Os socialistas de Santiago esixen o “arranxo integral” da praza de San Roque

A edil Mila Castro na praciña de San Roque

A edil Mila Castro na praciña de San Roque / Cedida

Redacción

O PSOE compostelán anunciou este martes que levará ao próximo Pleno a proposta de "arranxo integral” da praza de San Roque, ao carón da rúa do Hospitaliño, no eixo central da cidade (A Senra-San Caetano). Segundo explicou a concelleira Mila Castro, “son varios os veciños e veciñas que nos veñen denunciando esta situación” de mal estado da praza con “lousas levantadas e a fonte completamente abandonada”.

Por este motivo o Grupo socialista pídelle ao Goberno local que “actúe adecentando a zona, abordando a renovación dos bancos e o acondicionamento da zona”. A edil socialista recalcou o “papel fundamental das zonas axardinadas na mellora desta praciña”, polo que insistiu na necesidade de limpar a praza e colocar plantas de temporada “como se fai nos outros espazos verdes da cidade”.

“Demandamos a posta a punto deste espazo público para o desfrute dos veciños e das veciñas”, explicou tamén a edil Mila Castro, que será quen defenda a proposta no Pleno que terá lugar neste mes de maio.