Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Acollemento familiar a menores: moito máis que un teito

O futuro de calquera de nós vén moi marcado por todos eses recordos cos que a nosa mente nos retrotrae ate a infancia. Para moitos nenos e adolescentes ese espello mental que están construíndo non mostraría unha imaxe tan nítida e tan afable se non fose por familias que, desinteresadamente, decidiron ofrecerlles moito máis que unha cama e unha neveira ben chea. Son as familias acolledoras que, baixo a xestión da Consellería de Política Social e de Cruz Vermella, fixeron posible que en 2020, e en plena pandemia sanitaria, máis de 1.200 menores puidesen ter unha vida mellor. Moitos deles, como os protagonistas que hoxe contan as súas historias, son de Compostela e da súa área de influencia.

Familias que pola súa situación económica non poden garantir os recursos que precisan os seus fillos, ou núcleos que están temporalmente desestructurados por diversas problemáticas son dous dos principais motivos que levan a Administración a ter que facerse cargo dun menor. Debuxar un perfil das causas que motivan as intervencións é complexo xa que son variadas, tal e como explica a subdirectora xeral de Política Familia da Xunta, Cristina Blanco: “Desde neglixencias por ausencia de coidados básicos ata situacións moito máis graves como a violencia sexual”, explica. Cando o problema de base é exclusivamente económica, a intervención é diferente, con axudas ás familias, pero non co acollemento familiar. Malia que aínda é cedo para valorar como está influíndo a pandemia, Blanco recoñece que se notou un aumento en 2020 das medidas de protección asumidas. “O confinamento levou a situacións límite que ata agora non afloraban, como a violencia doméstica”.

Unha das demandas dalgunha das familias é que exista un acompañamento psicolóxico continuado, sen embargo, o que se busca é ofrecelo só cando é necesario: “Non todos os nenos a precisan, non hai que patoloxizar o feito de pertencer á rede de protección”, especifica Cristina Blanco. Outro asunto no que insisten os acolledores é no feito de que moitas veces os irmáns conviven separados, por exemplo, un dos menores en acollemento en familia extensa -avós, tíos...- e o outro en familia allea -sen parentesco-. Na Xunta insisten en que sempre se busca a agrupación, pero asumen que non sempre é posible.

“Sempre hai necesidade de máis familias acolledoras para poder dar cabida aos dereitos fundamentais que teñen os nenos, pero hai que deixar claro que non todas as familias valen, é unha tarefa dura, e pasan por unha coidada avaliación”, relata a subdirectora xeral de Política Familiar. É dicir, os menores que proveñen de familias con determinadas problemáticas levan consigo unha carga maior que a que pode ter calquera outro neno. “A súa mochila pesa máis que a do resto”, resume Blanco.

Todas as persoas interesadas en converterse en familia acolledora poden dirixirse ás Xefaturas Territoriais da Consellería de Política Social ou ben aos servizos sociais do seu concello, ou, se se trata de familias alleas, directamente á Cruz Vermella, onde lles informarán das condicións e documentación que deben presentar. Hai que subliñar que todos os membros da unidade familiar deberán aceptar voluntariamente o acollemento e a relación coa familia do ou da menor.

“É moi gratificante, recibes máis deles do que ti lles dás”
Un rapaz de doce anos e un neno de dous foron acollidos pola familia de Mariló

Pouca o ningunha idea tiña esta familia de Padrón sobre que era iso do acollemento familiar. Pero todo mudou cando coñeceron ao compañeiro de habitación do seu fillo de 15 anos, que se atopaba ingresado no hospital. Esa historia mudou a súa vida para sempre. O seu fillo, desgraciadamente, non puido superar a enfermidade que sufría pero deixou como legado aos seus pais a súa empatía cos nenos pequenos. Iso serviulle a Mariló para converterse en nai de acollida, xunta ao seu marido e ao seu outro fillo, de 19 anos.

“Empecei polo meu fillo e continúo por min e por todos os nenos que o precisan”, conta. Non foi fácil para a familia, que tivo que deixar pasar un tempo desde a perda do seu fillo para estar en condicións de iniciar un novo proxecto como familia de acollida. Á súa vida chegou primeiro un rapaz de 12 anos procedente dunha familia con escasos recursos económicos e con problemas de drogadicción. O rapaz chegaba con bastante lastre detrás xa que tivera unha mala experiencia na casa de acollida na que estivera. A súa adaptación non foi fácil, e a familia de Mariló tamén tivo que loitar con esa mochila psicolóxica que traen detrás os menores que se atopan nun ambiente que non é o ideal. Sete meses despois da súa chegada, regresou coa súa tía, que solicitou o seu acollemento -existe a modalidade dentro da propia familia, coñecida como acollemento en familia extensa, e acollemento cunha familia allea-.

Despois chegou un meniño de catro anos que leva xa dous na casa de Mariló. No seu caso, a administración tivo que facerse cargo del xa que na familia non o atendían en condicións. “Na barriga e no desenvolvemento do corpo notábaselle que non estaba atendido”, recorda esta nai. Desde que o colleu no colo por primeira vez, o pequeno acurrucouse a ela con total tranquilidade. E así ata agora: “Chegou como un acollemento urxente, para 15 días, e levamos dous anos”. Ten un irmán maior que vive co seu avó, o cal non pode facerse cargo de ambos pero mantén contacto frecuente e visitas co seu neto pequeno. “As familias poden verte como unha especie de rival ao comezo, pero despois agradecen moito o que fas”, salienta Mariló.

“A experiencia é moi gratificante, danche moito máis do que lles dás a eles. Tamén temos o apoio da asociación Acougo, que fai de intermediaria coa Xunta, e está moi pendente de nós”, conta agradecida. As familias teñen unha axuda mensual para cubrir parte dos gastos, pero en ningún caso supón unha ganancia para as familias. O que acolle non o fai por cartos.

Tras case tres anos de experiencia, os nenos acabaron sendo como un fillo máis. “Se antes pensaba que había diferencias entre un neno de acollida ou adoptado, e un biolóxico, agora sei que estaba equivocada”, conclúe Mariló.

“Os nosos fillos aprenden que existen outras realidades”
Nai acolledora dun neno de oito anos, que leva un con ela; e outro conviviu vinte e catro meses

O feito de que os seus fillos a apoiasen foi determinante para que Natalia, nai acolledora da área compostelá, se decidise a formar parte da rede de familias acolledoras. Ela e os seus dous fillos, que agora teñen 19 e 12 anos, conviven con un pequeno de oito que xa leve un ano con eles. Antes tiveron durante dous anos outro pequeno, da mesma idade, que chegou á súa casa convencido de que só ía botar seis meses e que acabou pasando dous anos. “A súa nai fixera un traballo bo de concienciación, díxolle que ela non o podía coidar nese momento e que comigo ía estar ben. El ao longo do tempo confesoume que os primeiros días só tiña ganas de chorar”, explica Natalia.

Ese proceso de adaptación é o máis complexo en xeral, xa que todos os nenos que pasan a convivir cunha familia de acollida veñen de vivir situacións algo complicadas, ao que hai que sumar o feito de que os separen dos seus pais. Da súa experiencia, esta nai acolledora destaca a aprendizaxe que adquiriron os seus fillos durante todo este tempo: “Estar na casa no sofá coa tele, indo ao cole e ás actividades, cunha vida normal, fai que moitos nenos pensen que iso é a vida. Esta experiencia failles ver que teñen sorte de ter esa vida porque hai nenos con realidades que non se parecen en nada á deles”. Os fillos de Natalia tamén tiveron que adaptarse á situación, especialmente o pequeno, que durante a primeira acollida tiña oito anos, os mesmos que o seu novo compañeiro de xogos, co que tivo que compartir habitación e o cariño da súa nai. Para el non só foi complicado a chegada dun novo rapaz, senón que o foi tamén a súa marcha cando xa se acostumara a telo cerca, como un irmán máis. Sen embargo, pasado o tempo, estivo de acordo en que chegase á súa casa outro neno de acollida.

Se por algo se decidiu ela a colaborar neste campo é porque considera determinante axudar aos nenos con infancias problemáticas, xa que é unha etapa “que marcará como formen o seu carácter, como serán no futuro”. Pero tamén ela recibiu deles, e das familias biolóxicas, unha lección de vida. Por un lado, destaca o exemplo das nais biolóxicas coas que tratou, que foron capaces de superar situacións complicadas -como a drogodependencia- por amor aos seus fillos, para poder recuperalos. Dos menores salienta a capacidade de adaptación.

Pese ás súas boas experiencias, insiste en que o programa de acollida presenta aspectos nos que se podería mellorar, especialmente en temas de coordinación. Así, considera que se precisa máis persoal, por exemplo, na Cruz Vermella, coordinadora da rede de acollida da Consellería; e agradece a recente constitución da Asociación Galega de Familias de Acollida, Acougo. Máis aló disto, Natalia conclúe cunha mensaxe de ánimo para que máis familias se sumen a unha experiencia “moi boa”.

21 feb 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito