Entrevista | Antonio López Reitor da Universidade de Santiago

"A USC ten que poñer a intelixencia artificial ao servizo da sociedade"

Entrevista ao reitor da USC: “Temos que poñer a intelixencia artificial ao servizo da sociedade”

Jesús Prieto

Antonio López Díaz (Barreiros, 1964), catedrático de Dereito Financeiro e Tributario, e reitor da USC dende 2018, móstrase satisfeito con que a primeira asamblea xeral da CRUE(Conferencia de Reitores das Universidades Españolas) do 2024 se celebre en Santiago coincidindo co seu trinta aniversario. Aproveita, ademais, para falar das claves do que vai do actual curso académico.

A CRUE organiza este mércores unha xornada sobre a intelixencia artificial. AUSC aposta por acercar esta rama do coñecemento aos universitarios e en consecuencia á sociedade?

Seguiremos apostando por esta rama de coñecemento. Xa demos un primeiro paso coa implantación dun grao en IA, co acordo de que fose interuniversitario e que se complementou cun mestrado. Non queda outra que adecuar a oferta formativa da universidade ás necesidades que ten a nosa sociedade, e é unha evidencia que hai interese pola IA. Acabamos de concurrir, con éxito, a unha das convocatorias de cátedras de Intelixencia Artificial. A USC vai recibir dúas, unha de IA aplicada á saúde e outra máis ligada a temas de microelectrónica. Por ambas cátedras imos recibir arredor de 3 millóns de euros. A intelixencia artificial é un ámbito no que a USC ten que estar, tanto na docencia e investigación como na transferencia para poñela ao servizo da sociedade e que poida servir de mellora das nosas vidas. 

Cales son os aspectos principais a abordar na asamblea xeral da CRUE deste xoves en Santiago?

Os temas centrais sobre os que vamos a falar xiran arredor da adaptación á LOSU, especialmente nos temas de persoal. A USC cumpre a planificación que temos aprobada polo que no vindeiro curso teremos resolto iso. Pero hai outros casos onde se esixe un número moito máis alto de prazas e hai unha demanda do financiamento necesario para poñer en marcha estas medidas. Así, imos falar da adaptación e de como se financian as necesidades que se derivan para as universidades. Tamén terán cabida os temas de internacionalización e proxectos futuros. 

Que supón a celebración desta xuntanza en Santiago? 

Para nós é unha satisfación partindo de que é a primeira que celebramos neste ano no que a CRUE cumpre 30 anos. Estamos encantados de poder recibir a todos os reitores de España e convertir a cidade na capital do sistema universitario español. 

Que avaliación nos podería facer dos retos e obxectivos alcanzados no que vai de curso 2023-24?

No inicio de curso vimos que tiñamos unha serie de retos por diante. Un deles era a reforma dos estatutos, para os que xa temos constituída a comisión e vamos a votar a andar rapidamente os seus traballos con un documento inicial a modo de borrador para seguir dando pasos. Tiñamos tamén pendente o plan de internacionalización, que xa está aprobado e puxemos en marcha un grupo que está traballando na elaboración do plan estratéxico para a universidade. 

A maiores, seguimos na mesma liña de actuación en ámbitos como as infraestruturas, centrándonos no proxecto Cidade da Saúde e poñendo o foco na Facultade de Farmacia. Podo dicir, a maiores, que estamos avanzando no tema da investigación co fin de darlle unha estrutura. Seguindo ese camiño acabamos de crear dous novos institutos de investigación, un no ámbito da psicoloxía e outro no ámbito das humanidades.

 Non se debe esquecer tampouco outro eixo estratéxico como é o relacionado co personal, no que se refire ao relevo xeracional e a adaptación á LOSU do persoal docente e investigador e do persoal de administración e servizos.

ENTREVISTA A ANTONIO LOPEZ RECTOR DE LA USC. SANTIAGO DE COMPOSTELA.

ENTREVISTA A ANTONIO LOPEZ, REITOR DA USC / Jesús Prieto

A USC dispón de 314 millóns de euros para 2024, preto dun 10 % máis que o ano previo. Cales son as principais actuacións? 

Tivemos un incremento importante no orzamento e unha parte sustancial trátase de financiamento condicionado que está moi relacionado con temas de investigación, transferencia e contratos. En xeral ,o orzamento vai orientado a unha serie de liñas estratéxicas que tiñamos marcadas no momento da súa elaboración. 

Unha peza clave son as persoas, empezando polo estudantado, e aí hai actuacións moi claras como son a aposta por darlle máis axudas a quen máis o necesita. Puxemos en marcha unha convocatoria de bonos comedor, á que vamos adicar arredor de 700.000 euros, para que aqueles que acreditan máis necesidade poidan por esta vía ter unha axuda para continuar os seus estudos universitarios. Tamén imos seguir reforzando o servizo de atención psicolóxica, posto en marcha durante o periodo da pandemia, e a realidade demostra que non só temos que consolidalo senón que vamos a reforzalo ampliando o número de horas de atención. Haberá, ademais, que seguir mantendo unha liña que creamos a raíz da guerra en Ucrania de axudas directas para persoas da comunidade universitaria, especialmente estudiantes, en situacións de necesidade.

Unha parte importante do orzamento é a que sustenta a política de estabilización, promoción e adecuación das nosas categorías de PDI e PAS ao que dicta a Lei Orgánica do Sistema Universitario. Temos unha liña clara que traballa na mellora da calidad do docente, de graos e mestrados, e da internacionalización para darlle contido ao plan que acabamos de aprobar. 

E sobre o gasto corrente?

Non debemos esquecer a importancia de facer a mellor xestión posible no gasto corrente, un esforzo por contelo para así adicar maior cantidade a investimento. Neste punto falamos de Cidade da Saúde, como proxecto central, pero temos todo un plan de rehabilitación de algúns dos nosos edificios que están en marcha ou en fase de elaboración de proxectos. Poderemos invertir na medida en que sexamos máis eficientes na xestión do gasto corrente. 

As futuras instalacións de Ciencias da Saúde coa vista posta na nova Facultade de Farmacia. Cales son os pasos para os vindeiros meses?

Acabamos de recibir o proxecto de execución. Agora, o reto inmediato é pechar coa Xunta de Galicia o plan para financiar esta actuación na primeira fase, que inclúe o aulario e laboratorios de Farmacia e unha biblioteca. Temos xa un preacordo pero polo medio pasou o proceso electoral e estamos esperando a que se constrúa o novo goberno para telo definitivamente e poder licitar esta primeira fase. Confiamos en que nesta primeira metade do ano poidamos sacar a licitación a primeira fase e logo empezar imediatamente coas obras. A ver se é posible que no curso 25-26 estea rematada a primeira fase e logo seguir co resto do proxecto.

Cando está previsto que arranque o plan piloto de mobilidade da USC co uso de biciletas eléctricas?

Estamos á espera de recibir as bicicletas que vai achegar o Concello, pero consideramos que o plan pode poñerse en marcha a finais deste mes ou comezos de abril. Temos xa as catro estacións establecidas na contorna do Hospital Clínico, Odontoloxía e campus norte e sur, así como o resto de bicicletas. Tamén xa están marcadas as sendas por onde vai a a ter preferencia o uso de bicicletas. Vamos arrancar con un plan piloto, moi experimental e reducido, para ver cales son as necesidades, o uso e demandas para logo ofrecer o servizo con maior contundencia.

Estase xa a traballar no plan de relevo xeracional para os vindeiros cursos?

Somos das universidades que temos un nivel de avellentamento máis alto nas capas de arriba do profesorado. Sen embargo, temos un porcentaxe de xente nova máis baixo, un aspecto que estamos tratando de reconducir. Para iso temos que crear prazas de acceso á carreira docente, fundamentalmente prazas de axudante doutor, e facer un esforzo moi grande por captar recursos a través de convocatorias competitivas no ámbito da investigación como Ramón y Cajal ou Marie Curie. Nesta última acabamos de conseguir nove prazas que nos sitúan como a universidade que máis ten xunto con Granada, despois do CSIC. 

Cabe mencionar que acabamos de aprobar unha planificación de profesorado das distintas categorías, onde non só van as prazas de acceso, senón que se activa todo o proceso de consolidación dos que xa cederon e a promoción dos que xa están na carreira universitaria. Con esta planificación que vimos de aprobar, cando se inicie o vindeiro curso poderemos ter adaptado todas as categorías de persoal aos novos requerimentos da LOSU, xa que cambian as adicacións en algunhas categorías de profesorado: reducen a de asociado e as de axudante-doutor e convirten os asociados en contratos indefinidos.  

Está a funcionar de xeito correcto a aplicación ‘Menú USC’ como sistema de descontos para estudantado e persoal de iniciación á investigación nos comedores?

A verdade é que está funcionando moi ben e non temos queixas importantes. Xestionámolo a través do uso da tarxeta universitaria para identificar aos distintos colectivos. O estudantado e o persoal de iniciación á investigación ten un trato preferente con menús a 6,50 euros, o resto da comunidade universitaria vai a pagar 7,50 e o público en xeral, 8,50. Desta maneira conseguimos que as empresas concesionarias dos servizos de cafetería e comedor da universidade poidan seguir xestionando o servizo e atender o incremento de custos pola inflación dos últimos anos, especialmente en productos relacionados coa alimentación. Ao facelo de forma escalonada con prezos diferentes conseguimos que o estudantado se favoreza de prezos reducidos. Ademais, para os que acreditan unha situación máis precaria ou de maior necesidade, están os bonos comedor que xa convocamos e vamos a ter máis de mil alumnos beneficiados. 

A comezos deste mes presentouse a alianza EuniWell, a Universidade Europea para o Benestar, á comunidade universitaria, co fin de fortalecer o vínculo investigación-innovación. A onde pretende chegar a USC como membro da alianza?

Atreveríame a dicir que é o proxecto estrela da Unión Europea no ámbito das universidades. Era moi importante para a USC formar parte dunha alianza destas características na que nos adentramos o pasado ano. Non sei se EuniWell vai cambiar absolutamente o marco universitario en Europa, pero estou seguro que é a aposta e o proxecto no que hai que estar na actualidade. Ademais, ten como idea central o benestar, un elemento moi transversal e iso fai que poidan participar as ciencias da saúde, ciencias experimentais, ciencias sociais, as humanidades e tamén a formación de mestres. Polo tanto, dáselle cabida a todos os ámbitos da universidade. Con moita ilusión temos composto o equipo que vai liderar esta iniciativa e agora é o momento de implicar aos colectivos - PDI, PAS, e estudantado- a participar nestas iniciativas. Ademais tócanos liderar un paquete de traballo que ten que ver coa investigación, innovación e transferencia de coñecemento, aspectos nos que temos un perfil moi particular. 

“Vaise analizar a regularización da cesión de rúas e beirarrúas do campus ao Concello”

Segundo a última xuntanza, a USC e o Concello van da man na creación de residencias universitarias na cidade. Cal é o seguinte paso a dar para conseguir máis prazas de aloxamento?

A USC e o Concello compartimos a preocupación de atopar fórmulas de residencia para os nosos estudantes. A universidade fai un gran esforzo ofrecendo máis de mil cen prazas en residencias propias e os prezos que se fixan van en función da capacidade económica que demostran os estudantes que as solicitan. Para os que teñen maiores necesidades ofrecémoslles un cuarto que custa arredor de 60 euros ao mes. Ao lado diso é importante que haxas outras solucións habitacionais como residencias de iniciativa privada -xa hai algunhas establecidas na cidade- e vemos ben que ante as dificultades de aceder a fórmulas tradicionais como o alugueiro de pisos, con prezos cada vez máis altos e non sempre en boas condicións, se poidan atopar ou entrar en funcionamento novas ofertas de residencias universitarias. Estamos dispostos a colaborar co Concello e coas residencias na medida que cumpran co perfil. Esíxese que teñan un número mínimo de 50 prazas, cifra que podería reducirse se se trata de residencias establecidas no casco histórico e que teñan servizos comúns para o estudantado e outras actividades que complementen a formación universitaria.

No campus estanse levando a cabo obras de peatonalización e humanización. Sempre houbo o ‘rifirafe’ entre Concello e USC sobre a quen se lle atribuía a conservación.

Firmamos un protocolo co Concello a finais do ano pasado e recentemente constituimos a comisión de seguimento e varios grupos de traballo para avanzar en distintos temas de interese. Un deles ten que ver coas infraestruturas e o campus. En específico, vaise analizar a regularización da cesión de rúas e beirarrúas ao Concello que logo ten que ver coa posibilidade de que se poidan levar a cabo as actuacións. O grupo xa está comezando a traballar na definición de cal vai ser a fórmula para esa formalización da cesión, a cal está feita en base a un convenio da década dos 80 e outro de 2005.  Estanse rematando unhas obras que tratan de conectar máis a parte histórica do campus coa Alameda. Temos que seguir mellorando as infraestruturas porque estamos moi necesitados de intervencións no resto do campus. 

Suscríbete para seguir leyendo