O PSOE de Santiago lémbralle á nova Xunta os seus compromisos coa cidade

O voceiro do Partido Socialista de Santiago, Gonzalo Muíños

O voceiro do Partido Socialista de Santiago, Gonzalo Muíños / CEDIDA

O voceiro do Partido Socialista de Santiago, Gonzalo Muíños, pronunciouse na mañá do luns unha vez os novos conselleiros xuraron o cargo para lembrarlle ao Executivo de Alfonso Rueda os compromisos da Xunta coa capital de Galicia.

Muíños lembroulle ao presidente autonómico que a administración que lidera non constrúe vivenda protexida en Santiago dende 2009, a necesidade de ampliar o solo industrial da cidade ampliando o polígono da Sionlla ou os problemas do Hospital Clínico, tanto no referido ao aparcamento e á mobilidade na súa contorna, coma no relativo ao habitual colapso das Urxencias hospitalarias. Muíños referiuse tamén á necesidade de habilitar a taxa turística en Compostela e declarar zonas de aluguer tensionado.

Sobre estepunto o edil socialista asegurou que “o goberno local terá que facer os seus deberes, pero a Xunta o que tampouco pode facer é por paus nas rodas”. Muíños fixo tamén referencia á necesidade e incrementar as achegas da Xunta ao SAF, ao Consorcio e polo Estatuto de capitalidade.