Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

A Xunta aposta polas alianzas artísticas e impulsa novos espectáculos de danza

‘Festina Lente’, de Andrea Quintana, ‘Umbral’, de Javier Martín, e ‘Tres Tristes 2.0’, por Kirenia Martínez, coproduciranse no CCG // Chegarán aos escenarios entre primavera e outono de 2021

A Xunta de Galicia impulsará os novos espectáculos de danza nos que traballan Andrea Quintana, Javier Martín e Kirenia Martínez Acosta, adxudicatarios da licitación de tres contratos en réxime de coprodución co Centro Coreográfico Galego (CCG). Segundo a adxudicación publicada na web da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), a Xunta achegará máis de 50.000 euros ás tres propostas, asumindo así entre o 50 e o 80 % dos seus respectivos orzamentos.

No caso de Festina Lente, presentada por Andrea Quintana como espectáculo de debut do novo colectivo Vacaburra, o contrato ascende a 18.000 euros, a mesma contía que recibirá a montaxe Tres tristes 2.0, que levará a escena a compañía Kirenia Danza. Pola súa banda, o acordo para a coprodución de Umbral, de Javier Martín, ascende a 15.340 euros. Ademais do apoio económico, estas formacións contarán coas instalacións do Centro Coreográfico Galego na Coruña para os ensaios previos á súa estrea, prevista entre a primavera e o outono de 2021.

Sinerxías creativas. As alianzas artísticas a partir das que xorden os títulos seleccionados son determinantes nos tres casos. Así, o colectivo Vacaburra é o proxecto común das creadoras Andrea Quintana e Gena Baamonde, que asinarán conxuntamente a dramaturxia de Festina Lente. Esta peza contemporánea buscará propiciar unha reflexión acerca do momento presente a través dunha visión crítica sobre os contextos actuais de desconexión e os factores que inflúen na construción da sociedade.

Gena Baamonde ocúpase tamén da dirección do espectáculo, mentres que Andrea Quintana se encarga da coreografía e da súa interpretación canda a Clara Ferrao. Acompáñaas un equipo maioritariamente feminino, do que tamén forman parte Cristina Cotelo (espazo escénico), Saturna (vestiario), Esther Quintas (caracterización), Muller6ollos (imaxe gráfica e vídeo) e Galicia Danza Contemporánea (produción xunto a Vacaburra). “Festina Lente busca unha reflexión do momento presente, nun mundo no que a pel-pantalla coloniza as nosas relacións de corpos dixitais alleos as posibilidades da pel. Buscamos un entrar e pararse no corpo”, afirma Andrea Quintana.

No caso de Javier Martín, para a súa nova creación contará coa colaboración especial na asistencia á dirección e ao movemento do tamén coreógrafo e bailarín Pep Ramis, codirector da compañía Mal Pelo e do centro de creación e investigación L’animal a l’esquena de Xirona, que acollerá este proxecto en residencia artística. Neste sentido, Martín considera “muy importante el ejercicio de apertura que desde Agadic se está haciendo a los nuevos lenguajes”.

Para Umbral, o seu creador inspírase nalgunhas das figuras espectrais do acervo cultural galego, desde a Santa Compaña ata as múltiples personaxes do Entroido, para abordar a través da danza contemporánea reflexións que subxacen na nosa cultura máis ancestral. Sabela Mendoza na produción e Octavio Mas na iluminación implícanse de novo nun proxecto de Javier Martín, que contará tamén co vestiario de Cremallera Studio.

CREACIÓN DE MIGUEL AZCUE. Pola súa banda, Kirenia Martínez Acosta repite este ano como adxudicataria da convocatoria de coproducións do Centro Coreográfico Galego. Desta volta, foi seleccionada por Tres Tristes 2.0, que levará a escena coa súa compañía, Kirenia Danza. A proposta parte da idea de recuperar a peza contemporánea Tres Tristes Tres, creada en 1999 polo coreógrafo e bailarín Miguel Azcue para a recoñecida formación cubana Danza Teatro Retazos.

Ambos artistas reúnense de novo tras vinte anos para levar ás táboas unha montaxe biográfica e documental que, neste proceso de lembranza, recreará tamén extractos doutras seis coreografías e recuperará o espírito desa época. A nova bailarina galega Estefi Gómez acompañará en escena a Kirenia Martínez e Miguel Azcue neste proxecto, ao que se suman RTA (espazo lumínico), Babykatze e Bruno Baw (espazo sonoro), Eidos e Idearock (produción) e Arte Estudio Xestión Cultural (distribución). “Lo fundamental es trazar nuevas líneas de creación y establecer además una conexión internacional”, destaca Kirenia Martínez Acosta.

Así pois, amplíase así a nómina dos espectáculos vinculados ao programa de coproducións do Centro Coreográfico Galego, a través do que a Xunta impulsou nos últimos anos as montaxes de Médula, de Artestudio; Bailar agora, de Marta Alonso Tejada; E-migrantas, de Kirenia Martínez Acosta; Pink Unicorns, de La Macana; Directo 9, de Pisando Ovos; Corps Sonore, con SóloDos; Son, de Nova Galega de Danza, e Atlántica, de Ballet Norte.

11 dic 2020 / 00:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.