Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h
ENTREVISTA
Doutora en Dereito, profesora, intérprete musical e xestora cultural

“A música clásica perdeu moita relevancia a prol doutros modelos”

comecei a estudar piano con José María Paredes en Compostela

Belén Bermejo, intérprete de órgano portativo e cantante, ademais de xestora e mediadora cultural, adica a súas labores musicais a traballar sobre repertorios dos séculos XII ao XVI, sobre os que traballou con agrupacións como Martín Codax, Manseliña, o Grupo de Música Antiga 1500, Rosarum Flores ou Près de Cambrai.

Que materias ocupan a súa dedicación profesional?

Sempre tiven inquedanzas no ámbito da música dende a miña nenez, cando comecei a estudar piano con José María Paredes en Compostela e, desde entón, non deixei de colaborar activamente en proxectos musicais diversos. Entrei na música antiga da man de Miguel Anxo López Fariña, do grupo Martín Codax, recibindo clases da soprano Mercedes Hernández. Desenvolvín o meu traballo, en gran parte, de forma autodidacta, en estreita colaboración con Andrés Díaz e os proxectos liderados por el nos últimos anos, a través do Grupo de Música Antiga 1500. Pero son xurista de formación, doutora en Dereito, especializada en Dereito Administrativo. Desde hai décadas manteño unha estreita vinculación coa cidade de Innsbruck, en Austria, e a súa universidade, onde desenvolvín labores docentes na facultade de Dereito. As miñas estadías alí aprovéitoas tamén para facer contactos no mundo da música, empaparme do que acontece no resto de Europa e desenvolver proxectos que logo poida traer a Galicia.

Que balance fai da súa traxectoria artística?

A música clásica, e por extensión a música antiga, son as irmás pobres da música en Galicia, se o comparamos con outros ámbitos peninsulares e europeos. Nos últimos anos esta tendencia acentuouse extraordinariamente. A música clásica perdeu moita relevancia a prol doutros modelos musicais, o que nos fixo ficar na marxinalidade. Traballar nestas condicións, sen programacións musicais, sen consideración por parte das administracións e dos programadores, sen recursos, fai imposible desenvolver proxectos con continuidade. Nas formacións nas que eu traballo temos preparado infinidade de programas, cun enorme esforzo, non só artístico, senón tamén de documentación, é dicir, auténticos traballos de investigación, que só se representaron unha soa vez e en condicións leoninas para os artistas. Aínda así, estou orgullosa de ter participado neles, especialmente co Grupo de Música Antiga 1500, que dirixe Andrés Díaz, probablemente un dos mellores proxectos musicais do ámbito da música antiga galega que se teñan desenvolvido nas dúas últimas décadas. O grupo Pres de Cambrai foi unha aposta persoal miña, cunha intención máis experimental, que permitise abrir a música antiga a outras disciplinas artísticas e estilos musicais. De aí saíu un fermoso proxecto, O segredo do pergamiño Vindel, ou os proxectos Aprende a escoitar un libro e Fóra do tempo, músicas doutrora para ouvidos contemporáneos. Ficou na recámara un proxecto co pianista Pablo Seoane sobre o Winterreise de Schubert, que, sen dúbida, retomaremos no futuro. Nas actuais condicións de falta de programacións e apoio, preparar proxectos novos significa asumir o risco de acabar facendo concertos na túa casa para os amigos, e nestas estamos.

E Manseliña, un dos seus traballos máis recentes.

María Giménez, a directora do grupo, pediume que interpretara ao organetto unha cantiga de Martin Codax, Ondas do mar de Vigo. Foi una pequena e puntual colaboración no disco.

Como ve a realidade concreta dos músicos galegos?

Dentro da música temos que facer distincións. Nós últimos tempos a industria musical galega experimentou avances e un certo desenvolvemento, que deixou á marxe á música clásica e tamén a antiga. É certo que a culpa tamén é do propio sector, que non foi quen de adaptarse aos tempos e ficou totalmente desestruturado e sen aspiracións de profesionalización. Iso, unido a un cambio de paradigma nas programacións, que aparcaron o tradicional concepto de concerto, xunto ao desinterese da administración por este tipo de música e a falta de recursos ou concentración destes nuns sectores concretos da música máis lixeira, fixeron que nos atopemos nunha situación de precariedade e marxinalidade insólitas. Como programadora sei o que cobran as formacións no mundo pop ou folk, e sei o que están dispostos a pagar, no mellor dos casos, por nós. É desproporcionado. Por outra parte, as administracións teñen a impresión de que, coas grandes orquestras, que consumen gran parte dos recursos, o panorama está máis que cuberto, cando non é así.

Fálenos do ciclo De Lugares e órganos. Música e outras paisaxes arredor de Compostela.

Este ciclo nace como consecuencia do teimudo traballo que, sobre o patrimonio organístico galego, puxemos en marcha un pequeno equipo de persoas en 2007 e no que aínda seguimos traballando. Destes esforzos obtivemos un grande volume de documentación e interesantísimas informacións, que nos parecía necesario divulgar. Xa se fixeran pequenos concertos e actividades noutros ciclos que dirixo pero, en 2016, da man da entón concelleira de Acción Cultural, Branca Novoneyra, xurdiu a oportunidade de dar corpo a un proxecto máis específico sobre os órganos de Compostela, despregando toda unha serie de actividades de corte didáctico e de mediación cultural e, ao tempo, unha programación de concertos de gran calidade, contando ademais con artistas locais... Este ano tiñamos unha programación chea de magníficas propostas musicais e divulgativas pero, por desgraza, queda adiado.

E outro proxecto de referencia é Espazos Sonoros.

É un proxecto sólido e xa moi consolidado, logo de doce edicións e camiño da decimo terceira. A intención foi, desde o principio, combinar a música cos espazos do patrimonio.

20 jul 2020 / 00:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito