Plantación de 5 ginkgo biloba para celebrar en Santiago o Día dos Bosques

Ponse en marcha na web local un contador de árbores xeorreferenciados

Celebración do Día Internacional dos Bosques nos Xardíns do Pazo de Fonseca

Celebración do Día Internacional dos Bosques nos Xardíns do Pazo de Fonseca / Antonio Hernández

O Concello de Santiago celebrou o Día Internacional dos Bosques e o Día da Poesía, unidos no Xardín das Pedras que Falan, no Pazo de Fonseca, acompañando o alumnado do colexio Raíña Fabiola na plantación de cinco ginkgo biloba, que acompañarán neste xardín -que conta cunha ampla representación de poetas- o ginkgo xa plantado no século XIX.

A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, explicou que esta experiencia “educativa, ecoloxista e formativa” busca amosar “a importancia do coidado da natureza, para fomentar a plantación de árbores, necesarias na loita contra a emerxencia climática, para regular a temperatura e reducir o quecemento global”.

Ademais, Sanmartín anunciou que o Concello vén de poñer en marcha un contador de árbores ao que se pode acceder desde a web municipal e onde figuran os exemplares xeorreferenciados neste momento e no que se inscribirán as árbores que planten a partir de agora, para que alí figure esta contribución coa natureza e cos retos da emerxencia climática.