Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

A Rocha Forte celebra o éxito dos seus últimos 25 anos cun novo libro

Presentouse onte nun acto no xacemento arqueolóxico do castelo no que interviu o seu autor e presidente da Asociación Cultural do barrio, Carlos Delgado

O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, asistiu na mañá de onte á presentación do libro 25 anos de historia da Asociación Cultural Rocha Forte, escrito polo seu presidente, Carlos Delgado Fernández, durante un acto que tivo lugar no entorno do emblemático xacemento arqueolóxico do barrio. O primeiro edil sinalou, durante a súa intervención, que as actuacións que se están a facer na zona por parte do Concello -dúas sendas peonís, unha entre Milladoiro e Santiago e a outra entre os ríos Sar e Sarela- “porán en valor á xente e facilitarán a conectividade da veciñanza”. O rexedor rematou sinalando que “sempre nos teredes ao voso lado para facer todo o posible pola Rocha e en beneficio da Rocha”.

No acto de presesentación, durante o cal os asistentes puideron gozar dunha actuación da man do coro de Habaneras Rocha Forte, tamén interveu a concelleira de Acción Cultural e Centros Socioculturais, Mercedes Rosón, quen puxo o énfase na “profunda vinculación” da entidade cos avances arqueolóxicos no castelo da Rocha Forte, así coma o seu incansable labor no marco da recuperación da “nosa historia”, así coma a súa aposta “continua pola cultura”.

Nesta recente publicación, de 125 páxinas, colaborou o Concello de Santiago e o seu contido atópase dividido en varios apartados, un deles adicado aos avances arqueolóxicos rexistrados neste último cuarto de século no xacemento do castelo da Rocha Forte. Tamén destaca nas súas páxinas a reconstrución do edificio da Casa Baltar, q ue hoxe alberga o Centro Sociocultural da Rocha, e a aposta da asociación polo impulso da memoria cultural cunha variedade de iniciativas culturais que pasan polo coro de Habaneras, a exposición anual da camelia, que se leva celebrando dende o ano 2010; as súas semanas culturais ou a entrega das insignias de prata e ouro a socios da entidade.

De igual maneira, o libro recompila o resto das actividades organizadas pola asociación durante a súa traxectoria: coloquios, obradoiros, edición e presentacións de libros, exposicions, concertos, viaxes e visitas culturais; así como celebracións, caso da romaría do Castelo da Rocha ou o magosto.

Ademais do alcalde, Mercedes Rosón e Carlos Delgado, no acto tamén interviron o director do Centro Ramón Piñeiro, Armando Requeixo; o exdirector da Gran Enciclopedia Galega, Xosé Ramón Fandiño; e Manuel Moure, membro da Xunta directiva da Asociación Cultural Rocha Forte.

15 ene 2023 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.