EUniWell implica á comunidade universitaria co fin de fortalecer o vínculo investigación-innovación

Pilar Bermejo, Antonio López, María José López Couso e José María Miranda, na presentación de EUniWell

Pilar Bermejo, Antonio López, María José López Couso e José María Miranda, na presentación de EUniWell

A facultade de Ciencias Políticas e Socias acolleu este xoves a presentación da alianza EuniWell, a Universidade Europea para o Benestar. A sesión tivo como obxectivo poñer en coñecemento de toda a comunidade universitaria as posibilidades que ofrece a presenza da USC na alianza dende o mes de xaneiro de 2023.

“Non sei se as universidades europeas van a cambiar o panorama universitario en Europa nos vindeiros anos, pero teño claro que é unha aposta decidida das institucións e países de cara ao futuro. Por iso, tiñamos claro que a USC tiña que enmarcarse nun proxecto desta natureza”, confirmou o reitor da USC, Antonio López, na súa intervención. No acto tamén participou a vicerreitora de Titulacións e Internacionalización, María José López Couso; a vicerreitora de Política Científica, Pilar Bermejo Barrera; e o coordinador institucional de EUniWell na USC, José María Miranda Boto. A maiores, de modo online, interviu a directora de Desenvolvemento de EUniWell, Beatrix Busse, que insistiu na idea de cooperación como o elemento clave para acadar a transformación e configurar ese ecosistema europeo universitario do benestar.

Na actualidade, existen un total de cincuenta alianzas, o que implica a máis de 430 institucións e universidades de toda Europa, pero a previsión é acadar as 60 chegando a medio milleiro de institucións. 

O que se busca, en palabras da vicerreitora López Couso, é crear estruturas de coperación “estables e sostibles no tempo máis alá dos catro anos que dura o financiamento para mellorar a competitividade internacional das institucións de educación superior europeas, ademais de promover a identidade e os valores europeos”.

Couso destacou que España ten 45 universidades que participan nalgunha alianza con financiamento da Comisión Europea. A USC é a única do sistema universitario galego.

EUniWell pon o foco no benestar para avanzar na economía de benestar mediante un enfoque horizontal e transectorial. Son cinco os obxectivos principais: transformar experiencias de aprendizaxe, formar á nova xeración de profesores e investigadores, fortalecer o vínculo investigación-innovación, cimentar os vínculos entre os membros da alianza e ser un referente en materia de de benestar.

Para proceder con estes fins identifícanse cinco áreas temáticas: saúde e benestar, igualdade social e benestar, cambio medioambiental e benestar, cultura, multilingüísmo e benestar e formación de profesorado e benestar. Sobre as mesmas, Couso considera que “encaixan perfectamente” con unha universidade como a USC.

Na actualidade EUniWell implica a 11 universidades, máis de 300.000 estudantes e máis de 41.000 membros de persoal (PDI e PTXAS). Tamén conta co apoio de máis de 120 entidades asociadas que apoian os valores da alianza. No caso da institución compostelá, entre as 12 entidades asociadas que aporta, están o Concello de Lugo e Concello de Santiago, as dúas Deputacións, ademais do Idis, Consello da Cultura Galega e Consellería de Cultura da Xunta, entre outras. Unha lista que pode seguir aumentando.

"Non sei se as universidades europeas van a cambiar o panorama universitario en Europa nos vindeiros anos, pero teño claro que é unha aposta decidida das institucións e países de cara ao futuro”

Antonio López

— Reitor da USC

A Comisión Europea acaba de financiar o Proxecto Erasmus +EuniWell for our Futures no que participan oito das once universidades de EUniWell. O prazo de execución vai dende o 1 de novembro de 2023 ao 30 de outubro de 2027 e o orzamento é de 18 millóns de euros, dos que 14,4 son aportados pola Comisión Europea, o que representa o 80%.

O proxecto está distribuído en 12 paquetes de traballo. Cada un deles está cordinado por unha universidade, aínda que a participación é xeral. A USC é a responsable directa do paquete que leva por nome "Investigación, innovación e emprendemento responsables" e a vicerreitora Pilar Bermejo foi a encargada de presentalo. “Pretende dotar a todas as universidades do consorcio dunha axenda e dunhas estruturas de investigación competitivas que nos coloquen como referente no benestar tanto na contorna europea como na contorna mundial”, di.

A intención, en palabras de Bermejo, é “asegurar que o coñecemento que se vai a xerar redunde na calidade de vida e no benestar do individuo, a sociedade e o medio ambiente”. Así, aspírase ao establecemento de iniciativas económicas de innovación social nas que podan intervir as universidades e todos os axentes sociais.

Pola súa banda, o coordinador institucional de EUniWell na Universidade de Santiago, José María Miranda Boto, presentou a “traxectoria dinámica” de EuniWell que abarca catro campos: formación, mobilidade; difusión, divulgación e participación cidadá; e investigación, innovación e emprendemento.

A pesar de que aínda se están a dar os primeiros pasos, a comunidade universitaria xa pode facer achegas a ‘EUniWell 2030: Marco e Preguntas Estratéxicas’, un documento que inclúe un formulario en liña no que se pode responder a dez cuestións sobre a implementación dos valores e a misión de EUniWell na USC e en cada un dos ámbitos temáticos do proxecto.