Entrevista | Antonio López Reitor da USC

“Qúedome con que a USC está entre o 5% das mellores universidades do mundo”

Antonio López Díaz (Barreiros, 1964), catedrático de Dereito Financeiro e Tributario e reitor da Universidade de Santiago dende o ano 2018

Encara o vindeiro curso académico cunha serie de retos centrados na internacionalización, nas infraestruturas, na investigación e no relevo xeracional

Antonio López, reitor da USC

Antonio López, reitor da USC / Jesús Prieto

Cales son os principais retos aos que se enfronta a Universidade de Santiago para o curso 2023-2024?

Este ano estamos nun escenario de máis normalidade, despois de sufrir as consecuencias da pandemia e, a posteriori, as da guerra de Ucraína. Estamos inmersos nun novo período de programación plurianual e enfrontámonos a unha serie de retos globais. Uns teñen que ver coas persoas, no relativo a facer realidade o plan de relevo xeracional, tanto no ámbito do PDI como do PAS, e en materia de titulacións seguir actualizando a oferta que facemos cada ano coa implantación de novos graos e mestrados e a supresión doutros. En investigación, seguiremos apostando pola estruturalización, centrándonos en conseguir unhas relacións laborais máis permanentes. Tamén temos en marcha a elaboración dun plan de internacionalización para afondar na presenza de estudantes de fóra e como mellora das relacións do persoal docente e investigador con outras universidades. Por outra banda, haberá que executar un plan de infraestruturas definido e aprobado xa no propio claustro universitario. Ademais destas liñas xerais, é momento de adaptar toda a normativa universitaria, o que resulta da lei orgánica do sistema universitario español que se aprobou na primavera pasada.

A principios de setembro volverase abrir un novo ciclo para matricularse en graos con prazas vacantes. Tan só quedan 119 prazas en cinco graos no campus de Santiago. Unha mostra de que a USC segue atraendo estudantado...

En materia de titulacións hai que estar permanentemente redefinindo a oferta porque cambia a realidade e o coñecemento. A oferta que facemos dende a universidade ten moi boa aceptación e conseguimos ter un bo nivel de cobertura. Pódese dicir que cos datos de matrícula actuais teriamos tantos alumnos matriculados como prazas ofertamos no seu conxunto, o que significa que hai titulacións onde temos estudantes matriculados por enriba do número que ofrecemos e hai outras nas que falta alumnado. Para o último chamamento xa temos convocados a uns 140 alumnos, dos cales non sabemos cantos se van matricular finalmente aínda que si manifestaron o seu interese. En definitiva, estamos satisfeitos cos resultados da matrícula, pero iso non significa que teñamos que quedar aí. Temos que seguir esforzándonos por adaptar a oferta. Este ano implántanse catro mestrados novos e o ano que vén seguiremos traballando en proxectos de mestrado e tamén dalgún grao máis a longo prazo.

"Temos en marcha a elaboración dun plan de internacionalización para afondar na presenza de estudantes de fóra e como mellora das relacións do persoal docente e investigador con outras universidades"

A Universidade conta con 288 millóns de euros de orzamento para 2023. Cales son as principais partidas?

Os orzamentos teñen que estar directamente conectados co que son as liñas estratéxicas da universidade, deste modo aí unha parte moi importante volven ser as persoas: o persoal docente e investigador, o persoal de administración e servizos e o estudantado, ademais da calidade de vida dos novos campus e da oferta de actividades culturais e deportivas. Despois, hai outro eixe que ten que ver coa calidade da docencia, que pasa dende a dotación de equipamentos ata o relevo xeracional do profesorado. Outra partida destacada é para os equipamentos de investigación e a orientación e axuda de cara á consolidación desas estruturas de investigación.

Logo temos outras liñas transversais que teñen que ver coas infraestruturas que absorben unha parte importante de recursos e como punto favorable destacar que vimos mantendo o rigor e control no gasto corrente porque é o que nos permite liberar recursos para destinalos ao investimento. Falamos de arredor de nove ou dez millóns cada ano, cando viñamos de ter pouco máis de dous millóns en anos atrás. No gasto corrente axustamos con medidas como o plan de aforro enerxético, a internalización do servizo de limpeza a tráves da nosa Fundación USC, partindo de que antes tiñamos contratado unha empresa externa, e o que agora supón aforros de case un millón de euros por ano. Todo iso permítenos afrontar os plans de investimento que teñen que ver co futuro proxecto de Ciencias da Saúde, coa rehabilitación da Facultade de Medicina e de Química, o proxecto para reunificar a facultade de Ciencias de Educación, etc. Ademais, estamos amortizando a débeda que tiña a universidade, preto de 2,8 millóns de euros cada ano, o que nos permitiu pasar dunha débeda que se situaba ao redor dos 26 millóns a 13 millóns nun lustro.

" Vimos mantendo o rigor e control no gasto corrente. Falamos de arredor de nove ou dez millóns cada ano, cando viñamos de ter pouco máis de dous millóns en anos atrás"

Hai algún plan para intentar abrir a USC cara a sociedade?

Esa é unha aspiración que temos dende sempre, e paréceme que temos dado moitos pasos nesta liña. En primeiro lugar, queremos elaborar e deseñar proxectos que impliquen que actuacións que se fan na universidade afecten á cidadanía. Tamén queremos que as nosas actividades de divulgación e actividades culturais sirvan para conectarnos coa cidadanía e coa propia comunidade universitaria. Un exemplo disto é a rehabilitación da cafetería de Xeografía e Historia para que siga sendo a cafetería da nosa universidade, pero que tamén sexa un espazo de uso para os cidadáns, partindo de que se ubica nun punto moi emblemático da cidade.

Outra peza moi importante ten que ver co tecido produtivo e coa aposta que fai a USC para que o coñecemento que se xera poida trascender a empresas coa creación daquelas de base tecnolóxica ou para trasladar informes, ditames, e así mellorar a actividade das existentes. Dende fóra non se coñecen con detalle todas as capacidades que hai na universidade polo que temos que establecer unha pequena fiestra a través da cal, se alguén necesita unha proposta para mellorar algo da súa actividade empresarial, nos faga a solicitude e nós seremos os encargados de buscar unha axuda.

No referente á internacionalización, nos últimos anos déronse importantes pasos e iso vese reflectido na cifra de alumnado que cada ano opta por cursar estudos na institución compostelá. Pódese ir máis alá?

Si, é necesario seguir avanzando. Tivemos unos anos especialmente complicados xa que a pandemia implicou un parón moi grande na mobilidade internacional, pero por sorte xa estamos recuperando os datos de mobilidade anteriores. Vamos a traballar na aprobación dun plan de internacionalización de maneira inmediata, penso que antes de que remate o ano. Un dos eixos nos que se move ese plan é o de prestar unha atención moi especial a América latina especialmente en estudos de mestrado e de doutoramento, ten moitas posibilidades.

A maiores, acabamos de entrar no consorcio universitario europeo EuniWell, un proxecto que ten como elemento central definidor o benestar relacionado coa saúde, a protección do medio ambiente e espazos de novas tecnoloxías, pero tamén o benestar visto dende o punto de vista das novas necesidades dunha sociedade e da gobernanza, etc.

"Queremos que as nosas actividades de divulgación e actividades culturais sirvan para conectarnos coa cidadanía e coa propia comunidade universitaria. Un exemplo é a rehabilitación da cafetería da facultade de Xeografía e Historia"

A transformación dixital é unha ferramenta clave para reforzar a docencia e a investigación. En que punto está a USC?

Ten que ser algo que nos permita cambiar a forma en que nos desenvolvemos. A verdade é que para isto a pandemia deu un impulso grande para avanzar cando nos ía levar máis tempo. Como a utilización de todas as ferramentas de videoconferencia, con todas as potencialidades que teñen para a relación cos alumnos. Estamos completando a dotación de equipamentos nas distintas aulas das nosas facultades e falamos tamén en investigación e xestión, e isto último incluso nos pode obrigar a repensar a propia estrutura administrativa. Tiñamos a estrutura de xestión académica centralizada en unidades de xestión, no Campus Norte, no Sur e en Lugo, mentras que nos centros había pouca actividade académica. Agora a centralización é máis ben dixital e os centros recuperan actividade relacionada coa xestión. É unha aposta imprescindible e necesaria que non queda só no que pode ser máis imediato de pensar, podemosnon só utilizar medios tecnolóxicos para a actividade docente senón que nos obriga a repensar como funcionamos como institución. Hai incluso un plan apoiado con financiamento do ministerio para avanzar na dixitalización das universitades, pero en todos os ámbitos, tamén na relación entre os distintos colectivos. Aí está o reto de se a intelixencia artificial nos vai obrigar na forma de facer. Un reto que a universidade sempre tivo, adaptarse aos novos escenarios.

Antonio López sentado diante do cadro de Alejandro Rodríguez Cadarso, reitor da USC entre os anos 1930 e 1933, nos corredores do Colexio de San Xerome / j.prieto

Antonio López sentado diante do cadro de Alejandro Rodríguez Cadarso, reitor da USC entre os anos 1930 e 1933, nos corredores do Colexio de San Xerome / jesús prieto

Outro dos retos é o relevo xeracional con moito persoal avellentado e xubilacións. Como se pode atallar este problema?

A situación que temos ten unha explicación clara. Na Universidade produciuse un boom de acceso nos inicios dos 80, e iso deu lugar a que a universidade tivese que contratar profesorado docente e investigador e de administración e servizos masivamente. Esa xente é a que se está xubilando agora. Temos moita xente nos tramos máis altos de idade, e moi pouca xente nos tramos novos. Porque ademais a crise financeira do 2009, 2010, ata 2018, impidiu por falta de recursos ou limitacións administrativas que se puidese ir introducindo xente nova. Agora hai que apostar moi directamente por dotación de novas prazas de ingreso de acceso á carreira universitaria.

Dende o 2018 creamos 260 prazas de axudant

e-doutor que había de inicio da carreira universitaria, máis alá doutras figuras como son programas de recursos humanos. E é unha vía que hai que manter continuadamente no tempo porque as xubilacións irán a máis. En 10 anos vaise xubilar un terzo do noso cadro de persoal permanente. Unhas 600 persoas dos 2.800 que son profesorado permanente da universidade. E iso só o podemos resolver introducindo xente nova.

"A pandemia implicou un parón moi grande na mobilidade internacional, pero por sorte xa estamos recuperando os datos previos"

No ámbito investigador, cara a onde camiña a universidade?

Estamos nun proceso no que poderiamos dicir que hai dúas grandes tendencias. Por un lado, temos que avanzar na transferencia do coñecemento, é dicir, que a investigación que desenvolvemos na universidade non quede só en publicacións, senón que, na medida posible, sexa útil e poida ser transferida para que as empresas teñan a opción de mellorar a súa produción e que as administracións poidan tomar decisións.

Por otro lado, temos que ir cara a unha estruturalización de investigación. A reforma laboral obrigounos a estruturalizar as relacións laborais neste ámbito. Con anterioridade os contratos que se facían eran por obra e servizo. Agora, hai que estabilizar a este persoal. Partindo disto é importante non quedar en grupos de investigación dun par de persoas, senón crear centros e institutos que agrupen con transversalidade un volume moito máis alto de investigadores e así ter a opción de dar continuidade a ese persoal investigador que estamos contratando de xeito indefinido. Temos xa exemplos moi positivos como os centros singulares de investigación, como o CIMUS, CIQUS, ou CITIUS, ou o CITMAGA ou CISPAC, de carácter interuniversitario. Por último, o que fai falta é que as administracións que nos finanzan as investigacións non só nos dean cartos para un proxecto, senón que nos faciliten un financiamento mínimo basal para funcionar como entidades de investigación.

Moitos universitarios quedan sen praza nas residencias públicas da USC. Isto únese a que os prezos da vivenda de aluguer están disparados. Non existe a posibilidade de crear máis prazas públicas?

É un problema grave dotar de formas de aloxamento razoables ao estudantado universitario. Temos arredor de 2.000 persoas en lista de agarda para vir a residencias universitarias pero ofrecemos mil plazas de residencia universitaria propias polas que cobramos cuotas en función da capacidade económica que acreditan as familias, un elemento determinante para aceder ao sistema de residencias. Iso significa que ofrecemos a posibilidade de ter unha habitación nunha residencia ubicada no centro de Santiago ou Lugo por uns 60 euros ao mes para as persoas que teñen dificultades. Así estamos garantindo igualdade de oportunidades. Non teño o dato certo, pero somos das universidades que temos máis prazas de residencia en función dos alumnos que temos matriculados. A estas engádense as que ofrece o sistema de residencias ou de colexios maiores xa de iniciativa privada. En total estariamos a falar de 1.800 prazas.

Estamos preocupados porque é un tema clave que os nosos estudantes teñan un sitio digno para vivir, polo que estamos dispostos a colaborar con todas as institucións para tratar de buscar novas solucións. Chéganos algunha nova de que pode aparecer algunha oferta ligada a un proxecto como o de Galeras, a través dunha iniciativa privada. Aquilo no que nos poidamos colaborar co Concello e con outras institucións para mellorar isto imos estar. Cobrando esos prezos é un servizo deficitario, pero conscientemente, e estamos satisfeitos porque é fundamental para garantir igualdade de oportunidades. Gustaríanos poder ter máis, pero chegamos a onde podemos chegar.

"Temos que avanzar na transferencia do coñecemento, que a investigación que desenvolvemos na universidade non quede só en publicacións, senón que poida ser transferida para que as empresas teñan a opción de mellorar a súa produción e que as administracións poidan tomar decisións"

A USC caeu das 500 mellores do mundo no Ranking Shanghai, mentras que a UVigo adiantouna nesa clasificación. Que valoración fai deste dato?

Hai que relativizalo todo, tanto cando subimos, como pasou hai tres anos, como cando baixamos. Quizais sexa o ránking máis coñecido e difundido pero hai que ter en conta que só valora a investigación con seis elementos que se teñen en conta, dous dos que nós non entramos: alumnos ou profesorado con premios Nobel. A USC é valorada polo número de autores altamente citados, onde empeoramos este ano, e pola cifra de publicacións que facemos en revistas como Nature ou Science e outras publicacións en revistas de máis calidade.

E logo hai un último aspecto que relativiza a produción total en función do número de profesores/as. Lixeiras varacións nalgúns deste elementos poden dar lugar a un cambio de chanzo. En calquera caso estar entre as 500 mellores ou entre as 600-700 di que somos exactamente igual de bos que eramos. Se estamos entre as mil mellores universidades no ránking de Shanghai quere dicir que estamos entre o 5% das mellores do mundo.

O orzamento tamén inflúe para situarse nunha posición máis alta. Como anécdota contar que a universidade de Harvard, a número 1, ten os mesmos alumnos que nós, 25.000, pero nós temos un orzamento de 288 millóns de euros e eles uns 4.500 millóns de dólares, o mesmo orzamento que sumaría a metade de todas as universidades públicas españolas, que son cincuenta.

Queremos estar o máis alto posible, pero non hai que velo como unha catástrofe, segue sendo unha cualificación excelente. E no referente á posición da Universidade de Vigo, estamos encantados. Non hai ningún tipo de competencia, o importante e estar aí porque implica avanzar na proxección internacional. Alegraríanos tamén que estivera a Universidade da Coruña.