Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

“A xente está farta de ver como transcorre o tempo e as obras non son unha realidade”, sinala o BNG

Santiago. “O Bloque Nacionalista Galego considera escandalosa a importante baixada en investimento público en todo o que se refire á licitación de obras por parte do Concello de Santiago no primeiro semestre de 2022”, advertiu onte Goretti Sanmartín, portavoz municipal do partido. “Unicamente un millón de euros en investimento realizado cunha variación con respecto ao ano anterior dun 80%”, cifra que semella non ser suficiente para o BNG. “Esa falta de licitación é unha mala noticia para Compostela e dá conta dunha pésima xestión do Goberno local do PSOE na capital de Galiza”, sinalou Sanmartín.

“O alcalde Sánchez Bugallo xustifica ese descenso en comparación con outros concellos que investiron máis por intereses electoralistas, o que dá boa conta de que é o único criterio que lle ronda na cabeza, cando o que lle debería preocupar é que un concello cabeceira de comarca, como Santiago, só sexa capaz de licitar unha cantidade tan pequena”, pois tería uns 15 millóns pendentes. “Iso ten que ver, realmente, con non presentar en tempo os orzamentos, coa demora na licitación das obras e con que non se executen no exercicio previsto. A xente está farta de desculpas de mal pagador, dunha persoa que leva demostrado nestes anos a incapacidade de xestión e a ineficacia”, indicou a portavoz. “Cando se inviste todo xunto a finais de ano, logo non dá tempo a facer esas obras e queda todo postergado. Ademais, o alcalde recoñece que non van ser capaces de facelas antes das eleccións municipais, mais o problema é que non foron capaces de facelas ano tras ano, e que a xente está farta de ver como transcorre o tempo e as obras nunca chegan a ser unha realidade”, conclúe Sanmartín. d.seijas

11 sep 2022 / 21:17
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito