O ‘caleidoscopio’ das músicas contemporáneas regresa a Compostela do 5 ao 20 de xuño

Ademais da residencia da Joven Orquesta Nacional de España contarase coa Banda Municipal de Música e Ensemble Liberdade

A deputada Natividade González, a edil Míriam Louzao, Ana Comesaña (Jonde) e Santiago Olmo (CGAC)

A deputada Natividade González, a edil Míriam Louzao, Ana Comesaña (Jonde) e Santiago Olmo (CGAC) / CONCELLO

Entre o 5 e o 20 de xuño retorna á capital galega a música de vangarda dos séxulos XX e XXI, desta volta baixo o lema ‘Caleidoscopio’. Unha cita coa contemporaneidade sonora e de propostas artísticas que vai contar coa residencia, no Auditorio de Galicia, da Joven Orquesta nacional de España (Jonde), a programación deste ano tamén será executada pola Banda de Música Municipal de Santiago (BMMS)Ensemble Liberdade –proxecto derivado da Orquestra Galega de Liberación e liderado polo músico santiagués Xacobe Martínez Antelo–.

As Xornadas de Música Contemporánea van contar coa compañía de danza Lookatthingsdifferent –que estará acompañada polo son de Nico Casal–. A Jonde contará coa colaboración de Ensemble Modern –na Sala Ángel Brage os días 5 e o 9 de xuño ás 20.30 h.– e Trío Arbó –6, 7 e 8 de xuño na Sala Mozart á mesma hora–.

A encargada de presentar o programa das xornadas foi a edil de Capital Cultural, Míriam Louzao, que estivo acompañada no Pazo de Raxoi pola deputada de Cultura da Deputación da Coruña, Natividade González; Ana Comesaña en representación da Jonde; e o director do Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC), Santiago Olmo. Louzao celebrou que Santiago “recupera o seu compromiso coa descuberta e a vangarda, co afán de abrir xanelas e oportunidades de escoita cara ás sonoridades anovadoras e as tendencias emerxentes de música dos séculos XX e XXI, outorgándolles o espazo e o valor que merecen como futuros clásicos”.

Tamén nesta liña se pronunciaba Natividade González, que festexaba que “unha vez máis a cidade de Compostela vai ser epicentro da música contemporánea”, valorando a “extensa programación de calidade, que convoca os mellores profesionais e a un público dinámico e participativo, cada vez máis consciente do privilexiado que é de vivir nesta cidade”.

Santiago Olmo fixo referencia á contemporaneidade e a Ensemble Liberdade, asegurando que “sería imposible entender a arte contemporánea sen a contribución que fixo a investigación sonora e musical dende finais do século XIX”. “Este ano no CGAC”, proseguiu Olmo “temos a Ensamble Liberdade, un proxecto que se basea na improvisación dirixida” e cuxa presenza nas xornadas parte da experiencia da formación durante o comezo de ano, “na époda de desmontaxe e montaxe das exposicións con proxectos de concerto en varios espazos do museo”.

Ana Comesaña agradeceu a presenza da Jonde que “unha vez máis pode desfrutar deste espazo único e privilexiado para a consecución dos seus fins pedagóxicos e artísticos”. Esta orquestra realizará, do 31 de maio ao 4 de xuño, o seu encontro anual e fará do Auditorio o centro da súa actividade artística e formativa cara ao estudo e preparación do repertorio sinfónico e de cámara. A Jonde conta 45 integrantes, de entre os 19 e os 26 anos