Unhas 6.000 familias compostelás xa fan compostaxe na casa ou nos colectores marróns

Charlas e debate sobre reciclaxe de residuos orgánicos o día 25 de maio no edificio Cersia en San Lázaro

Máis de 1.500 familias santiaguesas fan xa compostaxe nas súas casas

Máis de 1.500 familias santiaguesas fan xa compostaxe nas súas casas / CONCELLO

O Concello de Santiago conta a día de hoxe con máis de 1.500 familias que fan compostaxe, “ben nunha parcela, ben nunha horta pequena” na que se recicla directamente toda a fracción de materia orgánica “que se xera na vivenda e que pode estar arredor do medio quilo por habitante e día”. Así o explicaba o concelleiro de Sustentabilidade ambiental, Xesús Domínguez, na presentación da Xornada de Compostaxe que se vai desenvolver o 25 de maio no edificio Cersia (na rúa Alcalde Raimundo López Pol, en San Lázaro).

O edil de Sustentabilidade indicaba tamén que o Concello conta con 10 illas de compostaxe comunitario “que se van ampliar en breve” e “máis de 4.500 persoas que, a través do programa ‘Ti tes a chave’ e nos colectores marróns tamén están separando a fracción de orgánico”. Domínguez indicou en rolda de prensa que estes datos dan a cifra de “arredor de 400 toneladas que xestionamos de materia orgánica nos composteiros individuais, e doutras tantas nos contedores”.

Neste sentido o concelleiro asegurou que o Goberno local mantén a súa aposta “por promover políticas de responsabilidade ambiental, favorecer a sostibilidade, a protección da natureza... e este tratamento da materia orgánica que se composta directamente na vivenda ou na contorna, esta reciclaxe de proximidade, é unha das maneiras máis importantes de conseguir eses obxectivos”, afirmou. 

Programa de charla e debate

Baixo o lema ‘A compostaxe só ten vantaxes’ vaise desenvolver esta xornada, que iniciará ás 10.30 horas Adega cun relatorio sobre a maneira de compostar na casa. “Dirixímonos a todas esas persoas que teñen sensibilidade polo medio, por mellorar a xestión de residuos e a protección ambiental e tamén a aquelas que queiran incorporarse a este modelo de xestión, coñecer como funciona, solicitar un composteiro ou unha chave para o quinto colector”, explicaba o edil.

Ás 11 tratarase a xestión da materia orgánica en Compostela e ás 13 horas será a quenda da granxa Millo e Landras (de Vilasantar) que presentará o seu proxecto de agrocompostaxe. Unha iniciativa que ecolóxica que traballa a recollida de materia orgánica en proximidade, sobre todo en supermercados, e xestionan esa francción de residuos na propia granxa. “De xeito están a facer xestión circular compostando residuos e utilizándoos na mesma granxa”, indicou Domínguez, que avanzou que se promoverán campañas para que algunha granxa compostelá poida sumarse á agrocompostaxe.

A xornada finalizará cun debate, a partir das 13.40 horas, pero durante todo o día, e na procura de facilitar a conciliación familiar, tamén se levarán a cabo no mesmo edificio obradoiros prácticos e didácticos para os máis cativos da casa.