O mellor profesor universitario de Galicia é da USC: "Tiven sorte de caer nun bo lugar"

O profesor de Pedagoxía da USC Alexandre Sotelino foi seleccionado entre os dez mellores docentes das universidades españolas no ano 2023

Foi o único galego nesa categoría

Alexandre Sotelino no seu despacho a carón dos catro premios

Alexandre Sotelino no seu despacho a carón dos catro premios / Cedida

Alexandre Sotelino Losada, profesor do Departamento de Pedagoxía e Didáctica da Facultade de Ciencias da Educación da USC, foi seleccionado entre os dez mellores docentes das universidades españolas nos premios Educa Abanca, na edición correspondente a 2023. A entrega dos galardóns tivo lugar o pasado sábado 24 de febreiro na Facultade de Ciencias da Educación da Universidade de A Coruña, onde se homenaxeou a 61 profesores das seis etapas educativas diferentes (de infantil ata a universidade) polo seu traballo nas aulas. Os premiados son seis, un por categoría, aínda que os dez primeiros recibiron unha figura acreditativa. Sotelino foi o único galego na categoría universitaria e quedou en sexta posición.

Acabar na facultade de Ciencias da Educación foi para Sotelino unha casualidade, “unha casualidade moi agradable”. Tiña pensado estudar Arquitectura pero houbo un profesor do instituto que lle quitou esa intención da cabeza. “Foi por consello. Tiña unha idea equivocada do que era esa carreira e resulta que se propoñía moito dende o cálculo físico quedando en segundo plano o deseño, que era o que a min me entusiasmaba”, comenta en conversa con EL CORREO. A pesar de que no bacharelato e selectividade seguiu orientando a súa formación a ese ámbito, rematou entrando en Pedagoxía “coa idea de probar e se non me gustaba cambiar de estudos”.

Sotelino asegura que os anos de carreira foron “os mellores “ da súa vida. “Foi un lugar de encontro do que saíron grandes profesionais da pedagoxía que no seu día foron compañeiros”, ao que engade: “Estiven toda a vida vinculado ao ámbito cultural, veciñal, xuvenil e atopei como Pedagoxía se vinculaba estreitamente con todo iso”.

Sotelino destaca a flexibilidade dos docentes de universidade como unha característica “boa e mala”. “É positiva en referencia a que temos posibilidade de ser ‘autónomos’ no noso traballo xa que a pesar de que estamos enmarcados nun equipo, como no meu caso é o grupo de investigación Esculca, temos liberdade en canto a tempos e horarios e podemos organizarnos individualmente. O negativo é que ás veces levamos moito traballo para a casa e estamos continuamente conectados ao correo electrónico ou á información da universidade”, explica en detalle.

"Que o alumnado participe dun proceso desta índole e propoñan a un profesor/a é o mellor premio que pode haber porque eu non sei se o chegaría a facer no seu día”

O docente tamén pon en valor a conexión establecida cos mozos e mozas nas aulas debatendo sobre a xestión da diversidade cultural e outros ámbitos que lle apaixonan. A maiores, na parte positiva de ser docente cita a investigación. “Podemos achegar e devolverlle á sociedade aquilo que lle dá a unha universidade pública como a USC”, di.

Á hora de captar a atención do alumnado na aula, Sotelino considera que parte dunha situación privilexiada ao ser pedagogo e estar nunha facultade de Ciencias de Educación xa que “os recursos, técnicas e metodoloxías que o alumnado debe adquirir son as que aplicamos nas aulas. Contido e medio son o mesmo, ou debería ser así”.

 O que trata de realizar nas súas clases é “con recursos, tanto das novas tecnoloxías como analóxicos, e as técnicas que existen ver o que imos traballar nas sesións de cada semana e aplicar a metodoloxía que mellor funciona para que o alumnado sexa partícipe do seu propio proceso de ensino-aprendizaxe e que aprenda máis e mellor que é o que nos trae aquí”.

No actual curso académico Sotelino imparte Antropoloxía da Educación no primeiro curso do grao de Pedagoxía e no de Educación Social; e Pedagoxía intercultural en segundo curso de Pedagoxía. Tamén imparte docencia no mestrado en Investigación en Educación, Diversidade Cultural e Desenvolvemento Comunitario, do que é coordinador, e en programas de doutoramento. 

Sotelino non se atreve a dicir o motivo polo que o alumnado decidiu situalo nos últimos anos entre os mellores docentes de España. Quedou en quinta posición en 2019, oitavo en 2020 e foi o gañador da edición do 2022. “Esta última nominación foi unha sorpresa absoluta porque consideraba que unha vez que se gañaba o premio xa non podía volver a estar nominado, algo do que me enterei no pasado mes de novembro”, relata. Nas catro ocasións agradeceu ao estudantado que adicara o seu tempo a intentar que o recoñeceran. “Que o alumnado participe dun proceso desta índole e propoñan a un profesor/a é o mellor premio que pode haber porque eu non sei se o chegaría a facer no seu día”, recoñece.

Valora que a pesar de que os premios teñen un nome, “os éxitos non son individuais senón colectivos”, asegura Sotelino polo feito de traballar en equipo e de maneira coordinada. “Non é un recoñecemento á miña traxectoria, senón á sorte que tiven de caer nun bo lugar”, manifesta.

Suscríbete para seguir leyendo