Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h
ENTREVISTA
Carlos Delgado // Presidente de la Asociación Cultural Rocha Forte y autor de ‘25 anos de historia’

“Carreiras de fondo, non de cen metros”

Hoxe preséntase no Castelo da Rocha Forte, ás 11.00 horas, o libro 25 anos de historia, un compendio que abarca un cuarto de século de traxecto: non só o das actuacións realizadas no entorno da fortaleza, senón tamén o da Asociación Cultural do barrio que naceu a carón deste proxecto. Carlos Delgado, presidente do colectivo e autor do libro, relata como se viviron estas dúas décadas, profundamente transformadoras.

Comecemos polas orixes. Gustaríame preguntarche sobre aquela visita de Xerardo Estévez ao barrio e esa conversa sobre unha primeira intervención no castelo.

Xerardo veu facer unha visita ao barrio -era unha persona coa que nos relacionabamos bastante ben- e faleille do tema de rehabilitar o castelo. Díxome que xa tiña escoitado algo e que lle parecía moi ben, co cal empezouse a desbrozar. Isto sería un venres, e o martes detívose. Ao preguntarlle polo motivo, explicou que alguén lle dixera que como empezaban a desbrozar nun terreo que non sabían se era do Concello, e tiñan toda a razón do mundo. Na asociación comezamos a mirar e a contrastar cousas e, sobre todo, consultamos con Ermelindo Portela. Dixo que tampouco sabía de quen era porque podíase ter vendido durante a amortización de Mendizábal pero, historicamente, era da Igrexa.

E, neste senso, foi moi importante a colaboración do Arcebispado na cesión do terreo en caso de posuír a titularidade. Chegou a resolverse esa cuestión?

Teño entendido que aquí expropiáronse terreos arredor do castelo. Hoxe hai outra imaxe, a protección dos terreos, que está no aire porque, a diferencia dunha expropiación, que é pagada, con isto non se sabe en que vai quedar... Agora o castelo tamén está determinado como expropiación co que, se un día aparece un dono, pagaráselle ese proceso. Pero nestes anos nunca apareceu.

O asentimento do Arcebispado foi o primeiro triunfo dos que estarían por vir nos seguintes anos, e outro moi importante sería o convenio entre USC e Concello para dar comezo ás escavacións.

A partires de aí, pouco a pouco foron facéndose cousas. Interviu moito Olga Pedreira, que fora concelleira do Bloque, e fixo unha grande labor. As grandes labores están na planificación, pero tamén en que haxa cartos para se poder acadar o propósito, e con ela empezaron vir unhas subvencións de Europa que aínda neste momento hai algúns fondos que se están a xestionar con elas. De feito, o parque de coches que se fixo aquí foi dentro desta axuda. Tamén no parque fíxose un sendeiro no antigo camiño de entrada á zona que che leva ao astelo e que, penso, foi un bo adelanto para o barrio.

O primeiro achado veu en 2002 con aquela ducia de proxectís de pedra e, o último, en 2020, cando apareceu por fin a ‘terceira muralla’. Pódense ver os descubrimentos froito estes anos nunha visita ao Castelo?

Si, por suposto, mesmo se agora mesmo non hai visitas guiadas. Que esperamos que nun futuro retornen... pero as que se fan agora non son guiadas, son programadas. Chamando ao arqueólogo municipal ou ao Concello, ti podes programar unha visita, vas e ábrenche; ou chamas a asociación, que tamén está autorizada a ensinar o castelo... son colaboracións que se fan. O ideal sería facer visitas guiadas, aínda que fora só nas fins de semana. Pero xa digo, todo é posible aínda.

O ano 2005 foi de especial significancia para a asociación: complétase a edificación do seu Centro Sociocultural ao rehabilitarse a parcela da Casa de Baltar.

Así é, e sempre temos que agradecer ao desaparecido Dositeo Rodriguez, que foi un home que se volcou no proxecto e grazas a el saiu adiante. Mesmo déranos unha carta blanca para negociar; díxonos: “Tedes aquí ata esta cantidade. Negociade uns terreos, negociade unha casa”... Pero coñécese que non eramos os mellores negociantes os da asociación, porque tivo que intervir el para negociar ese terreo.

E que acollida recibiu a esperada nova entre os socios?

Para todos foi un adelanto. Non cabe dúbida de que xa traballabamos pero non é o mesmo, tendo unha oficina, chegar alí e reunirnos. É todo moi distinto, e nós temos que agradecer moitas colaboracións, coma a de Pepe Balboa, do desaparecido restaurante Balboa, e mesmo aos veciños que algunha vez cederon a súa casa para as xuntanzas. Todo iso acabouse, para ben da asociación. Trabállase doutra maneira, tendo a man todos os nosos arquivos e a documentación que nos interesa en cada momento.

De volta ao castelo. Outro aspecto moi importante do proxecto é a súa vinculación co itinerario da Ruta Portuguesa. Como foi esa reunión con Amigos do Camiño Portugués?

Moi frutífera porque, ademais, antigamente o camiño da Rocha desviaba a ruta polo medio do monte, cousa que foi non a mala vontade, senón unha mala interpretación dun señor que ignoraba por onde pasaba o castelo. Pero o voluntariado foi preguntar á Rocha, o señor díxolle “pois mira, o camiño vai por alí” e non era o Camiño Portugués, senón o que recorrían as antigas dilixencias que viñan desde Pontevedra ata Santiago. Entón, consultando tamén de novo con Ermelindo Portela, que para nós foi sempre un home moi valioso, fíxose o correspondente estudo e, loxicamente, o camiño viña ata o castelo. Igual que os camiños de Pontevedra e o de Noia, todos os desa área ían ao castelo pero, cos anos, cambiáronse coa construción doutros sendeiros e das carreteiras. Todo isto recuperouse cos Amigos do Camiño Portugués, e consultouse connosco. Non é con ánimo de presumir pero, se unha cousa temos, é que nos gusta moito o diálogo: falar as cousas e saber o seu porqué antes de tirar para adiante, porque así é como despois aparecen os malos resultados.

E quizais fose ese mesmo diálogo a ferramenta que vos permitiu chegar a onde estades hoxe.

Sen lugar a dúbidas. Politicamente cada un pode ter as súas tendencias, pero sempre nos levamos ben con todo o mundo. Houbo, como en todo, pequenos atranquiños no camiño, pero todo foise solucionando.

Os últimos proxectos emprendidos foron ese aparcadoiro e o sendeiro peatonal que antes mencionabas, que foron postos en marcha o último ano.

Si, co sendeiro dedicado os cativos evitan andar por unha carreteira, e non é o mesmo que o risco de poder tropezar cun coche. Pero nón só para os nenos, tamén é beneficioso para o resto de veciños. Por exemplo, o día 4 do mes que ven hai aquí unha Festa da Camelia que se fai tódolos anos, excepto estes dous últimos, que nos prohibiron facela. Pois antes chegaba a xente aquí e non tiña onde aparcar, pero hoxe si hai. Un dos últimos acontecementos foi a presentación dun libro sobre o castelo, o ano pasado, pois viñeron 220 persoas, e todo o mundo se queixaba de ter que ir aparcar ‘ao quinto pino’. Pois agora xa hai aí 30 aparcamentos, tamén está o futuro duns chalés que van montar aquí, que son 18 aparcamentos para uso público... imos adelantando. Sabemos que carreiras de cen metros non as facemos, pero si carreiras de fondo.

Pero a Asociación Cultural Rocha Forte é máis que a famosa fortaleza. Na súa traxectoria están as súas semanas culturais, exposicións e viaxes... Vintecinco anos despois dos inicios, e tendo incrementado os seus membros en máis do duplo, en que fixa as súas miras a asociación no futuro?

Eu creo que ambicións, as xustas. Seguir co que estamos a facer; eu penso que iso é o que se pide, o que polo menos desexaría eu. Nunha entrevista na radio preguntáronme que que é o que máis poño en valor de todo isto, e eu penso que poño en valor a directiva, e as directivas, que pasaron pola asociación, porque sen elas non tivera sido nada. Tamén hai que agradecer aos conferenciantes, que ningún deles nos quixo cobrar nunca nada, e os houbo de prestixio. Penso que ese espírito é o que temos que valorar.

14 ene 2023 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.