Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h
ENTREVISTA
LUIS ZAHERA // Actor candidato na ceremonia de hoxe dos premios Goya por ‘As Bestas’

“ ‘As Bestas’ ten luz propia e iso ocorre moi poucas veces”

“Pasei moitos veráns de meniño na Peruca, aldea de Rois... e aqueles bares dos 70 con animais disecados e aquelas xentes xeraron uns recordos dos cales tirei neste filme”.

A canción de La MODA Héroes do sábado fala de xente, grande e pequena, que tentan subir paredes... e neste sábado da entrega dos premios Goya en Sevilla, a familia do cine son os héroes e heroínas do sábado, “Os que poden parar o mundo só con ollar”. Entre eles, galegos como Luis Zahera, que xa ten un Goya (por O Reino, en 2019), filme de Rodrigo Sorogoyen, director tamén de As Bestas, onde Luis acada outra nominación como Mellor Actor de Reparto, competindo (é un dicir) co tamén picheleiro Diego Anido polo mesmo filme.

José Luis Castro Zahera (Santiago, 23 de mayo, 1966) é Luis Zahera tamén é todos e cada un dos personaxes que fai. Hai quen interpreta coa cabeza, de xeito académico, e hai quen o fai desde as entrañas e o corazón, como Luis, que fuxía de escoitar consellos e hoxe fuxe de dalos pero lembra o que lle dicía a súa nai: “Meu fillo, só aprenderas dos erros que cometas”.

Fala Luis Zahera, un actor con quen acerta calquera que quera atopar personaxes de carne e oso.

Onde pensa que pode estar a chave para explicar o éxito de ‘As Bestas’, un filme capaz de gustar a públicos ben distintos?

É unha película poliédrica, unha cousa atomizada que pasa nunha aldeaiña con catro, cinco o sete personaxes nunha historia que se converte en algo universal porque a min hai xente que me comenta mil cousas distintas: uns din que é unha película de terror, outros que unha loita entre a modernidade e a tradición ou un contraste entre o moderno e o primitivo, logo hai xente que fala das eólicas, outros de que a historia do matrimonio francés protagonista é a máis romántica que viron... Debe de abarcar moitísimas sensibilidades. É unha película que ten luz propia e iso ocorre poucas veces pero... é marabilloso cando ocorre.

Cando tivo a primeira idea deste proxecto? Xa ten traballado con Rodrigo Sorogoyen, o director, en andainas previas, caso das longametraxes ‘Que Deus nos perdoe’ (2016) ou ‘O reino’ (2018)...

A primeira vez que escoitei falar desta idea foi o primeiro día que falei con Sorogoyen, hai oito anos, cando fixemos o casting de Que deus nos perdoe. Xa tiña esta idea e, de feito, antes do casting, comentoume si sabía deste crime que a el chamoulle a atención porque ela quedara alí despois do crime... Esta é é a miña terceira colaboración con Sorogoyen, un director interesantísimo, un tipo co cal hai que subirse o carro porque, miña nai querida... é marabilloso traballar con él. É autor, director e transmite moi ben ós actores. Traballas moi a gusto. Ten un cráneo privilexiado, como diría Valle-Inclán e, como antes eras chico ou chica Almodóvar, eu considérome un pouco chico Sorogoyen. E estou feliz como unha perdiz, que diría o outro.

Sorogoyen, ten fama de traballar en conversas longas...

Hai actores que necesitan falar hora e media do personaxe eu prefiro ir o concreto. E Sorogoyen dalle o actor todo o que necesita. Se lle pides que fale dúas horas faino, pero se lle dis que o faga en dúas frases, tamén o fai, e iso é ouro puro porque estás moi arroupado.

Diego Anido tiña no inicio un papel pequeno pero as cousas cambiaron ata facer do seu irmán no filme, ou sexa, dous papeis principais.

Diego tivo unha situación moi difícil, moi, moi difícil porque un día antes de empezar a película o actor que ía interpretar o papel do meu irmán saíu da película e Diego chegou practicamente o primeiro día da rodaxe, entón aí se ve onde están os grandes actores. Chega sen ensaios previos, con dous fillos e poucos días despois de que morrera a súa nai, e recibe a chamada de Sorogoyen, quen di: “Diego, teño un problema, necesito que fagas un papel que non probaches”. E aí vese o pedigrí de Diego, que solucionou cando o tiña ben complicado.

Teño entendido que para artellar o seu personaxe en ‘As Bestas’ bebeu allgo das súas lembranzas infantis na Peruca, un lugar da parroquia de Oín, no concello de Rois.

Eu pasei moitos veráns, de moi meniño, desde os 6 ata os 12 anos, nunha aldea que se chamaba A Peruca diante daquelas cousas daquela Galicia e daquela España dos anos 70, aqueles bares con animais disecados e aquela xente a gritos e algúns personaxes daquela, de cando mirei para eles, xeraron uns recordos dos cales si tirei neste filme.

Na gala dos Goya do ano 2019 acadou o premio polo ‘Reino’, mudou moito o conto desde entón?

2022 foi un ano moi interesante para o cine español. Na miña vida fixen tantas entrevistas como agora. Sorogoyen está consolidado a película suma 17 nominacións... Miña nai querida, vai todo moi ben. Eu noto a diferencia porque é un momento doce para min, porque o mesmo que os surfeiros esperan a coller a onda boa, nos collemos a onda das plataformas de streaming e estamos todos surfeando, bueno, penso que todos non porque as veces penso que sempre traballamos os mesmos... E esto non é unha época de cambios, esto é un cambio de época. Hai moito peixe, como din os mariñeiros. Hai moito contido, contido xornalístico, cinematográfico, televisivo. É un momento incrible para determinados actores e eu síntome un privilexiado a día de hoxe, e con toda humildade, estou aquí pero sei ben que o que sube, baixa, e vai chegar a baixada pero esto é todo o que eu quería na miña vida, traballar moito, e conseguino.

LA OPINIÓN CERCANA
De la Torre: “Luis non pode estar quieto”
Cineasta Dani de la Torre

“Para min Luis (Zahera) é como un irmán. Coñecinlle rodando ‘Mar libre’, miniserie para TVG que fixemos hai anos (2010) e é un tipo marabilloso. O que pode definir mellor a Luis é dicir que é un currante, é moi traballador. Non pode estar quieto: fai monólogos, fai un personaxe top para Sorogoyen, traballa comigo nunha serie como ‘A Unidade’, fai tamén a serie ‘Vivir sen permiso’ ... E logo é unha persoa xenerosa. Ten moito nervio e é un actor indomable. Colle o personaxe e o eleva ata sitios que é moi difícil ter debuxados no guión ou na dirección. Gusta construir un personaxe para Luis porque o leva ata recunchos inexplorados e dótao dunha potencia e dunha verdade brutal. É carismático, moi versátil e humilde, dao todo. Alégrome moito do seu actual momento doce”.

11 feb 2023 / 06:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.