Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Compostela configúrase como un polo de innovación biotecnolóxica

O centro de fabricación avanzada Sionlla Biotech, que conta coa colaboración da Xunta, ofrecerá novas oportunidades de emprego e actuará como motor económico // Instalaranse 22 laboratorios modulares

O centro de fabricación avanzada Sionlla Biotech permitirá que a biotecnoloxía, un dos sectores máis innovadores e con máis proxección de futuro, despegue e asente toda a súa capacidade no parque empresarial da Sionlla, convertendo Santiago no epicentro do polo de innovación deste sector industrial en Galicia.

O centro vai permitir a concentración xeográfica do ecosistema biotech galego. A infraestrutura contará con 2.500 m2, onde se instalarán 22 laboratorios modulares e espazos de uso común con equipamento de alta tecnoloxía. Esta iniciativa, impulsada pola Asociación Área Empresarial do Tambre, conta coa colaboración da Xunta, cunha achega de catro millóns de euros, o Concello, a Cámara de Santiago e a Universidade, ademais do Clúster Tecnolóxico Empresarial das Ciencias da Vida (Bioga).

As empresas e institucións poderán dispoñer nun só espazo de instalacións e equipamentos especializados, incrementado a colaboración e sinerxías entre empresas e centros de coñecemento. Neste sentido, “facilitará a cooperación para o desenvolvemento de novos proxectos e modelos de negocio conxuntos, e a interacción con grandes empresas coas que compartirán servizos e instalacións”, destacan desde a Xunta.

Proxecto empresarial. A Mesa do Acordo da Sionlla, creada en xaneiro de 2016 entre a Xunta de Galicia, a través do Instituto Galego da Vivenda e o Solo (IGVS), e o Igape, o Concello de Santiago, a Universidade de Santiago (USC), a Cámara de Comercio e a Asociación de Empresarios do Tambre, decidiu apoiar a posta en marcha dun centro do sector biotech neste polígono, concibido como proxecto empresarial singular que proporcione espazos industriais e servizos ás empresas do Clúster Tecnolóxico Empresarial das Ciencias da Vida.

En total, son sete as parcelas reservadas polo Instituto Galego de Vivenda e Solo, cunha superficie de 63.798 metros cadrados, para a implantación do novo proxecto biotecnolóxico e de innovación dixital, e nos últimos meses xa se recibiron consultas e se mantiveron contactos con varias empresas interesadas en formar parte de Sionlla Biotech, que ofrecerá novas oportunidades de emprego e actuará como motor económico da zona.

Integración no Hub de innovación dixital. O centro integrarase no Hub de innovación dixital liderado por Bioga, unha iniciativa que, xunto coa promovida polo Clúster de Empresas da Automoción de Galicia (Ceaga), será clave para a industria galega ante os retos da transformación dixital, creando un ecosistema de traballo conxunto entre o tecido industrial, o coñecemento e a Administración.

Os dous hubs, que suman as capacidades de máis de 4.200 empresas e entidades que empregan a 120.000 persoas, funcionarán como unha xanela única achegando ás pemes as solucións tecnolóxicas que precisan. Están aliñados coa Iniciativa comunitaria para a dixitalización da industria europea, e integrados na Estratexia de Especialización Intelixente (RIS3) de Galicia, ao tempo que permitirán posicionar a comunidade no mercado a través da diferenciación.

Os hubs “son un exemplo de como, a través da colaboración público-privada, se pode avanzar e dar as respostas que necesita o tecido produtivo, compartindo capacidades e xuntando esforzos”, destacan desde a Administración autonómica.

tecido económico
“Estamos avanzando no proceso para facer laboratorios bio-industriais eficientes e viables”
José Fernández Alborés Presidente da Asociación Área Empresarial do Tambre

Tras a reunión da Mesa Institucional do Acordo da Sionlla o pasado mes de xuño, a Asociación Área Empresarial do Tambre, da man da Xunta de Galicia, traballa para dar os pasos pertinentes e forma ao proxecto do Polo de Innovación en Biotecnoloxía, necesario para facer de Santiago e Galicia un referente no sector e procurar a súa reindustrialización empresarial, coa promoción do asentamento de empresas e a captación de proxectos de investimento nos sectores biotecnolóxico e da madeira no parque da Sionlla. José Fernández Alborés, presidente desta área empresarial, destaca a importancia deste plan para a cidade.

Como está actualmente o proxecto?

Xa constituímos a sociedade Sionlla Biotech, trámite que se publicou o pasado 1 de setembro no Boletín Oficial do Rexistro Mercantil (BORME), necesario para poder seguir avanzando na construción do edificio do Centro de Fabricación Avanzada. Convocamos tamén a primeira reunión do consello asesor do polo, composto por técnicos expertos na parte práctica do proxecto e outros de perfil científico, que se comunicarán para coñecer as necesidades de ambas as dúas partes e avanzar para facer laboratorios bio-industriais eficientes e viables. Así, as empresas poderán comezar a desenvolverse neste centro realizando probas con prototipos e mesmo sacando pequenas producións.

Cales son agora as perspectivas de futuro?

Aínda que un proxecto deste calibre ten un período de execución de máis de dous anos, celebramos xa unha reunión para iniciar o proceso de deseño do proxecto de obra e de execución, imprescindibles para pedir a licencia ao Concello de Santiago e empezar a traballar sobre o terreo. Tamén temos prevista unha campaña de márketing na que convocaremos ás empresas de biotecnoloxía para presentarlles o proxecto e animalas a que se instalen no polo biotecnolóxico.

12 sep 2020 / 00:10
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.