Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Ante a desinformación, datos reais

    está claro que ao señor Portela Debasa fáltalle información. A raíz do publicado nos medios de comunicación estes días, esperando que a veciñanza adopte con entusiasmo os seus repetidos argumentos, unha vez máis, e ben seguro non será a última, ímolo agasallar con algúns datos. Non sabemos se carece deles ou, peor, tenos e falséaos.

    Dicían dende a Asociación Galega de Inmobilarias, culpabilizando unha vez máis aos minipropietarios de VUTs da escaseza de vivenda e dos altos prezos do aluguer.

    En este sentido, citaban, “aprecian ya una mayor disponibilidad de inmuebles para el alquiler tradicional, fruto, apuntan, de la nueva regulación para las Viviendas de Uso Turístico, que se intentará aprobar durante este año, así como por las sanciones y requerimientos que les están llegando a los propietarios de estos apartamentos para que las cierren por carecer de la doble licencia: autonómica y local”.

    O caso é que a realidade é tozuda e, á vista do exposto no REAT, hai que renderse á evidencia: relacionábanse o 1 de xullo de 2022 681 VUTs e o 1 de xaneiro de 2023 constan 737. Polo tanto, queda claro que hai máis apartamentos que os que había antes.

    Por outra parte ou pola mesma, os propietarios das vivendas que mandou pechar o Concello, no seu rol de “axente xusticieiro”, están esperando a que ese apoio co que contan da oposición lles permita, como é de xustiza, seguilas alugando en corta duración. Polo tanto, non están dispoñibles para outro arrendamento.

    Así que, non poideron incrementar a bolsa das inmobiliarias, por este motivo. Ademais, en canto se aprobe definitivamente a modificación, só na zona do Ensanche, haberá 1.267 vivendas, en potencia menos para ese aluguer.

    O asunto é que cada vez que os propietarios publicamos datos, sempre certos e contrastables, embárrase o debate con encomiable arte e con datos falsos. Deste modo, confúndese á opinion pública que a Modificación vai poñer no aluguer tradicional vivendas máis baratas.

    Neste senso, o grupo de goberno de Compostela consideramos que fixo mal os deberes na Modificación do PXOUM, quizais só por preguiza. O proxecto parece copiado ao dereito do “rincón do vago”, pero á vista dos resultados e prevendo os beneficios que van obter os multipropietarios (lembremos que hai algún dono de 11 vivendas rexistradas no REAT e todas elas en baixos e primeiras plantas), resúltanos algo curioso, cando menos.

    Ese “esperpento”, se unha oposición responsable, que para iso está, non o remedia, aprobarase no mes de marzo e abrirase a veda, coincidindo coa da troita para os grandes propietarios, donos de once vivendas. Ata é posible, o tempo o dirá, que todas as primeiras plantas que se van construir en Romero Donallo estean deseñadas para albergar Vivendas de Uso Turístico, mediando o Plan que se pretende regalar dende Raxoi. Así, no Ensanche, haberá moitas máis dos 1.267 inmobles que, en principio, se ían permitir.

    Con esa modificación, as vivendas en aluguer de longa duración non baixarán de prezo. Así, por exemplo, en Barcelona impleméntase o PEAUT, desde o 6 de marzo de 2017, e neste último ano non só baixaron, senón que subiron os prezos do aluguer de longa duración un 25,7 %.

    Todos os que voten a favor dos defensores desta medida terán a súa responsabilidade en que o número de vivendas de uso turístico se multiplique por 9,5 e en que as novas sexan explotadas por grandes fondos de inversión que levarán os cartos fóra da cidade, unha urbe na que as familias emprendedoras e traballadoras que as alugaban ata agora quedan nunha situación económica comprometida, pero todo iso é secundario se podemos contentar aos donos do capital.

    Señor alcalde, unha vez máis, insolvencia, mala fe ou ambas?

    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    TEMAS
    Tema marcado como favorito
    Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.