Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Catro anos de movemento

A PLATAFORMA de Pensionistas de Compostela é parte do “Movemento de Pensionistas” desde febreiro de 2018. Catro anos de activismo, participando das mobilizacións unitarias e concentrándonos cada primeiro luns de mes na Praza do Obradoiro, agás os que a pandemia obrigou a suspender. Catro anos reivindicando un Sistema Público de Pensións xusto e solidario que non estea permanentemente ameazado, mais uns Servizos Públicos que cubran de maneira universal as necesidades de todas as persoas maiores. Un longo camiño no que o movemento tivo atrancos e inimigos. Cuestións que toda loita social ten que aprender a identificar e superar. Malia a todo, fomos capaces de conseguir algúns avances e, sobre todo, evitar retrocesos.

A reforma acordada no Pacto de Toledo foi resultado da presión do propio Movemento de Pensionistas contraposto a presión dos mercados implícita nas condicións de Europa para soltar os fondos. Aínda que asinou a representación social máis sistémica escoitada no Pato de Toledo: os sindicatos CCOO e UGT, realmente se houbo algún avance debeuse a latente ameaza da mobilización das persoas pensionistas organizadas nas plataformas. Por suposto, hai que ter en conta o contexto político que permitiu matizar o neoliberalismo salvaxe: a estratexia europea para afrontar esta crise con políticas algo máis sociais e coincidir no Estado un goberno progresista.

Pequenos avances:

Os novos Orzamentos do Estado, conteñen compromisos que en materia de pensións asumira o Goberno e expresan as recentes Medidas aprobadas no Primeiro Bloque da Reforma das Pensións, recollidas na lei 2022 de Garantía do poder adquisitivo das pensións e outras medidas para a sustentabilidade do sistema, que entrou en vigor o pasado día 1/01/2022:

–As pensións revalorizaranse no futuro anualmente conforme o IPC MEDIA, que será o 2,5/% para as contributivas e o 3/% para as non contributivas, neste ano 2022. Isto non supón a recuperación total do poder adquisitivo mais non é o 0,25%. Estaremos atentos á evolución.

–O PSOE, UP, ERC, BILDU presentaron unha EMENDA instando ao Goberno a revisar no ano 2022 o actual sistema de determinación das pensións mínimas para chegar a igualar o SMI, abrindo así a posibilidade a nosa reivindicación. Reduciríanse as intolerables fendas de xénero e dignificaría o importe destas pensións, hoxe maioritarias no sistema.

–A creación dunha Axencia Estatal da S. Social, esperamos que non quede nun mero cambio de nome.

–A equiparación das pensións de xubilación das parellas de feito coas de matrimonio. Fica péndente que o importe desta pensión sexa do 100% da base reguladora.

–A obrigatoriedade de cotizar polos bolseiros en prácticas, non contemplada na actual lexislación laboral do Estado.

–A aprobación con carácter indefinido da cláusula de salvagarda dos convenios, contida na reforma das pensións de 2021 para protexer aos xubilados anteriores a 2013.

–Un plus para os xubilados con longas carreiras de cotización e con pensións inferiores a 900 euros.

–A introdución do Mecanismo de Equidade Interxeracional, que ven substituír o antigo Factor de Sustentabilidade contido na Reforma do 2013, que queda así derrogado. O novo mecanismo representa un incremento gradual e por un tempo limitado. Supón un avance ao incidir nos Ingresos e non na tan manida rebaixa das pensións futuras.

Para seguir reivindicando:

–Subir as Pensións Mínimas, Igualándoas cando menos ao Salario Mínimo. Haberá que pelexalo mais é algo que debe caer polo seu propio peso. Para as pensións as subas do SMI, hoxe en 965 Euros, ten dobre significado: incrementa os ingresos da caixa xeral e supón unha panca importante para a nosa reivindicación.

–A supresión dos coeficientes redutores nas xubilacións anticipadas con 45 ou máis anos de cotización.

–A blindaxe das pensións na constitución como dereito fundamental.

–Evitar todas as medidas de recorte e privatización das futuras pensións, sempre presentadas co perverso e falso discurso da sustentabilidade do Sistema.

–A posta en marcha de medidas capaces de reducir e rematar coa fenda de xénero.

–Aplicar criterios de xusta distribución e reparto do traballo. A nova idade de xubilación prevista en 70 anos é un contrasentido nunha sociedade na que o paro é un problema fundamental, especialmente na mocidade.

–Novo período de cómputo para o cálculo das pensións previsto de 25 a 35 anos, ademais de ser un factor de redución, pode ser inxusto e incidir negativamente na equidade.

–Axustar, con criterios de xustiza e equidade, o sistema de cotización de autónomos.

–Destope das bases de cotización. Cada quen debe cotizar en función do que gana.

–Aplicar un IPC nas subas das pensións que manteña realmente o poder adquisitivo.

Temos memoria mais non podemos caer na trampa da nostalxia, a nosa loita é polo futuro: por unha saciedade máis xusta na que os avances tecnolóxicos contribúan a mellorar a vida da humanidade; repartindo a riqueza, o traballo e o ocio. A nosa loita é pola liberdade de ter acceso ao benestar social, á educación, á sanidade, a unha pensión e uns servizos que garantan o benestar das persoas maiores, principalmente para a mocidade de hoxe e de mañá.

Temos que desenmascarar falsidades como:

Contrapoñer a mellora das pensións de hoxe coas pensións do futuro, de formular a sustentabilidade do Sistema Público de Pensións recortando gasto en vez de incrementar os ingresos cun sistema impositivo xusto e redistributivo.

Os discursos que venden o pleno emprego ao mesmo tempo que os avances tecnolóxicos e propoñen alongar a vida laboral, do crecemento infinito como solución mentres se venden plans para frear o cambio climático. Dámoslle a benvida a todos os avances tecnolóxicos e científicos, mais se estes están no ámbito privado e non no público, nas mans dos poderosos, serán armas para escravizar. A única solución é a do reparto; o reforzamento do público fronte ao privado, do común fronte ao individual.

O noso é un compromiso de VOCES GRAVES. Acostumamos a pensar que todo se resolve cun grande golpe efectista, mais os cambios veñen pola permanencia de voces graves e constantes como a nosa. Aí estamos e aí seguiremos, co noso calendario de concentracións e coa nosa táboa de reivindicacións.

A nosa gratitude a todas as persoas que nos acompañaron e apoiaron o movemento, asistindo ás concentracións, poñendo o seu tempo e coñecementos ao noso dispor, compartindo a nosa voz nos espazos de difusión, informando e difundindo a nosa mensaxe nos Medios e mostrando comprensión e simpatía pola nosa causa.

Como Celso Emilio, seguimos: tidos, metidos, prometidos, comprometidos.

Goberne quen goberne as pensións deféndense.

  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito