Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
ENTREVISTA
Sarah Fiol Profesora no Máster en Enxeñaría Ambiental da USC

“As alianzas multiplican a vocación Stem”

No Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia, Sarah destaca o futuro que teñen para a empregabilidade este tipo de carreiras, as cales, asegura, tamén xogarán un papel moi importante para acadar a igualdade profesional neste ámbito. Ademais, comenta que para os estudantes do Máster, saber que hai unha empresa como Viaqua interesada e que aposta pola súa formación, supón todo un aliciente para estudalo.

Como decidiu estudar unha carreira STEM? Tivo algunha muller referente neste ámbito na súa infancia?

Desde pequena, sempre pareceume que tiña máis facilidades para as materias de ciencias da natureza que para as das ciencias sociais. Sempre me gustaron moito as matemáticas, lembro a profesora que tiven no colexio Calasanz da Coruña, Maruxa. Todo parecía fácil con ela. Tamén foi a miña profesora de química e de física nos últimos anos do Bacharelato. Aínda hoxe, cando falamos dos profesores que marcaron a nosa carreira, acórdome dela. Probablemente, a ela débolle a miña vocación cara á química e ao ensino.

Actualmente é profesora do Máster Universitario en Enxeñería Ambiental da USC. Cal é a porcentaxe de mulleres que o cursan? Nota algún cambio na participación das mulleres nestes estudos nos últimos anos?

Todos os anos se presenta ao profesorado do Máster un informe do curso, no que se analizan os perfís das novas promocións, e a distribución por xénero é un dos aspectos no que nos fixamos. Neste máster sempre tivemos unha taxa alta de mulleres matriculadas, diría que a porcentaxe nestes últimos anos roldou o 50 %. Pode que algún ano concreto fose máis baixa, pero tamén houbo outros nos que superou o 60 %, así que penso que non podemos falar dun cambio de tendencia neste aspecto, polo menos nos anos que levo na titulación.

Como docente, que papel cree que xoga a educación á hora de elixir unha carreira STEM?

A educación, en xeral, é crucial para que cada un atope a súa vocación, e a educación en STEM, en particular, está baseada no fomento da curiosidade e a creatividade dos nenos e nenas, en preparalos na resolución de problemas e no traballo en equipo. Todas elas son competencias que lles preparan para a vida adulta, independentemente de que despois decidan ou non seguir unha carreira STEM. Penso que falta maior compromiso do sistema educativo para mellorar as ensinanzas en STEM e para motivar e formar ao profesorado que é, en definitiva, o que vai ter que motivar, formar e orientar aos mozos e mozas.

Que importancia teñen estas carreiras na empregabilidade?

Na actualidade, milleiros de postos de traballo no sector da tecnoloxía quedan baleiros pola falta de persoal cualificado e as previsións indican que no futuro a maior demanda de profesionais vai estar neste sector. Esta situación é a que está levando a empresas e institucións a promover iniciativas para o desenvolvemento das ensinanzas STEM nas diferentes etapas da educación. Segundo datos do Ministerio de Educación, a porcentaxe de matriculados en carreiras científicas e tecnolóxicas baixou nos últimos anos e precisamente o que buscan estas iniciativas é promover futuras vocacións, informar sobre o tipo de carreiras que hoxe en día integran o espectro STEM e cales son as perspectivas de empregabilidade que ofrecen.

Cal é o grado de matriculación das mulleres nestes estudos?

Se nos centramos na presenza da muller nas carreiras STEM, os datos indican que se ben a porcentaxe de mulleres nas científicas supera o 50 %, nas técnicas (enxeñarías e arquitectura) segue sendo baixa, un 25 %. Non parece malo o dato no caso das científicas, pero segundo a Unesco, só un 28 % dos investigadores no mundo son mulleres. Estas mesmas estatísticas sinalan que as mulleres seguen a escoller, na súa maioría, carreiras cunha maior orientación social e persisten aínda os estereotipos e as expectativas sociais como condicionantes no desempeño laboral.

Para cambiar esta tendencia, é importante incidir na educación desde as primeiras etapas. As nenas teñen que ter claro, desde pequenas, que non hai barreiras reais que lles impidan chegar ata onde elas queiran, o límite póñeno elas partindo da base de que están capacitadas para calquera profesión e para chegar aos mais altos postos directivos. De aí a importancia de visibilizar o papel das mulleres e o seu impacto no ámbito da Ciencia e a Tecnoloxía, da mesma forma que en todos os demais.

Este ano terá lugar a IX Edición do Premio ao mellor Traballo Fin de Máster, patrocinado por Viaqua. Que papel ten a empresa no postgrado?

Comentaba antes o recoñecemento que ten o Máster en Enxeñaría Ambiental na clasificación que establece o diario El Mundo todos os anos. Unha das vantaxes que se sinalan no informe desta clasificación é o programa de prácticas obrigatorias nas máis de oitenta empresas coas que temos convenio, xunto coa alta empregabilidade ao rematar. Algún ano, mesmo se comentou, especificamente, que o patrocinio de Viaqua e o seu programa de bolsas e premios ao mellor TFM, son aspectos moi ben valorados e que axudan a colocar esta titulación no posto de cabeza.

Para os estudantes, é un aliciente saber que haxa unha empresa interesada e que aposta pola súa formación. Ademais do premio ao mellor TFM de cada promoción, Viaqua contribúe mediante a aportación de equipamento ou o financiamento de actividades docentes, así como acollendo todos os anos estudantes para levar a cabo as prácticas externas nas súas instalacións. Isto permítelles adquirir unha visión integral do conxunto de actividades que conforman a xestión da auga e aplicar os coñecementos e competencias que adquiren no Máster. Tamén temos estudantes que fixeron o seu TFM en Viaqua: a parte técnica desenvólvena na empresa e dende aquí facemos o seguimento dos estudantes e comprobamos que se acadan os obxectivos. Esta interacción supón unha grande vantaxe para os nosos estudantes, xa que adquiren unha formación e unha experiencia máis aló da puramente académica.

Cree que a colaboración público-privada pode axudar a mellorar a presenza de futuras mulleres STEM no ámbito profesional?

Penso que esta colaboración pode axudar a promover as ensinanzas STEM, xa que a metodoloxía empregada e os obxectivos que se perseguen serven para facilitar a integración dos estudantes, en xeral, sexan homes ou mulleres, nas empresas de base científica e tecnolóxica. Se o sistema educativo é capaz de promover as vocacións STEM e ademais educar en igualdade, está claro que as xeracións futuras estarán máis preparadas para cubrir a demanda tecnolóxica das empresas e as mulleres estarán en igualdade de condicións e, polo tanto, deberían ter as mesmas oportunidades á hora de incorporarse a estes postos. É importante que as empresas compartan esta visión e a fomenten entre os seus cadros de persoal.

Por exemplo, en Viaqua teñen unha iniciativa que pretende atraer ás nenas de primaria na formación STEM, o programa educativo Aquae STEM, que desenvolve xunto a Fundación Aquae. Iso demostra o compromiso que a empresa ten co fomento das vocacións STEM e coa visibilización das mulleres nese ámbito. Tamén hai outras entidades, tanto privadas como institucións públicas, que xa inclúen nas súas páxinas web plans de igualdade. Nunha entrevista á científica española Margarita Salas, unha referente na ciencia en España e que foi entre outras moitas cousas a primeira muller en formar parte da Academia Nacional de Ciencias de EEUU, dicía que as mulleres levamos moito camiño percorrido abríndonos paso na ciencia, pero que aínda queda moito máis por conquistar. Penso que tiña moita razón e a formación que reciben os nosos estudantes, tanto dende a propia universidade como dende as empresas colaboradoras, ten que ir orientada a ir conquistando esa presenza da muller na ciencia, na tecnoloxía e, cada vez mais, en postos de alta dirección.

Máster Enxeñaría Ambiental

Estudos. Sempre moi ligado con Viaqua, xa que como empresa relacionada con aspectos que se traballan na titulación, como a calidade e a xestión da auga, sempre se mostrou disposta a participar activamente na formación, tanto acollendo ao estudantado para desenvolver as prácticas externas ou o TFM como co seu patrocinio, ofertando ano tras ano bolsas para estudantes de primeiro e facendo posible a realización de visitas e saídas de campo.

Valoración. Está moi ben valorado nas enquisas que fai todos os anos o diario El Mundo, ocupando durante cinco anos consecutivos o primeiro posto entre as titulacións da categoría de Xestión Ambiental.

Recoñecementos. A clasificación do diario El Mundo ou a recente mención, por parte da Xunta de Galicia, como mestrado de excelencia, avalan a calidade do máster e son “alicientes que motivan a matricularse nel non só a estudantes da comunidade, senón tamén do resto de España, de Sudamérica ou da Unión Europea”.

11 feb 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito