Primeira toma de contacto da Comisión USC-Concello: traballarán da man priorizando cuestións urbanísticas

Os primeiros grupos de traballo da Comisión de Seguimento do Protocolo de Colaboración entre as institucións manterán reunións internas dende inicios de marzo

O Plan de Mobilidade co uso de bicicletas poñerase en marcha en breve

A alcaldesa Goretti Sanmartín e o rector da USC no acto de constitución da Comisión de Seguemento do Protocolo de colaboración entre o Concello e a USC

A alcaldesa Goretti Sanmartín e o rector da USC no acto de constitución da Comisión de Seguemento do Protocolo de colaboración entre o Concello e a USC / Antonio Hernández

Os primeiros grupos de traballo da Comisión de Seguemento do Protocolo de colaboración entre o Concello e a USC, asinado no pasado mes de novembro, comezarán a traballar a comezos do mes de marzo. Os temas urbanísticos serán os primeiros en tratar. Ademais a Comisión reunirase trimestralmente para dar conta do alcanzado.

Así se coñeceu esta mañá tras o acto de constitución de dita Comisión. A presidencia correspóndelle ao Concello de Santiago na Alcaldía e a secretaría á xerencia da universidade a través de Pilar Martinez. Goretti Sanmartín asegurou que hai a intención de avanzar nun protocolo que “garanta que os usos residencias para persoal universitario sexan así e que non acaben converténdose en uso hoteleiro”, para o cal contan coa colaboración ds USC.

Tamén queren traballar nun plan anual para que o alumnado poida facer prácticas nos servizos municipais “de xeito planificado e coordinado”. A maiores, coa intención de reducir o uso do vehículo crease o Plan de mobilidade mediante a utilización de bicicletas que vai chegar á contorna do CHUS ou Facultade de Medicina, entre outros puntos cun plan piloto que se poñerá en marcha en breve. Así o asegurou a alcaldesa.

Pola súa banda, o reitor da USC, Antonio López manifestou que todo o que ten que ver co urbanismo e o campus é unha “peza clave”para poder facer posibles novos proxectos como a Cidade de Saúde, a punto de licitar na súa primeira fase. Co Plan de mobilidade piloto dixo que se verán cales son as rutas máis demandadas e os puntos máis utilizados para adaptar a oferta ás necesidades. 

En xeral, irase delegando ás persoas que formarán parte de cada grupo de traballo que manterá reunións internas. Hoxe mesmo quedaron constituidos os de Urbanismo e Persoal. Para un ámbito posterior estase a traballar en partillar infraestruturas ou cuestións relacionadas coa dinamización económica.