Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
ENTREVISTA
Carlos Lema Devesa, catedrático e avogado

“Compaxinar o exercicio profesional coa universidade foi moi enriquecedor”

Natural de Santiago, Carlos Lema formouse en dereito na súa querida USC para acabar sendo catedrático na Complutense de Madrid, na especialidade de Dereito Mercantil. Ademais, rexenta un estudo centrado, principalmente, na propiedade industrial e intelectual e, a competencia desleal e a publicidade.

Onde lle xurdiu o interese polo dereito?

Veu por un feito traumático, que suspendín por primeira vez na miña vida matemáticas e a partir de aí fixen letras. Cando rematei, a opción era facer dereito ou historia do arte e inclineime polo dereito porque cría que tiña máis saídas profesionais.

Na Universidade de Santiago tamén fixo o doutoramento?

Así é. Fíxeno co profesor Fernández Nóvoa nun tema de dereito da competencia desleal, concretamente, a publicidade de ton excluínte, unha figura que non se estudara en España, pero si en Alemaña. Modestia aparte, con ela acuñei a tradución do termo Alleinstellungswerbung que agora figura nos dicionarios xurídicos. Esa tese foi a gañadora dun premio nacional e xusto ao rematar convocáronse oposicións á Complutense de Madrid, ás que me presentei e, con sorte e traballo, gañei, polo que en outubro do 81 comecei a docencia.

Como foi ese cambio de cidade?

O primeiro ano ía e vila e ao seguinte xa me despracei con toda a familia e alí continuamos. En Santiago aínda empezaba a Xunta daquela, era moi pequeno, polo que foi un choque importante. Adapteime á vida de Madrid e á súa universidade, porque a grandura non significa que sexa mellor ca de Santiago e, de feito, a USC segue sendo das mellores. Por outra banda, tamén me serviu para desfacer mitos, porque aquí un director xeral parecía unha institución e un ministro alguén inalcanzable e alí eran compañeiros e máis novos ca min no escalafón.

Arranca na Complutense na que vai a facer corenta anos, moitos estudantes pasaron por vostede?

Pasaron moitos e sobre todo nun sector no que me dediquei moito como é o da publicidade. Pasaron alumnos que chegaron a ser magníficos notarios, maxistrados, rexistradores da propiedade...persoas que hoxe está ocupando cargos de importancia. Moitos deles seguiron a miña orientación de facer as teses de doutoramento en temas de dereito da propiedade industrial, patentes, marcas ou competencia desleal, que eran a miña especialidade en Santiago.

Como evolucionou o ordenamento xurídico en España dende que comezou neste mundo?

Moitísimo. Non podemos facer agora unha tese de doutoramento sobre un tema de actualidade no mundo das marcas co que pasaba hai corenta e cinco anos. Isto pasa porque, primeiro, España entra no 86 na Unión Europea; e segundo, porque houbo un desenrolo non só económico, senón tamén científico no meu sector do dereito, polo que hoxe se pode facer unha tese mesmo con só artigos, monografías, libros e xurisprudencia española. En todo caso, convén coñecer o dereito comparado, o que están aplicando outros estados da Unión Europea e, sobre todo, o norteamericano, porque Estados Unidos no mundo das marcas ou a publicidade son os primeiros.

Ademais, compaxina a labor privada como avogado coa Universidade.

Foi unha necesidade, porque cando marcho para Madrid véxome na obriga de traballar máis para coidar da familia. O soldo da universidade era cativo, e ségueo sendo, polo que me decidín polo exercicio profesional na especialidade que adquirira en Santiago. Iso foi un novo descubrimento e moi enriquecedor para formar aos estudantes, porque estás constantemente mergullado na realidade do dereito.

Dos moitos casos que cubriu, hai algún que lle marcase ou que recorde especialmente?

Hai moitos, pero si que podo citar, que asesorei a unha multinacional mexicana en España, Corona, coa que logrei que puidese empregar a súa marca para distinguir cervexas. Hai outro caso que me enche moito e é que fun o primeiro avogado que redactou o regulamento dunha marca de garantía que se inscribiu no rexistro en España, “Galicia Calidade”. E tamén defendín en temas de propiedade industrial e intelectual a miña querida USC.

Precisamente, o tema no que está especializado está agora en boga.

Hoxe, en España, hai tantos conflitos de marcas españolas como da Unión Europea. Como é sabido, en Alacante está a Oficina da Propiedade Intelectual da UE e calquera empresario que exporte a máis de dous países xa lle compensa ter unha marca europea. Os conflitos que xorden dan lugar a que se teñan que tramitar nunha xurisdición especial.

Volvendo ao xeral, como ve a situación actual do sector logo da covid.

A covid afectounos a todos, porque ter pechados os despachos ou con teletraballo é un mazazo moi forte. Ademais, o mes de agosto, era o tradicional de vacacións xudiciais, pero habilitouse do 11 ao 30, e lendo estes días unhas novas xurídicas falábase de que se presentaran máis de 113.000 escritos novos e máis de 400.000 de tramitación, o que significa que tivemos que facer un sacrificio para tratar que a xustiza que, por falta de medios, é moi lenta en España, non sufrise un maior retraso.

O certo é que se saímos desta crise, que agardo que si, a Administración de Xustiza segue necesitando moitas reformas, pero a fundamental é que haxa máis xuíces, maxistrados, letrados da administración de xustiza, persoal na oficina xudicial e máis medios económicos para poñerse ao día, porque o que non pode ser é que sobre un xuíz pesen máis de 1.500 asuntos durante un ano. A reforma principal é a de dotala de medios humanos e materiais.

E a nivel persoal, ata cando se ve exercendo?

Mentres haxa saúde seguiremos traballando. Na universidade penso que teño dereito a dar dous anos máis e sumado aos de Santiago suporían 48 anos de dedicación. E no exercicio profesional, penso que haberá que ir “quitando o pé do acelerador” porque o meu despacho segue sendo unha rara avis porque responde a un modelo de despacho personalizado.

momentos

1 Familia. Natural de Santiago, está casado con Margarita Tomé dende 1976. Con ela ten tres fillas: Margarita, Carla e María.

2 Santiago. Na capital galega vive seu pai e un irmán, polo que segue volvendo cada mes. Ademais, garda moita relación coa USC, na que fixo o doutoramento.

3 Cargos. É o presidente de Iurisgama, a Asociación de Xuristas Galegos en Madrid. Ademais é secretario da Fundación Barrié de la Maza.

4Galicia. Se ten que decantarse por un lugar, cita Fisterra, “unha localidade onde na que pola relación co mar e coa xente pasaría moito tempo, mesmo en inverno”.

5 Paixóns. Encántalle desfrutar da natureza e declárase un gran lector de poesía galega.

06 sep 2020 / 00:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito