A Xunta destina un millón de euros para o reforzo da seguridade na Catedral

O Goberno autonómico quere dar resposta ao incremento de chegadas de visitantes e peregrinos

Colas para acceder ao interior da Catedral de Santiago

Colas para acceder ao interior da Catedral de Santiago / Jesús Prieto

A administración galega destinará algo máis dun millón de euros para sufragar os gastos de seguridade na Catedral de Santiago e a Oficina do Peregrino. O Consello da Xunta celebrado onte autorizou o convenio anual coa Fundación e a SAMI Catedral de Santiago para pagar persoal (vixilantes e servizos auxiliares) durante este ano.

Ao abeiro deste convenio, a actuación de reforzo do persoal de seguridade na Catedral será executada pola Fundación Catedral de Santiago e o reforzo do persoal de seguridade na Oficina de Atención ao Peregrino será executado pola SAMI Catedral de Santiago, en ambos os casos mediante empresas de seguridade privada.

“O Goberno autonómico dá así resposta á positiva evolución da chegada de visitantes e peregrinos a Galicia”, indica a Xunta. De feito, acaba de acadarse a cifra do peregrino 100.000 moito antes do que se acadou en anos anteriores e no primeiro trimestre o ritmo de crecemento da demanda turística está a ser do 15%.

Con esta axuda económica sufrágase o reforzo no servizo continuo tanto de vixilancia de seguridade como en servizos auxiliares no control de accesos, no interior do templo para o culto, na apertura de portas, na entrega e recepción de chaves, na atención aos sistemas de seguridade, entre outros, na Catedral e na Oficina de Atención ao Peregrino. Tamén para o control do Pórtico da Gloria e do circuíto de visita á cripta e ao abrazo ao Apóstolo.

Visitantes e peregrinos observan o altar maior da Catedral de Santiago

Visitantes e peregrinos observan o altar maior da Catedral de Santiago / Antonio Hernández

O Goberno autonómico continúa así a senda de colaboración institucional levada a cabo nos últimos anos para a mellora da atención aos peregrinos en Santiago de Compostela”, recala a Xunta. “Alíñase cos compromisos plasmados en distintas das liñas de acción do Plan director dos Camiños de Santiago 2027, que inciden en mellorar os servizos de atención ao peregrino”, suliña.