O PSOE de Santiago pedirá no Pleno a posta en marcha dun programa de patios inclusivos nos colexios

A edil do Partido Socialista Marta Abal no Pazo de Raxoi

A edil do Partido Socialista Marta Abal no Pazo de Raxoi / CEDIDA

“Os patios ben deseñados, accesibles e con elementos naturais ofrecen infinidade de oportunidades de aprendizaxe, favorecen o benestar e a saúde do alumnado, o xogo, a experimentación, o control de riscos, a socialización”, así explicaba a edil socialista Marta Abal a petición que a súa formación vai levar ao Pleno municipal de Santiago o 24 de abril.

O PSOE quere que o Goberno local “continúe cos traballos iniciados na lexislatura pasada para a efectiva posta en marcha do programa de patios inclusivos”, un plan que afecta aos colexios de Infantil e Primaria do concello. A edil informou de que o Grupo socialista está a visitar os centros de ensino e detectan que a maioría dos patios son “nada accesibles, con barreiras arquitectónicas” e alerta de que non favorecen a integración e a inclusión, “sobre todo do alumnado con necesidades educativas especiais”.

Lembran que Cogami -Confederación Galega de Persoas con Discapacidade- entregou en outubro un informe técnico e de análise dos centros nos que fan proposta de mellora e solicitan a colaboración do Goberno local coa Consellería de Educación para poñer en marcha o programa de patios inclusivos “e tamén para que se realicen as indispensables actuacións de mellora na accesibilidade destes patios para que se poidan converter en zonas de xogo inclusivo

O proxecto elaborado por Cogami

A edil Marta Abal lembrou que durante a lexislatura pasada o Goberno de Sánchez Bugallo se iniciaron traballos nos centros de Infantil e Primaria mediante un contrato con Cogami. Un labor de análise da accesibilidade ao uso das contornas exteriores e interiores dos colexios e unha proposta de distribución e adecuación de uso dos espazos con criterios de accesibilidade universal e deseño inclusivo.

"O resultado do traballo entregouse o pasado mes de outubro", explicou Abal, "e conta cunha memoria técnica descriptiva das condicións de accesibilidade dos espazos do patio e das contornas de cada centr, realizando nesa memoria a indentificación das deficiencias detectadas e realizando unha priorización das propostas de actuación e mellora cun proxecto técnico".

A este proxecto Cogami engadiu tamén unha memoria analítica "individualizada a cada un dos centros", na que se recollen características "tanto do alumando, coma do profesorado, do uso de espazos alternativos, do patio e outras zonas de recreo, de actividades e dinámicas de uso e de xestión", explicou a concelleira.

Esta memoria individualizada compleméntase, segundo informou Marta Abal, coa elaboración dunhas conclusións xerais "acompañadas de propostas de actuación". "Dende o Grupo socialista entendemos que se debe dar continuidade ao traballo iniciado na lexislatura pasada e poñer en marcha nos centros o programa de patios inclusivos", concluíu.