Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h
ENTREVISTA
UBALDO RUEDA // O novo fillo adoptivo de Santiago señala que, para el, Monforte era o centro do mundo

“A miña forza venme da infancia total”

O Concello de Santiago vén de nomear fillo adoptivo da cidade a Ubaldo Rueda Soto (A Vide-Monforte de Lemos,1948), recoñecemento que agradece “de corazón” ao alcalde Bugallo e toda a Corporación municipal, e dedica ás persoas que se esforzan por construír unha Compostela “máis xusta, xenerosa, ambiciosa e ilusionante”.

Rueda é o actual presidente da Asociación Cultural Café Casino de Santiago, entidade que creou coa complicidade do empresario de hostalaría Antonio Riveiro, así como a colaboración doutras persoas. Xubilouse como docente en 2018 logo de ser o director do IES Rosalía de Castro durante trinta e tres anos, unha frutífera etapa na que dinamizou o centro promovendo actividades educativas, culturais e deportivas. Impulsou a celebración de conferencias protagonizadas por personaxes de relevo mundial, nacional e local. Creou o Premio Literario Arcebispo San Clemente, onde a propia mocidade estudantil é a que falla as distintas categorías, un galardón que acredita veinticinco edicións e aliados noutros países; e, en 2008, o Premio de Ensaio Bento Spinoza. O deporte de base, especialmente o baloncesto, foi outro soño que logrou materializar logo da construción dun pavillón polideportivo para o centro, outra conquista que liderou coa axuda do claustro, a ANPA e o Consello Escolar.

O Premio de Novela Europea Casino de Santiago e o Premio Lorca, Guerra da Cal, Blanco Amor ao Diálogo e a Concordia constitúen os seus certames máis recentes, pero igualmente consolidados. Todo este activismo é público e notorio, pero non tanto a vida anterior á súa chegada a Santiago. “Non estudei nos Escolapios de Monforte, fun a unha academia privada que acababa de abrir a filla do meu padriño. Nunha festa do Aquino xogamos contra eles, ao fútbol, e perdimos cinco a cero, así que me quedou un recordo horroroso. Non teño bo perder, pero ao fútbol aínda menos”, segundo confesa Rueda.

O Camiño de Inverno, oficial desde 2016, cruza a parroquia de A Vide, onde se criou vostede.

Pasa pegado á casa de meus pais. Acabo de restaurala con moito placer, porque empezara miña nai –Áurea– hai máis de vinte anos, pero morreu aos poucos meses, e aí quedou. Así que eu sentíame comprometido con acabala. Foi a miña casa e téñolle ese cariño para ir de vez en cando.

Un pouco máis arriba está o cemiterio parroquial.

Alí están meus pais e meu irmán, David. Hai unha sepultura que está ao lado da entrada que é onde está el. E hai outra interior onde están meus pais e o mudo. Manuel era un sordomudo que recollemos. Bueno, que meus pais recolleron cando eu tiña tres anos. Viviu con nós ata que morreu. Para min era como un avó. Veu de Castela con rebaños de ovellas e quedou con nós.

Cando estudaba en Monforte viña a durmir a casa?

Non, os invernos eran moi duros e para ir andando non se podía, malia que só distan tres kilómetros. Alí vivía cunha familia que eran amigos de miña nai.

E chega o momento de ir á universidade?

Antes marcho a Lugo, interno, ao Seminario. Eu xogaba moi ben ao fútbol e alí tiñan campos. De feito o Madrid chegou a amosar certo interese por min.

E por que non vén a estudar a Santiago?

Eu tivera un pequeno problema nos curas. Eramos bastante inquedos e ocorréuseme organizar unha folga de silencio o Primeiro de Maio. Non se podía prohibir, porque non estabamos quebrantando nada. Informaron a meus pais de que ía ter problemas na universidade e, bueno, evidentemente xa sabía que tiña que marcharme de alí e punto.

Era un pouco díscolo? Por dicilo así.

Non excesivamente, pero tiña unha conciencia do mundo cristián obreiro francés. Os curas obreiros. Aquí iso non existiu apenas, pero en Francia tiña moita forza.

Pero de onde lle viña esa información?

Lía moito. Eu creo que os cregos non eran conscientes do que tiñan nabiblioteca.

E por que lle interesaban tales asuntos?

Eu tiña unha conciencia moi cristiá da miña casa, de que había o barrio dos pobres, de que as diferenzas sociais había que corrixilas. Esa educación moi cristiá de miña nai tíñaa moi forte, moi metida.

Entón, cando marcha a París?

Débollo a un crego que morreu hai poucos anos, José Pena Mouriz. Cando foi párroco da miña aldea fixo alí un teatro, ¡nos anos cincuenta!, ata o mudo actuou alí. Era un iluminado no mellor dos sentidos. De alí marchou a Becerreá, onde creou escolas e academias para que os rapaces preparasen o bacharelato. Pero entrou en conflito co bispo de Lugo, que era un home moi conservador, e, sen máis, colleu e marchou a París.

E Ubaldo vai detrás!

Ese verán que tiña aquela situación de conflito coa miña familia pola actuación en Lugo, aparece pola casa. Viña todos os veráns a visitar a súa antiga parroquia. Entón dime: Ubaldo, que vas facer da túa vida? E díxenlle: Pois non o sei. A ver que me deixan facer! Daquela aínda eramos algo respectuosos coa familia. E dime: ti es bo estudante, ensíname as notas. E viu que tiña todo matrículas. E espétame: Ves comigo para Paris! E respondín: Non me deixan. Diso encárgome eu, replicou. E así marchei para Paris. En pleno ano 68.

Que estudou alá?

Primeiro fixen Filosofía. E despois fixen un ano na Sorbona de Fonética e, finalmente, fixen Literatura Francesa. Pero tamén vendín xornais as fins de semana e fun recepcionista de hotel, ademais de lector de español.

Compensoulle?

Moito. Estaba moi contento en París, non o vou negar. Cando vin para aquí, tiña unha morriña de París... De feito cometín un erro. Presenteime a unhas oposicións pensando que podía pedir a excedencia, pero cambiaron a norma e no primeiro ano un non era funcionario, era funcionario en prácticas.

E non puido pedir a excedencia para poder regresar a París.

Así é. Encontreime en Santiago de Compostela, porque me deran a praza aquí, e tería que renunciar para volver a París. Pero, claro, iso xa non me compensaba tanto. O certo é que eu, en París, estaba nunha situación moi boa. Era profesor no Liceo español. Estaba moi contento. Tiña parella en Francia... Era complexo.

A súa experiencia parisina é o fundamento de todo o proxecto educativo e cultural que puxo en marcha en Santiago?

Non. A infancia, a infancia.

Explíquese.

A infancia. Eu era un soñador. Ambicionaba facer proxectos. Ademais para min Monforte era o centro do mundo. Era o centro do mundo porque, daquela, ás feiras de Monforte viñan desde Chantada, Quiroga, de todas partes.

E un importante nó ferroviario.

Tiñamos unha estación de primeira! Cando fun para Lugo, dixen: Pero isto é un apeadoiro! Pero se Monforte ten unha estación que nin en Madrid a hai! Daquela nin a Estación do Norte tiña un paso subterráneo! Para min Monforte era o centro do mundo, non había algo máis grande. E dende a miña casa, na Vide, vía toda a chaira e todo o val de Lemos.

Aí está a esencia?

Xa che digo. Para min París achegoume moitísimo. Pero a miña forza venme da infancia total! E se algo é referente é ese crego que foi iluminado facendo un teatro nunha aldea onde non había radio, nin televisión, nin luz eléctrica, nin aseos.

Sen ánimo de debater, este xornalista sempre o viu afrancesado.

Claro, home, eu de Francia teño tan grato recordo que, cando vin para aquí, tiven que comprar un pequeniño apartamento de vinte e tres metros cadrados, que aínda sigo gardando, porque non soportaba non ter algo alí, moi galego tamén isto. Pero se alguén me pregunta de onde me vén a forza, respondo que dnha infancia con soños, ilusións, proxectos. Pero tamén é certo que se querobuscar forzas, retorno a París. E cando me deprimo poño unha barba moi parisina.

E cumpriu todos os soños que tiña na infancia?

Hummm. Bueno. Eu creo que cumprín soños... Estou pensando na aventura máis difícil e imposible na que me embarquei, a construción dun polideportivo e dun auditorio en San Clemente. Pero a sorte da vida é poder seguir tendo soños. É dicir, se un segue téndoos, segue vivo. O día que os soños desaparezan, un chegou ao fin da traxectoria.

E agora o soño máis visible de Ubaldo é o Casino cultural?

É un soño que me resulta gozoso. Porque ten que ver coa cultura, ten que ver coa lectura. E porque se poden facer moitas cousas nunha cidade como Santiago. É unha mágoa que non se fagan máis, porque é unha cidade que non é excesivamente grande, está moi concentrada na zona monumental para facer cousas... É moi fácil facelas, así que me sorprendo de que non se faga máis. Santiago tiña que ser unha cidade para amosar, pero non só arquitectonicamente, senón polas actividades que se fan.

31 jul 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito