Entrevista | Laura María Lojo Rodríguez Directora do Instituto de Humanidades (iHUS) da USC

“É importante artellar resultados colaborativos na investigación”

La catedrática de Literatura Inglesa en la USC, Laura Lojo Rodríguez

La catedrática de Literatura Inglesa en la USC, Laura Lojo Rodríguez / Cedida

Laura María Lojo Rodríguez (Madrid, 1970), catedrática de Literatura Inglesa na USC, confía en que o novo Instituto de Humanidades coloque na vangarda do coñecemento nas humanidades á institución compostelá. Crear un espazo colaborativo de traballo conxunto entre distintas disciplinas e a busca de autofinanciamento son os principais obxectivos para os seus primeiros anos.

P. Como asume o reto de ser a nova directora do iHUS?

R. Asumo o cargo con agradecemento a todos os investigadores e investigadoras que fixeron posible isto, que creron no proxecto dende un principio, xa que leva en marcha máis de catro anos. Tampouco debo esquecer a labor do equipo reitoral que puxo moito empeño nos últimos meses para que saíra adiante. Eu simplemente represento a esa masa crítica que creo que merece ter un centro destas características. Na actualidade xa existen outros centros tecnolóxicos, pero este é o único centro de humanidades que hai no sistema universitario galego e no estado español. Creo que era de xustiza, ademais de estar en posicións moi destacadas, ter un reflexo nun centro de investigación destas características. É moi positivo para a USC para colocarse na vangarda do coñecemento nas humanidades. 

P. No instituto participará persoal investigador de Filoloxía, Filosofía e de Xeografía e Historia. Que vai aportar cada facultade?

R. As persoas que impulsaron esta idea pertencen a eses centros citados, pero de ningunha maneira o Instituto de Humanidades vai ser unha prolongación dun único departamento, grupo de investigación ou de facultades. Trátase dun centro no que participan investigadores e investigadoras individuais, que poden pertencer a estas facultades ou a outras. Unha das ideas máis centrais do noso instituto é establecer lazos colaborativos con outras disciplinas, non necesariamente as humanidades, senón tamén as tecnolóxicas. 

P. E como van a traballar de maneira conxunta?

R. Non se trata de trasladar a investigación que estamos facendo de xeito individual nos nosos proxectos, senón respostar a tres retos que nos parecen fundamentais desde cada unha das disciplinas. Por unha parte está o cambio climático, o benestar e a xustiza, e por outra banda, a tecnociencia, a dixitalización e os mundos virtuais. Unha terceira cuestión serían as mobilidades e as identidades. En definitiva, trataremos de abordar eses retos dende as humanidades en conxunción con outras disciplinas para abordar os problemas da sociedade contemporánea actual.

P. Xa hai unha data para a posta en marcha do centro? 

R. Estamos agardando a que o reitor convoque a primeira xunta de goberno do instituto. A partir de aí lanzarase a toda a comunidade universitaria un formulario que recibe o nome de expresión de interese, para integrar investigadores e investigadoras de diferentes campos e perfís. Logo existe unha comisión de avaliación externa que avaliará esas expresións de interese dos currículos e a partir dese momento comezará a funcionar o instituto. Prevese que de cara ao verán teremos unha primeira conformación dos investigadores que o compoñen.

P. Cales son os principais obxectivos a alcanzar nos primeiros anos?

R. Unha vez que teñamos os investigadores e investigadoras adscritas ao centro crearemos unha cultura de centro, un espazo colaborativo de traballo conxunto e aliñado con esas prioridades de investigación que comentaba, establecendo equipos de traballo para comezar con proxectos novos. 

Unha segunda cuestión, moi importante, é como obter financiamento a partir deses proxectos. A primeira guía sería a autofinanciación a través do que son as solicitudes de proxectos, sobre todo a nivel europeo. A maiores, tamén nos interesa moito nos comezos a captación de talento, ver como se pode integrar aos mozos investigadores a través dunha política de contratación diferente na que xa está traballando a USC. Logo estaría a transferencia de resultados á sociedade. Trátase de obxectivos ambiciosos a curto plazo.  

“ Será un espazo para investigadores mozos que busquen consolidarse nunha traxectoria de carácter multidisciplinar e que atenderá as demandas da sociedade”

P. O instituto contará nun principio con 70 investigadores. É unha cifra considerable?

R. É unha cifra orientativa, en base ás persoas que apoiaron o instituto, e pode variar en función da avaliación externa da comisión. É importante subliñar que o Instituto de Humanidades abrangue unha grande cantidade de investigadores e de investigadoras de diferentes eidos. É certo que existe unha importante masa crítica que ata este momento non tivo oportunidades de agruparse en unidades de investigación competitivas máis grandes. Agora, a tendencia de agrupar investigadores individuais en unidades de investigación máis amplas é unha política que se está levando a cabo non só na USC senón tamén a nivel nacional, por un motivo moi evidente: a maior número de investigadores, maior competitividade en termos nacionais e internacionais. 

P. O instituto como tal non vai ter unha ubicación concreta, senón que se distrubirá entre os centros. Pode ser isto unha desvantaxe?

R. Xa está aprobado por Consello de Goberno un espazo como sede do Instituto de Humanidades e do Instituto de Psicoloxía. Vai ser a Casa de Catedráticos do Campus Sur. Nestes momentos atópase en obras, polo que estamos á espera de que a universidade nos conceda un lugar provisional para ubicarnos. A colaboración non se pode entender sen un espazo no que compartir as ideas e facer reunións. 

P. O instituto vai favorecer ao alumnado da universidade?

R. Unha das ideas que temos en mente é crear un programa de posgrao propio que forme a investigadores e investigadoras novas en diferentes cuestións arredor da axenda científica, ofrecendo novas oportunidades de novos autores e autoras que poidan adscribirse dentro da súa investigación a este centro. Apostamos por unha oferta transversal, interdisciplinar, colaborativa, entre diferentes facultades, que abordan, como decía ao principio, retos moi concretos. 

P. Dise que as humanidades son unha base esencial para o desenvolvemento tecnolóxico. Por que?

R. Cando falas de desenvolvemento tecnolóxico, evidentemente ten que ver con cuestións como a ética, o benestar ou a equidade. O tema é que as cifras concretas non aportan nada se non se analizan dentro dun conxunto maior. Como exemplo poño o Pacto Verde Europeo. Cando falamos de cambio climático, do impacto do ser humano no planeta ou da degradación do medio ambiente, son cifras científicas importantes, pero para comprendelas na súa totalidade compre ter a perspectiva das humanidades. O avance da IA é excesivamente rápido para lexislar de maneira acorde e ofrece unha serie de ameazas que teñen que ver coa ética, co benestar e coa saúde. Estas ameazas, igual que as oportunidades, só poden ser analizadas desde o punto de vista das humanidades. 

P. Se dentro de dous anos tivera que facer un balance do alcanzado neste novo instituto, que lle gustaría poder dicir?

R. Dous anos é un prazo moi curto para falar dun balance palpable, pero iso non quere dicir que non haxa resultados que me gustaría ver postos enriba da mesa durante este tempo. O primeiro de todo sería concurrir a convocatorias europeas competitivas para obter un autofinanciamento. Tamén son importantes os resultados visibles con publicacións. Logo está a oportunidade de ofertar un espazo colaborativo, esa cultura de centro, que sexa unha resposta a investigadores mozos que busquen consolidarse nunha traxectoria de carácter multidisciplinar e que atende as demandas da sociedade. É evidente que cada vez a investigación ten que ser máis colaborativa e transversal, traspasar as disciplinas propias e artellar resultados colaborativos. Tamén é importante poder concurrir a financiamento competitivo a nivel autonómico, a través das convocatorias de centros da Xunta de Galicia e convocatorias a nivel nacional como Severo Ochoa ou Ramiro de Maeztu.