Mila Castro critica ao goberno local por facer seus proxectos do anterior mandato

Afirmou que a reforma dos parques de xogos quedou programada polo equipo de Bugallo

A concelleira do partido socialista, Mila Castro

A concelleira do partido socialista, Mila Castro / PSdeG

Redacción

Ante o comezo das obras de remodelación do parque da Alameda, a concelleira do partido socialista, Mila Castro, que ocupara as áreas de Parques e Xardíns durante o pasado mandato, recordoulle ao bipartito que esta é unha “das moitas actuacións que quedaron preparadas para iniciarse durante os próximos meses”. Tirando de retranca, Castro asegurou “alegrarse” de que Goretti Sanmartín “recoñeza o traballo feito durante os catro anos anteriores atribuíndose actuacións que eran demandas históricas que nós desbloqueamos e deixamos preparadas tal e como nos comprometéramos”.

Sinalou que “esas son as débedas do goberno socialista, recuperar espazos atendendo ás demandas dos veciños e veciños. Pactámolas nós, así que igual o goberno transformador segue sendo o de Sánchez Bugallo”. Ademais da remodelación da Alameda, outros tres espazos de ocio que son o parque da Almáciga, o do Avío e o espazo interxeracional de Sar quedaron xa contratados pendentes de inicio das obras. Tamén a remodelación da Praza de León (Pontepedriña), e outros dous parques en Vista Alegre e en Berdía forman parte da “herdanza” do PSdeG.

“A alcaldesa, á que tanto lle gusta falar da herdanza recibida, debeu esquecerse estes días de recordar que iso do goberno transformador é en realidade un goberno de proxectos herdados”, criticou Mila Castro, que reivindicou o seu traballo á fronte do departamento de Parques desde o que “impulsamos obras que eran demandas históricas coas que nos comprometemos para dotar de servizos zonas familiares como Sar e a Almáciga”, concluíu a edil socialista.