Viaxe ao interior da música contemporánea a través da realidade virtual

"Plasma", no Museo Centro Gaiás, convida as persoas visitantes a unha experiencia multisensorial na que descubrir o interior da música

"Plasma" propón ao visitante unha viaxe inmersiva na música contemporánea coa axuda das gafas de realidade virtual

"Plasma" propón ao visitante unha viaxe inmersiva na música contemporánea coa axuda das gafas de realidade virtual / CdC

ECG

Plasma, o último proxecto do Museo Centro Gaiás, ten o formato dunha instalación interactiva en realidade virtual. Guiada polo compositor vigués Pedro González, esta mostra que é máis unha experiencia estará aberta só esta fin de semana ofrecendo ao visitante a oportunidade de entender como se constrúe o universo da música contemporánea a través da mestura de tecnoloxía multimedia e música. Coma quen nos convida entrar nun videoclip, Pedro González, realiza nesta experiencia unha viaxe “ao interior da música”, para poder vivila dun xeito multisensorial a través da realidade virtual.

Desta maneira as persoas que asistan á Cidade da Cultura poderán acceder á obra musical mediante a exploración activa dunha contorna virtual que esconde paisaxes abstractas derivadas de materiais extraídos do proceso de creación da peza. Durante os 35 minutos que dura a experiencia, os visitantes están percorrer, intervir e abandonar o espazo libremente. Sobre as catro paredes da sala proxéctanse os deseños en 3D e a música que a persoa usuaria das lentes explora en tempo real.

Durante a residencia artística na Cidade da Cultura, Pedro González e os ensembles KLEXOS e MOSAIK definiron os materiais multimedia e os fragmentos musicais que forman parte do concerto interactivo realizado no marco do festival RESIS 2023. Unha vez rematados o proceso de creación e a performance, os resultados da colaboración expóñense na Sala de Proxeccións no Museo Centro Gaiás durante os días 13 e 14 de maio.

A instalación Plasma estará aberta no Andar 0 do Museo Centro Gaiás, en horario de 10 a 20 horas, os días 13 e 14 de maio.

O acceso á instalación é libre e gratuíto. A sala dispón dun par de lentes de realidade virtual para acceder á experiencia de maneira individual. Mentres a persoa usuaria emprega os lentes, nas paredes da sala proxéctanse as imaxes en 3D e a música. Poderán permanecer no espazo ata un máximo de 4 persoas á vez.

Pedro González

O compositor vigués Pedro González está á fronte da instalación

O compositor vigués Pedro González está á fronte da instalación / CdC

Pedro González é un compositor vigués activo en diferentes disciplinas dentro do ámbito da arte contemporánea, como a composición multimedia, a animación 3D ou a investigación artística. Na súa obra compaxina a performance coa vídeo- instalación, a danza, o teatro e o uso de novas tecnoloxías aplicadas á creación escénica. Os seus traballos presentáronse en diversos festivais internacionais, en países como China, Alemania o Rusia, entre outros. Actualmente exerce como docente na Escola Superior de Música de Catalunya ademais de ser profesor adxunto na Universidade de Música e Drama de Hamburgo e o responsable do estudio de música electroacústica da universidade de Lübeck.

Mosaik

Mosaik Ensemble é unha coñecida agrupación de música contemporánea fundada en 1997. Nos seus 26 anos de cooperación, crearon unha orquestra cun perfil distintivo que desenvolve actividades caracterizadas pola súa estreita colaboración cos compositores máis novos e a inclusión dos medios dixitais nas áreas de composición, interpretación e presentación, integrando elementos escénicos e visuais nos seus concertos.

Klesos

Fundado en 2016, Klexos é un dos ensembles emerxentes con máis proxección do panorama nacional e internacional dentro do ámbito da nova creación musical contemporánea. Comprometidos coa innovación e o traballo man a man con compositores novos, así como cunha revisión do canon da práctica interpretativa tradicional. Nos seus espectáculos combinan performance, vídeo-instalación e recursos interdisciplinares derivados da danza ou o teatro, co uso das novas tecnoloxías aplicadas á creación escénica. Levaron a súa proposta a salas de Europa e América (España, Alemaña, Suíza, Francia, México, Chile, Perú).