Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Apostan por coordinar coas ANPAs o prego dos comedores escolares

O BNG di que ten que ser unha prioridade política máxima para o vindeiro curso

Santiago. O BNG traslada unha moción ao Pleno para que o Goberno local estabeleza unha planificación, en diálogo coas ANPA, para incluír no prego de contrato un novo de modelo de comedores escolares con condicións que aposten pola alimentación saudábel, os produtos de proximidade, a garantía do acceso universal, a experiencia piloto da cociña no propio centro, a fragmentación por lotes especializados e o pagamento por anticipado.

“En xaneiro de 2022 expira a prórroga máxima do contrato dos comedores escolares, un contrato que concluíu en xaneiro de 2021, de aí que estabelecer unha planificación e redactar o novo prego de licitación deste concurso de acordo coas peticións da comunidade educativa ten que ser unha prioridade política máxima para mellorar a súa calidade”, explicou Goretti Sanmartín.

“Débese facer canto antes, tanto polos prazos como pola definición do propio modelo, co obxectivo de corrixir as numerosas deficiencias arrastradas desde anos atrás, e queda pendente tamén reclamarlle á Xunta que asuma a competencia da xestión directa dos comedores escolares”, advertiu.

Dende o BNG din que nos últimos catro anos seguiuse un modelo con moitos problemas e cheo de queixas por parte das familias, en que non se atenderon as relativas á comida de baixa calidade e cantidade, falta de especialización das funcións a realizar e carencias na comunicación coa empresa prestadora do servizo. REDAC.

27 jul 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito