Santiago
+15° C
Actualizado
lunes, 03 junio 2024
15:30
h
ENTREVISTA
Ramón Villares Paz / Catedrático de Historia Contemporánea

“A esencia da universidade segue a ser a creación e transmisión do saber”

Desde 1987, catedrático de Historia Contemporánea. Foi reitor da USC e presidente do Consello da Cultura Galega, entre outros cargos. As súas liñas de investigación son historia agraria, politización campesina, historiografía, estudos culturais e historia das migracións e do exilio.

Estudou a carreira na Universidade de Santiago de Compostela? Cantos anos leva na USC como profesor?

Si. Cheguei a Compostela en 1968 e durante os anos 1968-1973 estudei Filosofía e Letras, con especialización en Historia. Logo fun Bolseiro de Investigación, desde o dia 1 de xaneiro de 1974 (dacordo co “calendario juliano” que daquela se implantara) e desde aquela data recorrín varios postos e cometidos na universidade, doutorándome en 1980 e, desde 1987, fun catedrático de universidade. Como profesor levo case 45 anos, de modo ininterrumpido, con algún ano sabático ou permisos de estancias no estranxeiro, pero sen ter pedido ningunha baixa

Cóntenos algunha anécdota que considere de interese en todo este tempo?

As anécdotas poderían ser moitas, pero contarei só unha. Cando, estando de profesor no Colexio Universitario de Vigo, fun chamado polo catedrático de Historia Contemporánea, Juan José Carreras, para retornar a Santiago, a finais de 1977, díxome mentres subíamos as escadas da Facultade que se alegraba de que aceptara porque, ao mellor dentro duns anos, sería Decano. Andando o tempo, el mesmo recoñecía que se quedara corto, porque ademáis de ser Decano fun tamén Reitor.

Chegar a profesor emérito, con toda a gran bagaxe de docencia, investigación, dirección de teses, servizos prestados á universidade e demais méritos, é unha gran honra para un profesor, pero de quen se lembra nestes intres?

As lembranzas son numerosas. Lembro a libertade que me deu a familia, que por tradición insistía en que fixera Dereito para opositar a Rexistrador da Propiedade, que consentira que estudase unha carreira que se consideraba “con poucas saídas”. Lembro a oportunidade de ser Bolseiro da primeira promoción da Fundación Barrié, e lembro a profesores e colegas desta e doutras universidades.

Eu tiven algúns profesores excelentes cos que aprendín moito, como o medievalista José Angel García de Cortázar ou o modernista Antonio Eiras Roel, que ademáis foi o director da Tese doutoral. E fóra da universidade de Santiago, aprendín moito de Juan José Carreras, nomeadamente no campo da Historiografía. Pero tamén tiven a sorte de ter promocións de alumnos excelentes, como os da “quinta” do 1984, para min unha promoción “vintage”.

E, alén de todo isto, lembro aos mestres lonxanos, uns coñecidos e tratados persoalmente e outros que me marcaron a través da sua obra. Todos eles me axudaron a ser historiador, como os fundadores da revista francesa Annales, ou historiadores marxistas como Josep Fontana ou Eric J. Hobsbawm.

Que foi o peor e o mellor que profesionalmente lle pasou en todos estes anos?

O mellor foron moitas cousas. A universidade deume oportunidades coas que nunca soñara, como ser un profesor e, sobre todo, un investigador especializado na historia moderna e contemporánea de Galicia, pero tamén aberto a moitas outras temáticas e ámbitos espaciais non galegos.

Tamén tiven a oportunidade de desempeñar postos de xestión, como Decano e Reitor, que me axudaron a ver a outra cara da lua, aquela que menos se ve pero que marca as roitas da institución.

Non negarei que houbo momentos duros, especialmernte nas épocas de xestión, pero non os considero malos (ou peores), senón oportunidades para aprender e para madurar. A vida é unha mestra que dá e quita tanto como un lle dá a ela.

Que lle levou a solicitar poder continuar coa súa carreira na USC e cales son as súas prioridades nesta nova etapa como emérito?

Eu solicitei e o Departamento de Historia apoiou que continuase vinculado á universidade na condición de profesor Emérito. Eu entendo que, máis que unha continuidade, é un recoñecemento a unha traxectoria e á esperanza de seguir sendo útil á institución. Espero que así sexa, pero tamén son conscente de que a percepción actual dos Eméritos mudou bastante respecto do que inicialmente se consideba que debían ser, un pouco á moda anglosaxona.

Máis que prioridades, eu falaría de oportunidades nesta nova etapa. E estas son manter contacto frecuente coas investigacións e proxectos do Departamento, colaborar na medida do posible na formación de postgrao e non estorbar moito.

Díganos que universidade temos que non tíñamos hai vinte anos, e que universidade deberíamos ter hoxe que non temos.

A universidade, como institución, muda máis do que parece e menos do que talvez debería. Pero nesta lentitude está a sua grandeza e mesmo a sua resiliencia. E unha das institucións máis antigas do mundo, porque a sua esencia segue a ser a creación e transmisión do saber, en “ayuntamiento de maestros y escolares”, como xa se dí en Las Partidas de Alfonso X.

Agora ben, a universidade dos meus tempos novos e a de hoxe non é a mesma, por razóns técnicas (do encerado e da tiza, ao uso da rede e do e-book vai un mundo) e tamén por razóns sociais: está a perder a dimensión de ser un lugar de “distinción” (herdanza dunha sociedade tradicional) para se converter en institución “mediadora” que debe preparar a unha grande porcentaxe da poboación (dado o acceso masivo á mesma) máis para o mercado de traballo que para entender e mudar o mundo. Creo que esta folla de ruta seguirá no futuro, o que vai esixir á institución mudanzas moi profundas, na gobernanza e na “mise en scène” da sua actividade.

Sitúese vinte anos no futuro e reflexione sobre que universidade lle gustaría ter para entón, e que faría vostede, se estivera nas súas máns, para acadalo.

En vinte anos, non sei se estarei para velo e, sobre todo, non dependerá dos Eméritos de hoxe, senón dos que están agora acabando os estudos ou comezando a sua formación especializada. O esperable é que a experiencia que se lle atribue a un Emérito puidese ser útil ou, alomenos, ser escoitada, pero non creo que iso poida nen necesariamente deba acontecer. Os que hoxe somos Eméritos tamén fomos novos e tratamos de romper clichés e barreiras, como aconteceu nos anos setenta e oitenta. Os xóvenes de agora deberán facer o mesmo, acertando e tamén errando, pero nunca deben esquecer que a universidade é como un elefante: camiña seguido, pero ao seu ritmo

De que logros síntese máis satisfeito?

No plano persoal, sintome sastisfeito dos progresos que logrou a historiografía en Galicia e da sua profunda renovación, tanto en relación é herdanza recibida como en comparanza co acontecido no marco xeral, alomenos no europeu. Hoxe estase a investigar e publicar papers e libros de Historia que son comparables aos que se fan e publican noutros países e estados nacionais. Deixar de ser periferia é proceso lento mas que pode ser alcanzado

No plano máis instucional ou xeral, creo que foi un grande trunfo o incremento de oferta de educación superior que tivo Galicia desde os anos oitenta e, nomeadamente, coa creación de duas novas universidades. Só como indicador podería invocarse o feito de que na chamada “emigración de cerebros”, os candidatos de orixe galega son abondosos, logrando traballo nos lugares e institucións estranxeiras máis disversas e distantes. Hai xente que se queixa desta perda de talento, pero non ve que a botella tamén está medio chea, que está a construirse unha Galicia global por primeira vez sen man de obra pouco ou nada cualificada.

Como eran os estudantes hai 30 anos é como se comportan nos nosos días?

Os estudantes da trinta ou máis anos atrais eran diferentes pero non necesariamente mellores nen peores que os de hoxe. Tiñan outras prioridades e outras oportunidades. Eran máis receptivos á política e máis conscentes de que era preciso mudar o mundo mediante unha acción política, por veces revolucionaria. Hoxe a percepción é diferente e os modos de construir o futuro van por outros camiños: a igualdade de xénero, o respeito ao medioambente ou o pacifismo son valores moito máis presentes.

E, como colofón, direi que me parece que os estudantes de agora son máis profesionais e talvez menos solidarios que antes. Unha proba está na revisión das calificacións: antes protestaban os que estaban suspensos, agora os que levan ata moi boas notas.

25 jun 2021 / 01:01
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito