Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
Co patrocinio da Xunta, contará con autores nacionais referentes da novela histórica // As actividades serán con entrada libre e gratuíta ata completar aforo, enmarcándose estas dentro da programación do setenta aniversario do Museo das Peregrinacións e de Santiago TEXTO Francisco Cernadas

Catro estrelas literarias ao servizo da historia dun Camiño prodixioso

O Museo das Peregrinacións e de Santiago acollerá a vindeira semana o ciclo Santiago, historias dun Camiño prodixioso, unha serie de conferencias dedicadas á Ruta Xacobea dende a historia e a novela deste subxénero narrativo, que contará coa participación de escritores referentes deste ámbito e autores de best sellers relacionados coa temática xubilar, baixo a dirección de Isabel San Sebastián.

Organizada pola asociación de Escritores con la Historia e patrocinada pola Xunta de Galicia, a iniciativa arrancará o vindeiro luns 27 de setembro ás 19.00 horas, coa charla Alfonso II, o primeiro peregrino, un acto levado a cabo pola recoñecida xornalista e escritora.

Os relatorios continuarán nas xornadas sucesivas, sempre no mesmo horario das sete da tarde. O martes 28 será a quenda de Antonio Pérez Henares (Os cabaleiros de Santiago), seguiralle Juan Eslava Galán (Os meus Camiños de Santiago) o mércores 29, e pechará Emilio Lara (O Camiño e a aventura de Europa) o xoves 30. De marcado carácter divulgativo, todas elas celebraranse no auditorio do Museo, con entrada libre e de balde ata completar aforo.

A entidade organizadora, formada por un grupo de escritores e historiadores españois, traballa por difundir o pasado do país a través deste subxénero novelesco, combinando realidade e ficción con rigorosidade polos feitos acaecidos, a través das ferramentas propias da narrativa. O obxectivo, remarcan, é o de ligar a Historia coa Literatura a través de seminarios, cursos universitarios ou ciclos de conferencias, todas elas de xeito ameno e atractivo para o gran público.

Este ciclo Santiago, historias dun Camiño prodixioso enmárcase dentro das distintas actividades conmemorativas polo setenta aniversario do Museo das Peregrinacións e de Santiago, as cales inclúen unha programación variada e dirixida a todas as idades. O máximo ente autonómico busca así fomentar o papel estratéxico deste lugar na divulgación xacobea, especialmente coincidindo co dobre Ano Santo que se celebra en 2021 e 2022. Para iso, a programación especial desta efeméride inclúe visitas teatralizadas, obradoiros de oficios tradicionais, conferencias, concertos e exposicións neste último trimestre do ano.

conferencias
Un programa de renome

··· Isabel San Sebastián, recoñecida xornalista, ten publicados máis dunha decena de libros, afondando na temática xacobea nos últimos anos con La Peregrina, Premio Internacional Pentafinium Jacobeo; e Las Campanas de Santiago.

··· Antonio Pérez Henares, escritor e xornalista, é recoñecido polas súas obras prehistóricas Nublares, El hijo de la Garza, El último cazador, La mirada del lobo e La canción del Bisonte; e de Historia medieval con La tierra de Alvar Fáñez e El rey pequeño.

··· Juan Eslava Galán é o autor de obras como o Premio Planeta En busca del Unicornio. Na súa carreira suma un cento de libros, principalmente novelas e ensaios históricos. Destacan El comedido hidalgo ou La mula e Señorita.

··· Emilio Lara, doutor en Antropoloxía, publicou catro novelas do xénero: La cofradía de la Armada Invencible, El relojero de la Puerta del Sol, Tiempos de Esperanza e Centinela de los sueños, cos que gañou numerosos premios.

22 sep 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.