Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Cursos ‘online’ de canto para ser un David Bisbal

    FORMACIÓN. Acaba de abrirse o prazo de inscrición no programa de cursos en liña do Centro Xove, presentado onte polo concelleiro de Mocidade, Rubén Prol. As dúas primeiras actividades formativas son Laboratorio de guitarra 1 e Iniciación á técnica vocal. Segundo explicou o concelleiro, a idea é ir incorporando novos cursos mes a mes, “co obxectivo de contar, a un ano vista, cunha formación en liña realmente ampla e variada sobre temas de interese”. Todos os cursos son gratuítos, duran sobre tres meses ampliables, e están dirixidos á mocidade de ata trinta anos. Rubén Prol explicou que o número de prazas ofertadas depende do cupo de demanda de asistencia que teña o docente do respectivo curso. Non se establece un límite, pero si que se pecharían as solicitudes en canto o profesor cubra as horas de asistencia contratadas.

    O concelleiro destacou que son cursos abertos, de calidade, “moi vencellados á música e á formación cultural en xeral; e moi atractivos para a mocidade pola súa temática”. Outra característica é que son accesibles a todas as persoas interesadas, ao emitirse en liña a través da plataforma do centro xove, a mesma na que se poden inscribir as persoas interesadas. Toda a xuventude inscrita en algunha das actividades formativas pode solicitar atención personalizada do docente. É dicir, é dixital, pero o equipo está ao outro lado, sustentando un proxecto didáctico solvente e transversal.Rubén Prol aclarou que non son meramente cursos en liña. “É unha plataforma bidireccional, que permite aprender ao ritmo de cada persoa, dende a casa; en formato de vídeo, con materiais didácticos e coa posibilidade de reunión virtual co profesor. Nun futuro, cando haxa presencialidade, teremos un catálogo amplo que servirá para capacitar e formar ás persoas, proxectando esta formación cara a outros espazos da cidade. É algo non formal e lúdico, que aporta valor e que brinda a oportunidade de que a mocidade explore a cultura, para logo formarse”, engadiu. As persoas interesadas poden obter máis información na páxina https://www.centroxove.com/cursos. redacción

    28 ene 2021 / 00:00
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito