ORA en Santa Marta, párking na avenida de Ferrol... O PSOE esixe a Sanmartín o cumprimento dos acordos

Piden aproveitar a posta en marcha da nova web municipal para incluír un apartado de seguemento das propostas aprobadas

Demanda que se transmitan por streaming as roldas de prensa dos voceiros dos grupos municipais e as que dan conta das aprobacións da xunta de goberno

A zona ORA implantouse no barrio de Santa Marta a comezos do mes de marzo

A zona ORA implantouse no barrio de Santa Marta a comezos do mes de marzo / Antonio Hernández

"Traemos unha proposición que vai marcar un punto de inflexión neste mandato municipal". Así comezaba a súa comparecencia o voceiro do PSOE de Santiago, Gonzalo Muíños. Referíase o edil a unha "iniciativa que non é orxinalmente nosa, pero favorece a democracia na posta en marcha dos acordos do Pleno". Deixaba así en evidencia algo que a oposición lle lembra sempre que ten ocasión á alcaldesa de Compostela, Goretti Sanmartín, promotora dunha iniciativa similar no mandato pasado.

"Queremos que trimestralmente se dea conta da situación na que se atopan os acordos aprobados polo Pleno", explicaba Muíños, "en nove meses de goberno Sanmartín aínda non puxo en marcha o que reivindicaba cando estaba na oposición: que o acordado no Pleno debe levarse a cabo, aínda cando o Goberno local se absteña", engadía o voceiro socialista. "Non sabemos se o esquecemento é intencionado ou non pero queremos saber se se vai respectar o mandato plenario", retrucaba o concelleiro Sindo Guinarte, tamén presente na rolda de prensa.

Os socialistas lembraron iniciativas aprobadas pola maioría e que non se levaron aínda adiante ou das que se descoñece o estado no que se atopan, unha delas, a retirada da zona ORA no barrio de Santa Marta, implantada polo Goberno bipartito como medida para paliar os problemas de mobilidade na contorna do CHUS. Unha cuestión da que os edís do Goberno municipal seguen a defender a súa eficacia mais botada abaixo no Pleno de marzo pola maioría da Corporación (PP e PSOE).

Tamén se aprobou en Pleno combinar na contorna da avenida de Ferrol o párking provisional en superficie co proxecto de zona axardinada previsto para o lugar, sen ter que elixir entre un espazo máis humanizado ou unha área de estacionamento que dá servizo a 150 vehículos. A proposta, tamén aprobada no Pleno, presentouna o propio Gonzalo Muíños, mais do seu desenvolvemento non houbo noticias até o de agora. E, precisamente neste sentido propuxo Sindo Guinarte que se aproveite a posta en marcha da nova web municipal para incluír nela "un espazo a través do cal a veciñanza poida facer seguemento de como se están a levar a cabo os acordos plenarios".

 "A alcaldesa de Santiago e a coalición de goberno teñen a posibilidade de mostrar coherencia no próximo Pleno, o que fagan será revelador sobre como vai ser o mandato", afirmaba Guinarte. "A Goretti Sanmartín tócalle poñerse diante do espello e amosarlle á veciñanza a súa coherencia", remataba Guinarte.

Cotarán co voto a favor do PP

Preguntado por esta iniciativa, o edil do Partido Popular, José Antonio Constenla, afirmou rotundo que contará co voto a favor dos 'populares' pois, como lembrou, "ya propusimos dar cuenta de los acuerdos plenarios en la legislatura pasada".  Constenla asegurou que "Goretti Sanmartín tiene dos caretas, una la de la transparencia, y otra la de la antitransparencia", o edil criticou que "el BNG sólo se ve atado por las iniciativas que vota a favor, no está en su ADN el respeto democrático a la oposición". O concelleiro do PP acolleu de modo positivo a proposta dos socialistas pois, "es razonable que los vecinos conozcan el cumplimiento de los acuerdos plenarios".

Que volvan o streaming e os consellos de participación cidadá

O PSOE pedira tamén no próximo Pleno que se recuperen as retransmisións vía streaming, que eles mesmos deixaron de realizar na pasada lexislatura. Tratase, nomeadamente, de volver transmitir as comparecencias de prensa da alcaldesa Goretti Sanmartín para dar conta dos acordos da xunta de goberno local -unha práctica, a desta comparecencia, que se deixou de lado neste 2024-. 

Os socialistas defenden a volta do streaming para facilitar que a veciñanza teña accesibilidade para coñecer ditos acordos da xunta de goberno, pero tamén engaden que estas retransmisións se fagan extensivas ás comparecencias dos voceiros dos grupos municipais do Pazo de Raxoi.

E seguindo na liña de fomentar a accesibilidade da veciñanza ás accións de goberno e oposición, o PSOE solicitará que se retomen os consellos de participación cidadá e critícanlle á alcaldesa que aprobase os orzamentos para 2024 sen convocalos, ao tempo que agardan que non se repita o mesmo cos orzamentos de 2025.