A USC terá un instituto de investigación en Humanidades e outro en Psicoloxía en 2024

A súa creación autorizouse no último Consello de Goberno do ano co fin de aumentar as sinerxias entre os investigadores e atraer novos talentos

Non implican novos edificios

Participantes no Consello de Goberno da USC celebrado este mércores 27 de xaneiro

Participantes no Consello de Goberno da USC celebrado este mércores 27 de xaneiro / Santi Alvite

A Universidade de Santiago incorporará dous novos institutos universitarios logo da aprobación do de Humanidades e do de Psicoloxía no último Consello de Goberno do ano celebrado este mércores. “Os institutos créanse con persoal investigador que xa está traballando na actualidade e non van implicar a construción dun novo edificio”, explica en conversa con este medio a vicerreitora de Política Científica da USC, Pilar Bermejo. 

O Instituto de Investigación en Psicoloxía (IPsiUS) crearase dentro da Facultade de Psicoloxía, un espazo que polo momento está sen determinar. Participarán nel tres departamentos e contará cun total de cincuenta investigadores “que nos últimos anos tiveron unha importante captación de recursos externos para a investigación”, segundo sinala Bermejo. A súa finalidade será desenvolver investigación básica e aplicada para “coñecer, explicar e predicir os procesos cognitivos, afectivos e sociais que sustenta o comportamento humano, así como proporcionar solucións con base científica para mellorar a saúde e o benestar das persoas e, por extensión, das comunidades”. 

No caso do Instituto de Humanidades (iHUS) será un instituto “máis transversal”. Participará persoal de tres facultades da institución compostelá: de Filoloxía, de Filosofía e de Xeografía e Historia. Comezará con setenta investigadores e poñerá o foco na investigación en humanidades “desde ámbitos moi transdisciplinares relacionándose con outras áreas de coñecemento”. Pilar Bermejo sinala que este ámbito ten un papel “moi importante” na revolución tecnolóxica actual. Deste xeito moitos investigadores están desenvolvendo a súa actividade con métodos da ciencia experimental e “colaboran con persoal do CITIUS (Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes) da USC.

Neste caso o instituto estará distribuído entre os centros, “algo que xa sucede na actualidade” ao existir institutos experimentais de ciencias que dispoñen dun edificio “que non da cabida a todos os seus investigadores”. Para Bermejo o importante non é o edificio en si, senon a estrutura organizativa da investigación.

Os dous novos centros créanse coa data de 27 de decembro, e hoxe mesmo irán a Consello Social. En xaneiro, o reitor Antonio López nomeará un primeiro director comisario e que ao mesmo tempo denominará o órgano de goberno e comités científicos para a posteriori comezar a traballar. “Nos seguintes meses estarán en funcionamento, pero polo de agora non podemos dar unha data concreta”, sinala.

Con estos dous novos institutos universitarios, a USC pretende favorecer a “interrelación” entre os distintos investigadores “porque teñen un paraugas común”. Ao mesmo tempo “xúntase a masa crítica de investigadores que serve para obter máis recursos a nivel financiamento para poder desenvolver os traballos e poder atraer novos talentos”. 

A súa creación require dun soporte económico por parte da Universidade nos comezos. Despois, Bermejo confía en que a propia estrutura facilite a obtención de fondos propios do centro. “A longo prazo é un efecto positivo para a institución e para a cidadanía no seu conxunto”, considera.

"Seguiremos traballando para crear novas estruturas investigadoras porque é unha forma de aumentar as sinerxias e facer unha investigación máis enfocada a resolver problemas actuais de gran importancia”

Pilar Bermejo

— Vicerreitora de Política Científica da USC

A vicerreitora confía en que nos vindeiros anos se cren novos institutos universitarios en ámbitos onde non existen. “Seguiremos traballando para crear novas estruturas investigadoras porque é unha forma de aumentar as sinerxias e facer unha investigación non de máis calidade pero si máis enfocada a resolver problemas actuais de gran importancia”, manifesta. Con todo, Bermejo aclara que pretenden transmitir a idea de que “non poidan existir investigadores aislados”.

Outros asuntos incluídos na orde do día do Consello de Goberno foron a reposición de prazas vacantes de profesorado contratado, unha proposta de recoñecemento da actividade investigadora, propostas de modificacións non substanciais de memorias de grao e mestrado así como un calendario extraordinario para a tramitación de modificacións substanciais de titulacións. Tamén se aprobou o réxime xurídico do/a Delegado/a de Protección de Datos, a modificación dos Regulamentos de indemnizacións pola prestación de servizos da USC e do de Estudos Propios, entre outras cuestións.

Aprobado un orzamento de 314 millóns para o vindeiro ano, un 9% máis que o do 2023

O orzamento da USC para o vindeiro ano ascende a 314,43 millóns de euros cun incremento con respecto ao presente exercicio do 9,22%, cando a institución académica dispuxo duns 288 millóns de euros. As contas aprobadas este mércores no Consello de Goberno da USC parten das liñas xerais aprobadas previamente no Claustro a finais do pasado mes de novembro co lema ‘Cumprindo compromisos, pensando no futuro’ e desenvolveranse en base a “unha estratexia integral que conecte as partes co todo”. Tendo en conta os recursos propios, así como os xestionados pola USC a través dos seus entes instrumentais e adscritos, como é o caso da Fundación USC, a Fundación Rof Codina, a o CISUG, o CITMaga, Cursos Internacionais e a Fundación Dieta Atlántica o orzamento total da USC ascenderá a algo máis de 336 millóns.

As contas da Universidade baséanse na estabilidade que outorga o Plan Galego de Financiamento Universitario 2022-2026. Entre os obxectivos formulados pola proposta de liñas xerais atópase “a vontade de crear unha USC máis sustentable, sostible e eficiente; con maior proxección social e inserción no tecido social e mesmo na contorna urbana”; unha USC “que se proxecta no mundo, con seguridade, con orgullo e con moito potencial”; que sexa un exemplo de boa administración, “cun liderado no ámbito administrativo máis eficiente e eficaz”, con vocación de servizo público; e que forme “persoas con valores, importante para o desenvolvemento da nosa sociedade”, entre os que terán un papel destacado a igualdade, a saúde integral e a atención ás consecuencias do cambio climático.

No próximo exercicio, a USC prevé apostar polas novas infraestruturas: a nova Facultade de Farmacia, a reforma de Medicina e continuarase coa reforma de Química.