Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

“Chafallada” na senda peonil en Laraño con postes no seu trazado

motivos polos que o Concello aprobou o inicio da recepción das obras

Santiago. O portavoz do Grupo Municipal Popular, Alejandro Sánchez-Brunete, vai dirixir unha pregunta ao Goberno local para coñecer os motivos polos que aprobou esta semana o inicio da recepción das obras da senda peonil construída entre Paredes de Laraño e o centro sociocultural da parroquia, pola marxe da estrada entre A Barcia e Bugallido. Sinala que “a senda mantén no centro do seu trazado unha decena de postes de madeira e formigón –e mesmo un groso cable de aceiro, a modo de tensor e sen ningunha sinalización, fixado no medio do pavimento– que dificultan o tránsito peonil e incumpren a actual normativa de accesibilidade”.

Esta circunstancia, di, xa fora advertida no mes de maio pasado durante a execución dos traballos e motivou a presentación dunha proposición dos populares aprobada polo Pleno municipal na que se instaba ao Goberno a “corrixir as deficiencias que para a accesibilidade representa a actual senda peonil que se está a construír”, cunha lonxitude duns 500 metros. Ademais dos postes, a colocación dos contedores de lixo contribúen a incrementar os atrancos para a mobilidade peonil.

Para o portavoz do PP, “o continuo desprezo dos acordos do Pleno levan a situacións coma esta, onde o Goberno non atende ás propostas de maioría, aínda que sexan unha evidencia e un clamor para o conxunto da veciñanza”.

Por este motivo, Alejandro Sánchez-Brunete quere coñecer que razóns motivan “ese desprezo do acordado e cando pensa o Goberno solucionar esa chafallada e cumprir co disposto na normativa de accesibilidade”.

As obras de “senda peonil e reforzo da calzada en Paredes de Laraño”, iniciadas en febreiro de 2021, foron incluídas no Plan de Obras e Servizos (POS+2019) da Deputación da Coruña, cun orzamento de 126.420 euros e un prazo de execución de catro meses. ECG

11 feb 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito