Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Baldur Brönnimann lidera unha nova etapa na Real Filharmonía de Galicia

O suizo sucederá a Paul Daniel a partir de xaneiro coma novo director da orquestra

Santiago. A Real Filharmonía de Galicia e Baldur Brönnimann xuntan os seus camiños para desenvolver a nova etapa na que o músico suízo será o encargado da súa dirección artística, asumindo ademais a dirección da Escola de Altos Estudos Musicais.

Baldur Brönnimann tomará o relevo do mestre Paul Daniel a partir de xaneiro de 2023. O novo director será presentado aos medios o vindeiro martes nun acto no Museo do Pobo Galego.

Brönnimann lidera actualmente a Sinfonietta de Basilea, orquestra na que rematará a súa etapa no mes de xuño, e onde dirixe programas que combinan obras contemporáneas co repertorio estándar, nunha procura constante para desafiar as convencións clásicas e explorar novas vías para a interpretación orquestral.

Nas últimas temporadas, Baldur é un director moi demandado e dirixiu, entre outras orquestras, a Filharmónica de Seúl, a Filharmónica de Oslo, a Sinfónica da WDR, a Sinfónica de Barcelona, a Filharmónica de Bergen, a Sinfónica da Radio de Viena ou as orquestras de Cámara de Aurora e Múnic.

UN NOVO PROXECTO. Os obxectivos da orquestra a partir de xaneiro xirarán arredor de varios eixos fundamentais: a implicación social, a excelencia artística e a renovación do repertorio, así como o compromiso formativo. Con Brönnimann chega á Real Filharmonía de Galicia unha dirección artística cun enfoque social comprometido e cunha sensibilidade determinante en temas como a formación ou a creación contemporánea.

Baldur é unha persoa profundamente comprometida coa relevancia da música clásica no século XXI, e por iso é moi activo como comisario de novas obras, de diferentes festivais e ciclos así como coa divulgación e formación de novos músicos e público.

FUTURO ILUSIONANTE. O Consorcio de Santiago e a Real Filharmonía de Galicia expresan a súa ilusión con este nomeamento, co que a institución afrontará novos retos da man do novo director, quen abarca un profundo entendemento da música clásica e o seu papel na sociedade. V. ÁLVAREZ

24 nov 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito