Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h
Carlos Salgado, do IGFAE, acaba de ser nomeado vicedirector do Centro Nacional desta disciplina // Desde o campus compostelán trabáballase en colaboración co CERN, co Observatorio Pierre Auger de raios cósmicos en Arxentina e con laboratorios de Estados Unidos e Xapón TEXTO Lorena Rey

A aposta da USC para que a física de partículas galega teña peso internacional

Ter un ecosistema de ciencia en Galicia para competir a nivel internacional. Ese é o obxectivo do Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE) da USC, integrante do Centro Nacional de Física de Partículas, Astropartículas e Nuclear (CPAN), que ten como vicedirector ao profesor da USC, Carlos Salgado, dende o pasado 24 de xaneiro. Un nomeamento que propuxo a directora, a investigadora do CSIC María José Costa.

O CPAN trátase dunha rede que xurdiu en 2007 e está financiada baixo o programa Consolider-Ingenio 2010, que foi evolucionando ao longo dos anos. “Neste momento é unha estructura que aglutina practicamente a toda a física de partículas, astropartículas e nuclear en España e que pode definirse como un marco de discusión”, comenta Salgado. En concreto, hai unhas xornadas anuais onde se presentan os resultados máis importantes e hai un marco de diálogo entre todos os axentes que están traballando nestes campos en España, nas que participan entre 200 e 300 persoas.

Agora acaba de comezar unha nova fase co obxectivo de dar un paso máis e “lograr coordinar un pouco mellor a discusión tratando de ter unha maior visibilidade” dentro de foros de discusión internacionais xa que “noutros países existen marcos estables de coordinación que dan moitas posibilidades e fan que os esforzos que invirte cada país sexan moito máis eficientes na esfera internacional”. Así, confirma que este é o reto máis importante que ten España.

As áreas de investigación que aglutina o CPAN son tradicionalmente áreas que participan en experimentos en grandes infraestructuras internacionais. “Isto é un selo de identidade e unha diferencia fundamental si comparamos o mundo da física de partículas, astropartículas e nuclear con outras áreas”, afirma.

Un exemplo paradigmático é a participación no CERN, na que hai coordinación dentro de cada experimento a nivel español e ten que haber a maiores unha coordinación a nivel de país “para que esta participación nas grandes infraestructuras consiga unha visibilidade maior. Trataríase por tanto de que a discusión a nivel interno se traslade a un posicionamento internacional máis claro e coordinado.

E dentro deste gran proxecto atópase o IGFAE que asimesmo intégrase na rede de centros de Investigación del Sistema Universitario de Galicia (Red CIGUS) con moito percorrido dentro da física de partículas a nivel internacional, o que o convirte en todo un referente na comunidade. Cuns 150 integrantes, a participación experimental máis grande é no experimento LHCb do CERN (Centro Europeo para la Investigación Nuclear o Laboratorio Europeo de Física de Partículas Elementales) onde participa cerca do 25 % do persoal. “Acaban de instalar unha parte do novo detector VELO e teñen resultados moi importantes a nivel de análise de datos”, especifica. Despois hai outra participación no Observatorio Pierre Auger de raios cósmicos en Arxentina e outras en tres experimentos de neutrinos: NEXT no laboratorio de Canfranc, DUNE en Estados Unidos e Hyper Kamiokande en Xapón.

A maiores, en física nuclear hai grupos moi fortes que participan, entre outros experimentos, na instalación de FAIR, un novo centro de investigación de física nuclear en Darmstadt (Alemania). Tamén hai grupos teóricos do que Salgado forma parte e que traballan no estudo da interacción dentro dos núcleos atómicos. E hai un grupo de física teórica máis formal interesado en temas de gravidade e mecánica cuántica. Interveñen, ademais, en experimentos de detección de ondas gravitacionais, con grande proxección. “A ciencia que facemos é completamente internacionalizada”, asegura.

Hoxe en día o IGFAE xa ten unha gran visibilidade a nivel internacional. Están conseguindo algúns dos proxectos de maior repercusión como o ERC (European Reserach Council) ou de María de Maeztu. “Os nosos estudantes de doutoramento e pos doutoramento reciben unha formación equiparable a calquera dos mellores centros do mundo”, asegura.

Cabe ter en conta que a maior parte dos membros do IGFAE son tamén profesores da Universidade o que ven a supoñer un beneficio para o alumnado tendo para a súa formación referentes internacionais. En liñas xerais, Salgado considera que dende o mencionado instituto aportan á Universidade unha “internacionalización do cadro de persoal e investigadores cos que contamos”. Demostran ter un modelo de funcionamento completamente internacionalizado que segue os estándares de ciencia máis esixentes a nivel internacional.

Dende un punto de vista sociolóxico, o Centro segue un modelo de funcionamiento que na actualidade aínda non é moi común na Universidade, optando por ter referentes internacionais e recibindo investigadores de todas as partes do mundo. “Hai que ter en conta que todo o persoal permanente do IGFAE pasou dous anos ou máis en universidades doutro país”, conta como feito relevante. Isto trata de ser un exemplo para a Universidade, abrindo un camiño que despois outros grupos ou centros están interesados en seguir. “É momento de demostrar que dende Galicia temos todas as capacidades de estar a primeiro nivel internacional”, confía.

Con todo, o novo vicedirector ten claro que o camiño a seguir é o de apoio á ciencia máis innovadora que pode competir a nivel internacional. “O noso obxectivo é ser os mellores internacionalmente nos nosos campos, o que estamos conseguindo dende o IGFAE e outros centros da Universidade de Santiago e resto de universidades galegas”, asegura. Afirma que “competindo tamén encontramos un espello onde reflexarnos, onde aprender e ir mellorando”.

Neste punto quere resaltar o papel da rede de centros CIGUS, que a pesar das dificultades actuais está despegando nos últimos anos, e isto pode ser “unha das políticas científicas que poden ser máis disruptivas a nivel de país na ciencia en Galicia”. Ter una red de centros potentes convírtese en imprescindible para lograr competitividade, ademais de ter fondos suficientes e que existan infraestructuras potentes onde a ciencia se poida levar a cabo. A maiores está o nivel de captación internacional. “Temos que ser capaces de captar investigadores de todo o mundo e hai que darlles a oportunidade aos que queiran establecerse aquí”, confía Salgado.

13 feb 2023 / 06:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito