Santiago

O Parlamento pide ao Goberno declarar o Xacobeo 2027 como evento de excepcional interese

Borja Verea salientou que o Xacobeo “é un evento patrimonio común de todos os galegos"

Un peregrino, á súa chegada a Santiago de Compostela

Un peregrino, á súa chegada a Santiago de Compostela / Jesús Prieto

O Parlamento de Galicia aprobou onte por unanimidade a proposición non de lei do Partido Popular a través da que se solicita ao Goberno de España a declaración do Xacobeo 2027 como acontecemento de excepcional interese, con efectos desde o ano 2025.

"Mensaxe de unanimidade"

O deputado do PP, Borja Verea, salientou que o Xacobeo “é un evento patrimonio común de todos os galegos, polo que debe existir un compromiso político real no seu impulso e promoción”. Deste xeito, considerou “fundamental mandar unha mensaxe de unanimidade de país para que o Xacobeo sexa considerado como de excepcional interese”.

Verea lembrou que esta declaración “ten unha importancia económica, xa que permite abrir as portas á colaboración público-privada, e que as empresas sexan protagonistas e copartícipes do evento”, porque apuntou que “un Xacobeo no que participemos todos será un mellor Xacobeo”.

Último Xacobeo

O deputado recordou que o último Xacobeo de 2021-2022 contou coa colaboración de 40 empresas de todos os sectores, que se traduciu nunha aportación de 28 millóns de euros. “Esta implicación empresarial ten unha repercusión moi ampla, xa que axuda ao auxe dos produtos turísticos, á desestacionalización, á diversificación e ao impulso das nosas empresas turísticas”, manifestou.