conchi López.

As fosas de Galicia: a maioría teñen entre 1 e 5 vítimas

Na actualidade, segundo a base de datos que manexa Histagra, Galicia conta con unhas 90 fosas, a pesar de que López sinala que “seguramente haxa moitas máis”. De aí que se estea en proceso de investigar e ir catalogando novas fosas. A gran maioría teñen enterradas entre unha e cinco vítimas. Destaca a categoría de máis de 20 vítimas nunha soa fosa que veñen a ser as de cemiterios localizados en capitais de provincias ou grandes cidades, “onde tiñan lugar as execucións como consecuencia das penas de morte”.

Polo momento, o grupo Histagra non levou a cabo ningunha actuación en Santiago. Un dos lugares centrais a investigar sería a fosa do cemiterio de Boisaca. “Hai constancia de que contra as tapias do cemiterio houbo varias execucións entre 1936 e 1939, polo que un dos temas que temos pendentes é intentar identificar onde poden estar enterradas as vítimas que quedaron alí. Estamos convencidos de que haberá unha fosa común dun tamaño grande”, confesa Antonio Míguez

Sobre a localización das fosas dentro dos cemiterios Conchi López explica que adoitan estar en zonas pouco transitadas e detrás da propia igrexa, sendo moitas descubertas por enterramentos posteriores. “Iso era algo que xa sabiamos pola xente que fomos entrevistando”, di.

Fases da intervención nas fosas

Os traballos parten da petición de familiares, asociacións ou particulares que solicitan a búsqueda dunha persona vítima da Guerra Civil ou da represión política posterior. Tendo en conta que o grupo Histagra pode xestionar por ano entre dúas e catro intervencións en fosas, o equipo debe facer unhas escolla ao haber máis peticións. Así, os historiadores deben coñecer a historia desas persoas, así como do lugar onde se localizan as fosas tendo como elemento clave as testumuñas. “Hai moi pouca xente de máis de 90 anos que sabe como foron os enterramentos”, comenta López poñendo en relevancia o seu valor ademais da documentación. Unha vez analizada e interpretada a información elabórase un informe coa información de persoas enterradas, o que lles sucedeu e a historia do espazo onde se localiza a fosa. Isto é a base do proceso de intervención da parte arqueolóxica que se debe presentar diante de Patrimonio, para logo propoñer unha abordaxe práctica para a localización da fosa. “Se hai dúbidas utilízase como recurso o xeo-radar que emite sinais ao chan para detectar se houbo alteracións nas distintas capas do terreo”, sinala. Outro método son as calicatas, excavacións de pouca profundidade para localizar o rastro que deixa na terra o enterramento marcado polo cambio de color e textura. Se todo está claro plantéxase a excavación, onde ten presenza o antropólogo forense. López explica que no caso de aparecer restos óseos e ser humanos o antropólogo forense pode dar orientación do sexo, idade e así ver si encaixa co perfil das persoas que se buscan. Se todo encaixa procédese a analizar os restos en laboratorio de xeito máis profundo. A última parte sería a xenética. “Envíanse os osos susceptibles de obter ADN para extraelo e poder comparalo coas mostras de referencia, as tomadas aos familiares que buscan a estas persoas”, detalla.

As intervencións dos últimos anos leváronse a cabo na fosa do cemiterio de Rubiáns, en Vilagarcía de Arousa, e na fosa de San Pedro de Filgueira, en Crecente. Ambas no 2021. A fosa do cemiterio de Santa Eulalia de Vilacoba, en Lousame, a fosa do cemiterio da Capela, en A Capela, e a fosa do cemiterio de San Breixo,en Celanova, foron desterradas en 2022. Os resultados en cada unha delas poden consultarse na web de Nomes e voces.