Santiago
+15° C
Actualizado
lunes, 03 junio 2024
15:30
h

A primavera comeza mañá, ás 16.34 horas, e traerá un eclipse de luna total

Remata en Santiago un inverno que pode considerarse seco pese ás choivas recentes

Santiago. O inicio da primavera producirase mañá, ás 16.34 horas, “cando o Sol aparentemente pasa polo punto Aries, ou equinoccio de marzo, un dos dous puntos de corte da eclíptica co ecuador celeste”, explicou o director do Observatorio Astronómico Ramón María Aller da USC, José Ángel Docobo. A nova estación prolongarase durante case 93 días, ata as 11.14 do 21 de xuño.

Nestes días, na contorna do equinoccio, a duración do día e da noite son teoricamente iguais, e o Sol sae exactamente polo leste e o solpor prodúcese exactamente ao oeste. Porén, debido á luz crepuscular, antes da saída do Sol e logo do solpor, a claridade supera a escuridade.

O fenómeno astronómico máis salientable que se producirá neste período de tempo será a eclipse total de Lúa do 16 de maio, que vai ser visible practicamente en toda a Península. A fase parcial comezará ás 4.28 da madrugada e a total ás 5.29 horas, durando esta última ata ás 6.54. A Lúa vaise poñer en Galicia ás 7.15, aínda sen rematar a fase parcial.

Típicas da primavera son as choivas de estrelas Líridas e eta-Acuáridas, as cales teñen os seus máximos os días 22 de abril e 6 de maio, respectivamente. “Así mesmo, nas próximas semanas asistiremos a unha interesante conxunción planetaria antes do amencer”, apunta o profesor Docobo. A finais deste mes, Saturno, Venus, e Marte saíran xuntos e ademais a Lúa pasará xunto a eles entre o 27 de 29 de marzo, entrando tamén en escena Xúpiter nos primeiros días de abril.

Meteoroloxía. No apartado meteorolóxico, remata en Compostela un inverno que pode considerarse bastante seco a pesar das choivas de final de ano e mais destes días de marzo. En total, recolléronse no Observatorio Astronómico Ramón María Aller 391,5 litros/m2. Nos últimos dez días de decembro a cifra situouse nos 138,9 l/m2; a 64,1, no mes de xaneiro; en febreiro recolléronse 52,9 l/m2; e nos primeiros vinte días de marzo a cifra chegou aos 135,6 l/m2.

“Cómpre salientar que nos últimos cincuenta anos houbo invernos aínda máis secos na capital de Galicia”, matiza o profesor Docobo. Así por exemplo e segundo os datos rexistrados na USC, no inverno 2011-2012, recolléronse 100,8 l/m2; e no de 1991-1992, 172,9 l/m2. Malia que a media dos invernos situase en Santiago en torno aos 600 litros/m2, téñense producido invernos máis secos como os de 1992-1993 (210,6 l/m2), 2004-2005 (228,0 l/m2), 1980-1981 (233,1 l/m2), 1999-2000 (233,7 l/m2), 1975-1976 (306,7 l/m2), 1982-1983 (309,0 l/m2), 1988-1989 (318,2 l/m2), 1981-1982 (333,5 l/m2), 1972-1973 (349,4 l/m2), 2018-2019 (374,7 l/m2), e 2003-2004 (376,9 l/m2).

Con respecto ás precipitacións, choveu oito días a finais de decembro, dez en xaneiro, doce en febreiro, e once no que levamos de marzo. En total, 41 días aos que hai que engadir catro con precipitación inapreciable (menos de 0,1 l/m2).

No rexistro termométrico destaca sobre todo a máxima de 21º5 acadada o día 1 de xaneiro, “que pode considerarse un récord histórico”, apuntou José Ángel Docobo. Ese mesmo día a mínima non baixou dos 15º1. Trátase de temperaturas ás que ás veces non se chega nalgúns días de verán”, conclúe o responsable do Observatorio da USC. ecg

19 mar 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito