Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Actividades para toda a familia na exposición de ‘Corpos presentes’

Os participantes descubrirán diferentes formas de inmersión corporal e espiritual a través das obras e artistas da mostra da Fundación Jove

A mostra Corpos Presentes, que actualmente pode visitarse na Igrexa da Universidade e no Colexio de Fonseca, é o marco en torno ao cal se desenvolverán dúas xornadas didácticas para o público familiar. Con esta iniciativa, quérese convidar ás familias a compartir unha mañá en torno á arte dunha maneira divertida. Cada grupo familiar recibirá unha serie de desafíos ao redor da exposición e terá que realizar un percorrido creativo: cada paso que dean supoñerá unha aprendizaxe entre o grupo familiar e as obras.

As persoas participantes descubrirán as diferentes formas de inmersión corporal e espiritual a través das obras e artistas que compoñen a exposición e de que forma cada peza fai unha lectura sobre o corpo como depositario dun proceso construtivo. O resultado será un encontro creativo interxeracional entre público adulto e infantil. Unha selección dalgunhas das obras máis importantes da Colección de Arte da Fundación María José Jove atópanse expostas na USC a través da mostra Corpos presentes, que pode visitarse ata o 3 de xullo.

Dende o recoñecido artista Salvador Dalí, pasando por outros como Chillida ou Tápies, esta exposición concibida para o Xacobeo 2021-22, está composta por trinta obras que desenvolven unha narrativa en torno ao corpo. Grazas a este planteamento, convida a todos os visitantes a repensar acerca de conceptos básicos da peregrinación con procesos místicos e espirituais implícitos tamén no proceso creativo.

Entre as obras seleccionadas desta nova colección atópanse autores como Mariano Fortuny, Eduardo Chillida, Salvador Dalí, Anselm Kiefer, Georg Baselitz, Antony Gormley, Luis Gordillo, Louise Bourgeois, Tápies, Antonio Saura, Juan Muñoz, Helena Almeida, Julião Sarmento, Elmgreen and Dragset, Ángela de la Cruz, Jorge Barbi, Manuel Vilariño, June Crespo, Antoni Tàpies e Esther Ferrer. Trátase dunha actividade gratuíta que se celebrará os sábados 5 e 26 de xuño, en horario de 11.30 a 12.30 horas; e dirixida a familias con nenos de ata 12 anos. As prazas son limitadas, sendo imprescindible a inscrición previa nesta ligazón. Esta exposición é froito da colaboración entre a USC e a Fundación María José Jove. A mostra poderá visitarse en horario de luns a sábado de 11.00 a 14.00 horas e de 17.00 a 20.30 horas, permanecendo pechada os días festivos.

26 may 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito