Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

A charla ‘Humanizando o dixital’ demostra a importancia de mesturar as humanidades e o mundo das novas tecnoloxías

O inicio do ciclo da USC ‘Son doutor/a... e agora que?’ comezou cunha conversa con enxeñeiras expertas no mundo da informática

A Escola de Doutoramento Internacional (EDIUS) da USC iniciou, a semana pasada, o ciclo Son doutor/a... e agora que? sobre as saídas profesionais para o alumnado de doutoramento. O programa ten a intención de achegarlles a estes estudantes as experiencias de profesionais e expertos en varios campos de estudo que compaxinan a investigación con actividades profesionais.

A primeira sesión chegou o venres 19 da man de Patricia Rodilla e Luz Castro, dúas enxeñeiras informáticas e profesoras da UDC, coa charla Humanizando o dixital. “Ambas as dúas son o exemplo práctico de que se poden mesturar, e con éxito, as humanidades e o mundo dixital”, explica a profesora Isabel Neira, coordinadora das actividades formativas da EDIUS.

Nesta charla explicáronlle aos estudantes, de forma telemática mediante a plataforma Teams, a historia da súa carreira e formación académica. “Sempre tiven moita interese na informática, así que decidín formarme en enxeñería de software. Cando rematei os meus estudos, montei cuns compañeiros unha ‘spin-off’ centrada no ‘boom’ das tecnoloxías móbiles, aproveitando así o noso traballo na xestión de datos aplicado neste ámbito”, explica a doutora Patricia Rodilla. “Logo dun tempo traballando alí, contactáronme dende o CSIC de Santiago para facer a miña tese, para a cal traballei con profesionais como lingüistas e filólogos do Instituto de Ciencias do Patrimonio (Incipit). Tamén cheguei a traballar con fundacións, ONGs e coa Administración”, sinalou a profesora.

O caso da Dra. Luz Castro foi paralela á historia da súa compañeira. “Cursei informática en Coruña e montei, ao finalizar os meus estudos, unha empresa de imaxe e software cuns compañeiros. Facíamos dicionarios históricos galegos e tamén, grazas a este proxecto, traballamos nun traductor en galego que agora forma parte de Microsoft Word”, sinala. “Despois, volvín á universidade para facer uns cursos de doutoramento e atopei un grupo de investigación que me chamou moito a atención. Estaba centrado en intelixencia artificial aplicada a imaxes e a crear redes de neuronas artificiais ensinándolle as máquinas algo de estética. Encaxei estupendamente nese grupo e logo pasou a formar parte da miña tese. Máis tarde, o proxecto converteuse nunha ‘spin-off’ que lanzamos o mes pasado grazas a un programa da Xunta, que pretende levar ao mercado proxectos de investigación. Agora estámolo aplicando ao campo da inmobiliaria”, explicou a profesora.

A profesora Isabel Neira (esquerda), Patricia Rodilla (esquina superior) e Luz Castro (esquina inferior) na charla telemática. / captura de pantalla de Microsoft Teams
A profesora Isabel Neira (esquerda), Patricia Rodilla (esquina superior) e Luz Castro (esquina inferior) na charla telemática. / captura de pantalla de Microsoft Teams

En canto á relación das convidadas co mundo das humanidades, ámbalas dúas explican que sempre mantiveron por el un forte interese, o que marcaría as liñas do seu traballo e a súa facilidade de comunicación con filólogos, historiadores e profesionais desta rama dentro dos proxectos. “Sempre tiven relación con ese mundo na miña vida, tanto por amizades como por parte da familia. Na empresa que montei cos meus compañeiros traballábamos con autores que querían entrar no mundo dixital cos seus propios poemarios, polo que decidimos especializarnos nesta rama”, explicou Patricia.

Por outra banda, “no noso proxecto tiñamos que poñernos en contacto con filólogos que compartían a súa interese coa tecnoloxía e abrimos unha liña de traballo relacionado con isto. A xente das facultades de humanidades coa que traballábamos viunos como profesionais da tecnoloxía ou da informática cos que se podían entender, e iso era moi importante. A terminoloxía aprendida nas carreiras facilita a capacidade de ‘programar a cabeza’ para orientarnos nesa especialización, pero tamén é necesario saber como funcionan outras áreas, como a filoloxía, para facilitar a comunicación”, destacou a profesora Castro.

Rematando a charla, as doutoras responderon algunhas dúbidas dos estudantes asistentes e destacaron a importancia da interdisciplinariedade nos estudos e no traballo. “Hai unha certa idea de que cando traballas nun grupo interdisciplinar, cada participante debe centrarse principalmente na súa parcela, e iso non funciona moi ben. O importante desta forma de traballo é que, aínda que as persoas estén especializadas nun ámbito en concreto, manteñan sempre unha interese en aprender e achegarse aos demais integrantes do equipo e aos seus coñecementos, deixando de ser así meros técnicos”, destacou Patricia.

“É importante esta interrelación para comprender os problemas dende ópticas distintas, algo moi positivo para os proxectos. Temos que apostar pola interdisciplinariedade porque, aínda que todos temos un campo de especialización, a realidade non entende disto”, rematou Luz.

Na programación de futuras sesíón do ciclo están previstas as participacións de expertas e expertos que aproximen ao alumnado á realidade da inserción laboral noutras áreas como a biomédica ou a teledetección, e, en xeral, ás novas formas de facer investigación centrada nas persoas, así como ao modo no que a ciencia pode axudar a resolver os problemas sociais e ambientais.

24 feb 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito