Dobrete nas olimpíadas de Física e Química dun alumno de Santiago

Rubén Touriño, estudiante de segundo de bacharelato do Colexio Manuel Peleteiro recomenda a participación neste tipo de competicións: “O importante é o coñecemento que se adquire”

Rubén Touriño, nunha aula do Colexio Manuel Peleteiro

Rubén Touriño, nunha aula do Colexio Manuel Peleteiro / Cedida

Rubén Touriño Alonso (Milladoiro, 2006), alumno de segundo de bacharelato na modalidade científico-técnica do Colexio Manuel Peleteiro, obtivo recentemente a medalla de ouro na fase local da demarcación da Universidade de Santiago da olimpiada galega de Física e na de Química. 

A primeira olimpíada á que se presentou este ano foi a de Matemáticas. Recorda Rubén Touriño que lle resultou “máis complexa”. En referencia as dúas seguintes competicións, celebradas ambas na primeira quincena do mes de marzo, asegura que o ve como “unha oportunidade para aprender e estudar asignaturas que me gustan dende hai moito tempo”. Ao mesmo tempo valora que “non se perde nada”.

Para as competicións contou coa axuda do profesorado, ao cal lle agradece “a adicación dun importante número de horas”. A fase local da olimpíada de Física resultoulle máis complexa que a de Química, a pesar de que o importante para el foi que “as dúas supoñen un reto máis alá do que é o currículo oficial dos cursos de bacharelato de Física e Química “. Con todo considera que “con preparación e esforzo” se poden sacar.

Ambas probas estaban conformadas por cuestións teóricas e problemas relacionados con temas que entran na ABAU e ao longo de segundo curso de bacharelato. A maiores, na olimpíada de Química había que resolver un suposto práctico. Ao rematar ambas probas o alumno do Peleteiro recorda que saiu contento polo aprendido e por “adquirir coñecementos e desfrutar de asignaturas que me gustan”, a pesar de que non esperaba sacar o mellor resultado e “foi unha sorpresa para min”.

Cando lle comunicaron os resultados das probas quedou satisfeito. “Cando o esforzo e o traballo dan o seu froito sempre é moi gratificante”, ao que engade: “Aínda que non gañara estaría igualmente contento polo que aprendín e pola experiencia”. Estes frutíferos resultados fai que Touriño vaia a estar na fase nacional de ambas competicións. A de Química será na Universidade de Murcia, do 26 ao 28 de abril e a de Física, en Granada do 4 ao 7 de abril.

Preparación

Estes días xa estivo mirando o relativo á inscrición nas novas fases. “Supoño que serán exercicios similares á fase local pero terán un grao de dificultade un pouco maior”, comenta. Proximamente comezará coa preparación co fin de desenvolver os exercicios “o mellor posible”.

Rubén Touriño sabe que este tipo de competicións implica ocupar horas fóra das aulas. “Require un esforzo extra pero trato de compaxinalo da mellor maneira”, di. Ao ser asignaturas que lle gustan, transmite, “son horas que disfruto e que non supoñen moita carga para min como serían outras materias”. 

En referencia a segundo de bacharelato valora que é “un curso agotador” pola cantidade de materia que se aborda, o que ve como “un gran cambio respeto aos anos anteriores”. A pesar dito, cree que o “está levando ben” para logo intentar facer o mellor que poida as probas da ABAU.

Futuro

Por agora non ten claro a carreira que quere facer. “De optativa escolleu debuxo técnico porque ao comezar o curso tiña pensado estudar unha enxeñaría, algo que non ten tan claro na actualidade e ao que suma como posibilidades Matemáticas ou Física. Intentará tomar a decisión antes de Selectividade “para ter todo o mellor planeado posible”. Así, procederá a buscar información das distintas titulacións e universidades.

Por unha banda gustaríalle quedarse en Santiago, pero mirará distintas oportunidades incluso fóra do país. “Levo toda a vida aquí e paréceme unha cidade moi bonita”, manifesta. Non mudarse a outro lugar tamén lle permitiría “estar coa familia e amigos”.

Rubén Touriño recomenda aos estudantes anotarse a este tipo de competicións “porque son unha oportunidade para adquirir moitos coñecementos”. Máis alá de se unha persoa consigue ou non o premio, para el “o verdadeiro valor das olimpíadas é o coñecemento que se adquire”. Comenta que non hai que pensar que non vai haber posibilidades. “Se se traballa e hai esforzo detrás é posible sacalo adiante”, conta.