Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Concentrar o voto descontento da esquerda, o gran obxectivo do BNG

Así o sinalou o responsable local, Xesús Domínguez // Goretti Sanmartín percibe na renuncia aos orzamentos de 2023 o esgotamento dos socialistas

A portavoz municipal e candidata á Alcaldía do BNG, Goretti Sanmartín, afirmou onte que “2023 será o ano do BNG en Compostela”. Xesús Domínguez, responsable local do BNG, indicou que a formación aspira a “concentrar todo o voto descontento da esquerda e a xuntar as vontades de todas as persoas que teñen o corazón en Compostela”.

“Estamos nun momento emocionante, no que se vai producir un cambio á fronte do goberno de Santiago, para que o noso concello se sitúe na vangarda e sexa referente en políticas culturais, ambientais, de promoción económica, de conciliación e de aposta pola diversificación económica e a innovación, coa Universidade como motor principal”, indicou Goretti Sanmartín. “Compostela precisa un novo liderado e estou preparada para dar o salto e, con ambición, desenvolver o modelo de cidade e de rural que arelamos, un modelo xa recoñecible en moitos outros concellos, os dos gobernos municipais do BNG”.

Deste xeito, anunciou que vai intensificar as reunións por barrios e parroquias e con colectivos sociais e, nas próximas semanas, dará a coñecer o primeiro tramo da candidatura do BNG, as persoas que conformarán os primeiros postos da listaxe e “que serán persoas con capacidade de xestión, amplo coñecemento municipal e dedicación total para axilizar a maquinaria do Concello e abrir unha etapa dun futuro mellor; é un equipo preparado para gobernar”.

“Situar as persoas no centro das prioridades, desenvolver políticas pensadas desde Santiago e para a xente que vive e traballa aquí, recuperar o pulso cidadán e traballar man con man, de xeito participado e transparente cos sectores máis dinámicos da cidade” serán “a chave das propostas”, polo que o BNG está “preparado e ilusionado: somos a cidade con mellores resultados en porcentaxes do nacionalismo en Galiza nos últimos procesos electorais e 2023 será o ano do BNG en Compostela”, explicou.

Segundo sinalou, “Bugallo representa nesta altura un goberno esgotado, carente de proxecto, desunido e sen liderado, con incapacidade para afrontar os retos que temos por diante” e referiuse á humanización, a loita contra o cambio climático, a recuperación da vitalidade da cidade histórica, a axenda 2030, a loita contra a pobreza, a diversificación económica, a atención á conciliación, á igualdade e á escoita activa daquilo que teñen que dicir os composteláns. Para Goretti Sanmartín, “a mostra máis evidente do esgotamento do proxecto do PSOE é a renuncia a ter orzamentos en 2023. Saben que o seu tempo xa pasou e non queren aproveitar para beneficiar o conxunto da poboación con investimentos dun orzamento que deixan para o novo goberno, é un abandono total das súas responsabilidades”, incidiu. “Iso foi o que sentimos todos este tempo, cun alcalde submiso cos gobernos da Xunta e do Estado e que mentiu e perdeu toda a súa credibilidade cando prometeu unha choiva de millóns para Compostela, a través do Consorcio da cidade, con 181 millóns de euros que non chegaron e que hoxe non pode nin afrontar investimentos mínimos para que os edificios poidan estar insonorizados e rehabilitados; xa sen falar da necesidade de mercalos para dedicalos a aquilo que precisamos: xente que resida e teña os seus negocios aquí”, engadiu.

“O BNG ten modelo de cidade, proxecto de futuro e xente preparada para abrir un novo tempo de esperanza”. Así, fixo un chamamento “para que todas as persoas que teñan o corazón en Compostela e queiran colaborar connosco se poñan en contacto co BNG no Concello, e no correo electrónico cocorazonencompostela@gmail.com, porque será entre todas e todos, cun proxecto transformador e ilusionante, como mudaremos Santiago”.

Pola súa parte, Xesús Domínguez indicou que “o BNG vai a por todas nas vindeiras eleccións municipais, sabemos que estamos nun moi bo momento, e así como en 2024 Ana Pontón será a presidenta da Xunta de Galiza, imos traballar para que tamén haxa un cambio de goberno en Raxoi e Goretti Sanmartín sexa a próxima alcaldesa”. Anunciou, ademais, que o BNG dedicará os próximos meses a “contrastar as propostas con todos os sectores sociais e veciñais coas alternativas do BNG, e que incluiremos nun programa que será participativo e contará coas ideas que recollamos tras esta intensificación de reunións”.

10 ene 2023 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito