Como se utiliza o novo servizo de bicicletas da Universidade de Santiago?

Unha parte delas serán eléctricas e contarase con 4 estacións en Filoloxía, Odontoloxía, biblioteca Concepción Arenal e Hospital Clínico

Ata o mes de xuño analizaranse os usos e necesidades co fin de ampliar o servizo para o vindeiro curso

Arranca o luns o plan piloto de mobilidade da USC con 20 bicicletas

Arranca o luns o plan piloto de mobilidade da USC con 20 bicicletas / Lorena Rey

O plan piloto de mobilidade da Universidade de Santiago (USC) con 20 bicicletas faise realidade o vindeiro luns 15 de abril coa fin principal de abrir a comunicación entre os campus.

“Trataremos de testar a intensidade do uso, as necesidades, os puntos máis demandados para adaptar a oferta do servizo”, mencionou o reitor da USC, Antonio López, que xunto coa alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, presentaron esta venres na Facultade de Ciencias da Comunicación o programa piloto ‘éBici’ de préstamo de bicicletas eléctricas da USC, posto en marcha en colaboración co Concello de Santiago.

Na rolda de prensa, na rampla de acceso desa facultade, participaron tamén o xerente da USC, Javier Ferreira, o delegado do reitor para o Deporte, Javier Rico, e o concelleiro de Mobilidade, Convivencia e Centros Socioculturais, Xan Duro.

Inicialmente, son 20 bicicletas, unha parte delas eléctricas e o resto convencionais, con catro estacións en Filoloxía, Odontoloxía, biblioteca Concepción Arenal e Hospital Clínico, que poderán ser utilizadas por toda a comunidade universitaria (alumnado, PDI e PAS). O desplazamento farase por zonas pausadas de tráfico, de non máis de 30 km/h.

O reitor incidiu en que hai intención de ampliar o servizo e conectalo coa Intermodal. Neste último trimestre do curso analizarase o uso das bicis para ver a demanda e no vindeiro curso xa ter unha proposta “máis ambiciosa”.

Pola súa banda a alcaldesa puxo en valor a posta en marcha do proxecto para “favorecer unha mobilidade distinta e sostible” e que comunique os campus. Asegura que dende o Concello levan tempo falando coa universidade pola necesidade de facer esta aposta, “de usar transportes alternativos”. 

O Concello colaborou directamente ofrecendo 6 bicicletas, catro delas eléctricas, e co pintado e sinaléctica para crear as zonas de preferencia ciclista polas que discurre a conexión do campus norte e sur.

Xan Duro define este mandato como “o da mobilidade”. Entre os grandes fitos cita a implantación “definitiva” da bicicleta como medio de transporte que “eu quixera que fose o principal”. Que o uso do vehículo sexa “o estrictamente necesario e non o abusivo deste momento”.

Ferreira destacou que foi un proxecto “complicado” que se alongou durante un ano. Nace dunha iniciativa do delegado de Deportes e da Xerencia e do impulso de estudantado para resolver a comunicación dos campus marcada pola dificultade de orografía urbana. “As experencias de carril bici son complexas pero confiamos en que a proposta sexa de éxito”, mencionou.

Funcionamento do servizo

Pola súa parte Javier Rico encargouse de explicar o funcionamento do servizo, de caracter gratuito. para o que se destinou máis de 100.000 euros.

Relatou que todas as paradas teñen video vixilancia e iluminación durante a noite e o horario da proba piloto será de 08.00 a 21.30 horas. Hai un buzón de suxerencias e incidencias con teléfono e correo electrónico. 

As paradas terán un cartel con código QR para acceder a unha aplicación na que hai que rexistrarse co usuario da tarxeta TUI. “Así sabemos quen colle a bicicleta, cando e onde se deixa”, di, e ademais a comunidade universitaria saberá cantas bicicletas hai dispoñibles en cada parada nun determinado momento. Incide Rico na importancia do uso eficiente e “que non se colla unha bici ás 8 da mañá e se devolva de noite”.

O luns pola mañá distribuiranse as bicicletas por paradas para que a media mañá xa se poidan empregar.