Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Analizan a relación entre o cinema e Compostela nos últimos vinte anos

Santiago. O Consorcio de Santiago e a Editorial Guiverny publican Compostela no cinema. Apuntamentos da cidade no século XXI, en colaboración coa Xunta de Galicia e o Centro Galego de Arte Contemporánea. É un traballo da historiadora Yolanda López, que presentouse onte no CGAC coa participación do alcalde de Santiago e presidente do Consorcio da cidade, Xosé A. Sánchez Bugallo; o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo; a xerente do organismo interadministrativo, Belén Hernández; a responsable da editorial Guiverny, Belén Fortes; e o director do Centro Galego de Arte Contemporánea, Santiago Olmo, ademais da autora.

Este estudo analiza a imaxe da cidade compostelá no cinema e na ficción televisiva dos primeiros vinte anos do século XXI. Explica como o medio cinematográfico axuda a construír e/ou reforzar a percepción dunha cidade no imaxinario colectivo. Así, debúllanse as claves de once filmes representativos, realizados tanto por directores galegos coma foráneos, organizados en tres bloques: a Compostela literaria, a tradición xacobea e a cidade transitada.

“A proposta procura reflexionar sobre a imaxe que construímos e reinventamos, a que factores se debe o retrato e cales son as fraquezas do mesmo” -explica a autora-. Sinala ademais que “tamén se procura a ollada dunha cidade ocultada que moi probablemente nos enriqueza cando saia á luz”.

Máis alá da investigación crítica, a autora incorpora entrevistas a directores, guionistas e escritores. As reflexións de Jorge Coira, Fernando Cortizo, Camilo Franco, Antón Reixa, Ángel Santos, Suso de Toro e Alfonso Zarauza enriquecen a proposta coma creadores que alimentan o retrato compostelán. ecg

27 oct 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito