Os socialistas de Santiago reivindican o seu proxecto para a parcela de Peleteiro

A edil socialista Mercedes Rosón

A edil socialista Mercedes Rosón / CEDIDA

A concelleira socialista Mercedes Rosón pronunciouse este martes sobre a información transmitida pola alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, e o edil de Urbanismo, Iago Lestegás, en relación coa decisión da Sareb sobre a parcela de Peleteiro, desestimando todas as propostas presentadas polo Goberno local. Pese a que Sanmartín insistiu na súa comparecencia de prensa do luns en que Raxoi mantivera sobre a mesa todos os proxectos propostos polos anteriores gobernos municipais, Mercedes Rosón reivindicou que “14 meses despois conclúen que queren o proxecto presentado por Sánchez Bugallo”.

Referíase con estas palabrasa a edil socialista ao voto en contra daquela proposta por parte de toda a oposición (PP, BNG e CA), no Pleno municipal de febreiro de 2023. “A alcaldesa e o concelleiro trasladan a súa responsabilidade ao Goberno central”, insistiu Rosón para lembrarlle a Sanmartín que “hoxe Goretti podería estar presentando unha obra de 150 vivendas das que o 20% tería o prezo taxado pero nuns meses estará inaugurando as obras dun centro comercial con 40 apartamentos turísticos”.

Sobre as conversas coa Sareb e a próxima xuntanza da comisión Peleteiro, a edil de Capital cultural, Míriam Louzao, aseguraba onte que até o momento non se producira ningunha novidade.